O Goberno apela a Feijóo para que faga regresar o PP pola "senda da responsabilidade"

María Jesús Montero reiterou a disposición do Goberno a colaborar co PP en canto este abandone a "estratexia da crispación e volva ser un partido con sentido de Estado".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/02/2020 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O Goberno dirixiu este martes unha mensaxe aos baróns territoriais do PP, cintando expresamente a Alberto Núñez Feijóo, e puxo en dúbida que o líder do seu partido, Pablo Casado, estea en "condicións" de regresar "á senda da responsabilidade" e de colaborar na renovación dos órganos constitucionais, un día despois de constatar que o presidente 'popular' se mantén na "estratexia do bloqueo".

"Este país necesita unha oposición centrada, construtiva e leal aos intereses de España (...) Necesita que o PP regrese á senda da responsabilidade, que o faga o señor Casado e se Casado non está nesas condicións, que o faga o PP no seu conxunto", sinalou a ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Montero mostrouse "convencida" de que moitos "militantes e dirixentes" do PP --citou expresamente ao presidente de Galicia, Alberto Núñez Feijoó-- "entenden que hai que renovar con absoluta normalidade, cumprindo a lei e a Constitución, os órganos que fai máis dun ano se tiñan que renovar".

CITA A FEIJOÓ

É máis, a portavoz advertiu de que "non se entende" que quen se autoproclama constitucionalista, "non cumpra a lei e a Constitución" e decida usar as institucións "como reféns" polos seus intereses partidistas.

Referíase así a portavoz ao fracaso da entrevista que mantiveron o luns en Moncloa o presidente do Goberno e o líder da oposición, Pablo Casado, na que este condicionou a colaboración a que Sánchez asuma practicamente o programa do PP, rompendo as negociacións cos independentistas e incumprindo compromisos adquiridos con Unidas Podemos.

Montero lembrou ao PP que a súa tarefa como principal partido da oposición é "ennobrecer as institucións, non desprestixialas" e remarcou que o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Tribunal de Contas ou o Defensor do Pobo son institucións necesarias para o funcionamento cotián do país.

ACUSA O PP DE DETERIORAR AS INSTITUCIÓNS

A portavoz quixo recalcar que a man do Goberno seguirá tendida ao PP para cando este partido abandone "a política de obstrución e de bloqueo" e deixe de "vetar" a renovación destes órganos porque é unha "forma de deteriorar as institucións".

Montero advertiu de que o PP "non entendeu" que un dos principais problemas cidadáns é "o desapego" da política pola percepción de que as institucións "non se preocupan dos problemas cotiáns, non fan política útil e por tanto non serven para o interese xeral".

Tras deixar claro que a oposición de dereitas non conseguirá impedir que o Goberno despregue o seu "proxecto de país", reiterou a disposición do Goberno a colaborar co PP en canto este abandone a "estratexia da crispación e volva ser un partido con sentido de Estado".

A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz (esq) e a ministra Portavoz e de Facenda, María Jesús Montero (dech), comparecen en rolda de prensa tras o Consello de Ministros en Moncloa, en Madrid (España), a 18 de febreiro de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press
A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz (esq) e a ministra Portavoz e de Facenda, María Jesús Montero (dech), comparecen en rolda de prensa tras o Consello de Ministros en Moncloa, en Madrid (España), a 18 de febreiro de 2020.. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta