A renuncia de Luís Villares descobre as estratexas da nova política que xoga a ser como a vella política

Podemos vese con máis forza nas súas esixencias negociadoras. Anova queda sen a baza da sorpresa ante Podemos e o BNG sen a escusa de que a culpa de que poida gañar Feijóo é de que o soberanismo presente outra lista.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 19/02/2020 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

"No canto de estar no combate de ideas estamos nun combate de postos. Isto é lamentable. Nestes días non atopei ningunha razón programática que impida un acordo para que a esquerda concorra unida. Hai que cambiar a forma de facer política no país, xa que estas dinámicas condenan a non poder ser alternativa ao PP". Luís Villares foi claro, meridiano e contundente no seu adeus á política activa.

Alberto Núñez Feijóo (PPdeG), Xoaquín F. Leiceaga (PSdeG), Luís Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG), no inicio da campaña das eleccións galegas 2016. Alberto Núñez Feijóo (PPdeG), Xoaquín F. Leiceaga (PSdeG), Luís Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG), no inicio da campaña das eleccións galegas 2016.
Alberto Núñez Feijóo (PPdeG), Xoaquín F. Leiceaga (PSdeG), Luís Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG), no inicio da campaña das eleccións galegas 2016. Alberto Núñez Feijóo (PPdeG), Xoaquín F. Leiceaga (PSdeG), Luís Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG), no inicio da campaña das eleccións galegas 2016.

As súas críticas foron, especialmente, para aqueles que hai catro anos petaron á porta da súa casa e o convenceron de que deixara unha prometedora carreira de xuíz para dar o salto á política, “a unha nova forma de facer política”, entendía el. Pero esa nova política quedou só no nome, porque Anova ou Podemos acabaron aprendendo o peor da vella política.  "Na vella pugna entre a cidadanía e a clase política, os que somos cidadáns antes que políticos pagámolo caro, xa que os partidos da nova política empregan escusas para facer o de sempre e así imporse á sociedade civil", dixo na rolda de prensa da súa despedida.

A crítica foi contundente cara as cúpulas de Anova, EU e Podemos ás que responsabiliza da perda do activo electoral que En Marou acadou hai case catro anos, colocandose como a segunda forza da Cámara galega en número de votos. Pero tamén para o BNG, ao que acusou indirectamente, de intentar impoñer estratexias e pensar tamén máis no ombigo que no país. “Ao final o problema está nunha desbocada disputa de cadeiras de brazos, o que está por encima de crear un proxecto político solvente e crible para Galicia", indicou.

"Non entendo por que nos temos que enfrontar as mareas co BNG, Anova, Podemos ou mesmo co PSOE. Por que non unha lista de ideas? Dá a sensación de que importamos nós máis que a xente á que dicimos servir", insistiu. Unha crítica directa a desunión que existe na esquerda galega e que contrasta coa unidade e coherencia de proxecto político do PP e da dereita tradicional galega que é quen de, a pesar das grandes diferencias que existen entre boinas e birretes, poñerse de acordo para tirar do mesmo carro ante ameazas crecentes como é a de Vox. Aínda que nesta estratexia sempre axuda ter ao ecosistema tradicional dos medios de comunicación domesticado ao seu carón.

Por iso, a marcha de Luís Villares clarexa, e moito, as estratexias políticas de Anova, Podemos e o BNG. Marcha para non ser un estorbo, se é que a súa presenza era un estorbo, nas negociacións cruzadas que todos manteñen con todos, e, sobre todo, para non ser o branco de ningunha crítica que o acuse de “dividir á esquerda e ao soberanismo”. Marcha canso de falar "con todos" e que "ninguén" lle faga caso. E, tamén, ante a posibilidade duns moi malos resultados indo só a uns comicios moi disputados. A súa marcha, deixa orfo ao grupo de En Marea que, ou acaba presentenadose nalgúnha coalición con Anova ou o BNG, ou é moi probable que non se presente a estes comicios.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega,e o portavoz de En Marea, Luís Villares. EUROPA PRESS - Arquivo

PODEMOS E ANOVA

O que despexa, e moito, o adeus de Villares é que xa deixa de ser unha escusa que poida ser utilizada por Anova para presionar a Podemos ou para configurar unha nova coalición diferente ao do BNG. Se o problema era o seu liderato, a súa posición nesa candidatura, el dá un paso atrás. Deixa así o camiño a que Martiño Noriega, se é valente, poida dar un paso adiante e encabezar unha alianza en clave soberanista entre En Marea, Anova e as mareas municipalistas, tanto as grandes como as pequenas.

Pero, no entorno de Villares, e tras unhas conversas erráticas, confusas e “de despiste” entre as dúas partes, están convencidos de que Noriega é todo o contrario a "valente" e que Anova acabará sendo o “parvo útil” de Podemos. “E agora xa non ten escusas con En Marea. Se se presenta só a ostia será monumental, se se presenta con nós igual hai posibilidades de sacar algo digno, pero seguro que acabará comendo as sobras que lle dean desde Podemos, que serán unhas migallas das que el non vai participar tampouco”, aseguran.

E o certo é que agora unha carta importante da baralla está xa ao descuberto. En Podemos xa saben que utilizar a ameaza de ir sós ou con En Marea non vai a surtir efecto. Así, que manterán o seu plan de negociacións que é contundente: o cabeza de lista será Antón Gómez-Reino “Tone”, o nome da coalición será o imposto por Podemos e que este partido se reserva dous postos de saída en dúas provincias e catro postos de saída no conxunto das listas. Algo que os de Anova “tomarán ou deixarán”. 

Por iso, en Podemos están “máis tranquilos que onte e moito máis que antonte”. Cren que as conversas que mateñen Tone e Martiño Noriega desde o luns “van por bo porto” e aceptan algo que non se acepaba a fin de semana, que o candidato do espazo de confluencia sexa o líder de Podemos Galicia. En Anova confirman tamén que “hai vontade de entendemento” e que, efectivamente, “hai contactos en varios níveis” pero que, en todo caso, será a Asemblea de Anova, convocada para este xoves, a que terá que dar vía libre a este acordo.

BNG

A marcha de Villares, que a priori pode ser unha boa noticia para o BNG, tamén se pode volver na súa contra. De feito, a portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, era moi contundente a este respecto ao valorar a marcha do líder de En Marea. E, tras desexarlle “o mellor" e "sorte", defendía que o seu adeus pode significar que a forza "á alza" en Galicia é o Bloque, polo seu proxecto "serio".

Preguntada por se entende que esta marcha atrás de Villares dálle máis forza, Pontón manifestou, segundo recolle Europa Press, que "o que están a ver, é que o BNG é a organización máis á alza do panorama político galego" e, se se recuperou o "prestixio", é “polo bo facer da organización, polo traballo rigoroso e seriedade, recollendo a tradición do nacionalismo galego".

Unhas palabras que non sentaron moi ben en En Marea. E o certo é que hai tempo que os de Villares queren chegar a un acordo co BNG pero parte da súa dirección oponse argumentando que “non se pode caer en erros do pasado”, en alusión ao acontecido na Asemblea de Amio, agora que a UPG domina todas as estruturas desta formación con man de ferro.

Con todo, no Bloque segue habendo distintas sensibilidades, mesmo tamén dentro da UPG, e unha parte desta formación non vería con malos ollos buscar unha fórmula que integre a En Marea e ás mareas municipalistas sen que semelle unha disolución. De feito, a idea da “fronte soberanista” lanzada polo propio Villares e destacados dirixentes do seu grupo xogaría ao seu favor.

AFINS A VILLARES

Precisamente, e tras o adeus de Luís Villares á política, dous dos deputados afíns a el --procedentes do nacionalismo--, Paula Vázquez Verao e Davide Rodríguez, pronunciáronse a favor dunha "alianza ampla soberanista, de persoas, candidaturas municipalistas, colectivos e organizacións políticas galegas soberanas", o que excluiría a Podemos e Esquerda Unida.

De feito, nas súas redes sociais, compartiron un texto no que consideran que as eleccións galegas poden ser un "salto cualitativo" para a consolidación do soberanismo, tanto para ser, a curto prazo, determinante e forte nun "posible goberno galego progresista", como a nivel estratéxico "fortalecer a base soberanista e, no contexto de reconfiguración territorial do Estado, ter presenza como nación".

No escrito lamentan a marcha de Luís Villares. “Desde onde sexa e como sexa, traballaremos por estes obxectivos: "o desaloxo de Feijóo e o liderado soberanista da alternativa", conclúen.

Luís Villares con membros da Coordinadora de En Marea sobre as eleccións autonómicas convocadas para o 5 de abril
Luís Villares con membros da Coordinadora de En Marea sobre as eleccións autonómicas convocadas para o 5 de abril
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

14 Pepa

O que non acaba de ver a esquerda, nacionalista e non nacionalista, é que seguirá gobernando Feijoo con maioría absoluta.

1 Alienao

A esquerda ou é galega ou non é esquerda. A que iso ti non o sabías?

2 Gamela

Así que cando Néstor Rego inviste a Carmela Silva existe a propiedade transitiva da "galeguidade da esquerda" ? Logo o PSOE é esquerda e tamén galega ? Manda carallo!

13 Fillares

Vemonos no xulgado

12 Gustavo

Agora Villares, `polo "efecto retirada", semella un bendito, un héroe, un exemplo de cordura e consenso. A realidade: foi un líder feble e decepcionante dende o minuto un, e maquinou, arrimándose aos maquiavelos de Cerna, para dinamitar o pouco ou moito de entendemento que houbera na Marea. Que veña agora como o "gran sacrificado" en aras da unidade de...todos (?), que llo merque quen queira. Cando sabe que non ía sair deputado, e que terá que volver á sua profesión, lóxicamente (e con todo o dereito, faltaría máis).

1 Currelante

Gustavo ti non es independiente nin inocente. Logo, en nome de que partida (sic) falas? Muda de nome, que o empregado por aquí cheira a raposo! O que xa dixeron outros: espanta hoxe mesmo ler como no BNG e en Unidas Podemos vos agachades ante o PSOE. Todo por colocar e por chupar do poder, "agora non é o momento" de esixir ante o PSOE. Agora a agacharse, baixar as caixas e a tragar!

2 Gustavo

Este nome, tan auténtico coma o teu de "Currelante", é o que uso para comentar aquí dende hai anos. A miña vinculación con algún partido ou "prebenda" é ter votado ao bloque toda a vida, e ás Mareas dende hai uns anos. Non concibes que alguén teña unha opinión moi negativa da traxectoria política de Villares? Pois eche a que ten moitísima xente, quizáis non a que escribe nestes foros, porque de representativa ten moi pouco. Pero nada home, a buscar fantasmas e conspiracións na opinión da xente, así nos vai nesta política nosa.

11 Alpinista

Lendo os comentarios aprendo moito. Xa sei que peores que os corruptos do Partido Podre e os intereseiros do falsario PsoE, moito peores e perigosos son os trepas de Izquierda Vendida e Postureo-Podemita cos seus asociados autóctonos (fanse chamar soberanistas e son puro entreguismo, competindo co BNG a ver quen se vende máis barato ao PsoEspañol). Patético rupturismo de escaparate!

10 Xanti

Hai que sumar como sexa, e mellor integrarse no BNG e que estes sexan xeneroso, agora mesmo a xente válida da Marea non ten forza ningunha para negociar e non contan moito, a verdade. O que faga ou deixe de facer Martiño el saberá. Penso que Podemos se esnafrará case seguro con ou sen Anova.