O BNG considera un "fracaso" a política de vivenda pública da Xunta e aposta por abrir 4.000 vivendas para xente nova

A candidata do BNG á Xunta de Galicia denuncia que se incrementaron "os alugueres un 30% pola falta de oferta e a paralización da oferta pública", así como "a precariedade e os baixos salarios". Mentres, a eurodeputada Ana Miranda considera a nova lei do xogo como insuficiente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2020 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, denuncia o "fracaso" das políticas da Xunta en materia de vivenda pública e comprométese, ante esta "situación alarmante", a "mobilizar 4.000 vivendas" en réxime de aluguer para os máis novos durante a próxima lexislatura se o proxecto do Bloque chega ao Goberno.

Ao seu xuízo, o dez anos do PPdeG a cargo da Administración autonómica supuxeron un "fracaso dos seus programas propagandísticos" en materia de vivenda que "escasamente conseguiron pór 16 vivendas" a disposición da cidadanía desde 2016. Para Pontón, isto é "un síntoma do fracaso e a incompetencia" de Feijóo nesta materia, censurou este sábado ante os medios en Santiago.

Respecto destes plans "propagandísticos" do PPdeG, Pontón lembrou que "hai catro anos Feijóo comprometeuse a pór a disposición 10.000 vivendas de aluguer en 40 centros históricos de Galicia", pero a "realidade" actual evidencia "a redución en dous anos do 60% do número de vivendas no mercado", moitas destinadas ao aluguer que "hoxe teñen destino turístico".

Ademais, denuncia que se incrementaron "os alugueres nun 30% pola falta de oferta e a paralización da oferta pública", así como "a precariedade e os baixos salarios", que provocan un "gran esforzo" para facer fronte aos pagos mensuais e unha "misión imposible" no caso dos máis novos. Ante esta situación descrita pola candidata nacionalista, o BNG comprometeuse a "pór en marcha unha auténtica política social en materiade vivenda" e "facer dela un dereito que se poida exercer".

100 MILLÓNS PARA ACCESO A VIVENDA

Para cumprir con este obxectivo, o Bloque pretende "mobilizar 4.000 vivendas ao longo da lexislatura" no marco dun plan de aluguer para mozos que "reactive as políticas sociais con medidas de tipo fiscal", xa que entenden que "se se fai presión aos fondos voitre e aos bancos" pódese recuperar vivenda e pola "a disposición das persoas".

Igualmente, apostan por "incrementar os recursos destinados", dotando con 100 millóns de euros un plan especial de acceso e así "duplicar os fondos neste ámbito". Por último, a nivel estatal, a súa idea pasa por "modificar o marco que permite a especulación e que conculca o dereito de acceso á vivenda". Pontón, ademais, procurou aclarar que estas medidas están pensadas para as cidades, xa que é nelas onde "á xente nova e con traballos precarios non se lles permite o acceso á vivenda".

As urbes padecen "a situación máis gravosa" e é nelas onde "se incrementa o número de desafiuzamentos" e onde máis difícil é "o acceso á vivenda digna". Cre que cidades como Santiago de Compostela evidencian este escenario e asegura que os estudantes "viven en pisos terceiromundistas" e ademais sofren un agravente que é a "escaseza".

"Moita xente que estuda en Compostela ten que irse a vivir fóra de Santiago" polas condicións que presenta a cidade e por este motivo comprometeuse a que "o próximo Goberno liderado polo BNG garanta" a vivenda ás persoas e especialmente á "mocidade que quere emanciparse e non pode".

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, en Santiago
A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, en Santiago | Fonte: Europa Press

LEI DO XOGO

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, avaliou como "claramente insuficientes" as medidas sobre o xogo adoptadas polo Goberno central e insta a "ser máis ambiciosos" e cumprir as recomendacións da Comisión Europea (CE) para previr a ludopatía "dada as súas graves consecuencias sociais e sanitarias", segundo indicou a Comisión o pasado mes de setembro.

Neste sentido, Miranda sinalou que o traballo do Goberno debe estar encamiñado a "conseguir a desaparición de todas as casas de apostas dos barrios e que non se emita ningún anuncio en televisión". Así mesmo, destacou que a proliferación destes establecementos, "especialmente nos barrios máis humildes", fai "imprescindible a protección dos potenciais consumidores, en especial aos menores de idade".

A este respecto, lembrou que tanto a CE como a Convención da ONU sobre os Dereitos do Neno advirten dos riscos relacionados coas tecnoloxías da información, incluídos os xogos de azar. En concreto, fixo fincapé na afirmación da CE sobre a necesidade de adoptar "principios" para os servizos de xogo en liña e os seus anuncios, que "protexan" aos consumidores e "garantan" a información apropiada en función da idade. Tamén aposta por un incremento na sensibilización dos nenos sobre "oportunidades e riscos creados pola contorna dixital".

SOLIDARIEDADE CO POBO KURDO

Por outra banda, Ana Miranda trasladou durante este fin de semana a "solidariedade" do BNG co pobo kurdo, do que engadiu "vive unha situación de represión" por "defender uns valores democráticos" como a autodeterminación. A portavoz europea do Bloque asistiu este fin de semana ao congreso anual do Partido Democrático do Pobo (HDP) en Turquía onde denunciou "a constante vulneración" dos dereitos humanos por parte do Goberno turco que "mantén no cárcere a cargos institucionais" do partido kurdo.

Miranda lembrou que o propio Tribunal dos Dereitos Humanos de Estrasburgo pediu que Turquía puxese en liberdade ao copresidente do partido kurdo por considerar o seu encarceramento "un perigo para o sistema democrático vulnerando a liberdade de expresión e o pluralismo político". Ao longo deste congreso, Miranda ten planeados diversos encontros con colectivos do Kurdistán e así continuar "coa longa relación que mantén o BNG cos partidos defensores da autodeterminación e dos dereitos humanos do pobo kurdo", segundo informou o partido nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Como se pode explicar que nin Marea de Vigo (EU e Anova) nin o BNG foran quen siquera de denunciar esta desfeita do patrimonio público en Vigo ? Todos aplaudindo coas orellas as ocurrencias do cabronazo de Abel Caballero !!! Santa Oposición !!! https://flic.kr/p/usvFpZ

1 Bateiro

Si, ti di que sí farinheiro, como vo palmeiro-trol da mafia do PP.

1 Gamela

A mellor política de vivenda debe ser permitirlle a Abel e Carmela Silva VENDER en subasta pública 40 vivendas de propiedade municipal (?) Así é como se poñen vivendas en circulación (para os que podan pagalas!) Malvender o Patrimonio Público debe ser un mérito para PACTAR co PSOE ?