A Asociación de Traballadores Autónomos cifra en 12 os autónomos falecidos en Galicia mentres traballaban en 2019

Avisan que os datos son "preocupantes", xa que os autónomos sufriron máis accidentes graves e moi graves que os asalariados o pasado ano.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/02/2020 | Actualizada ás 11:24

Comparte esta noticia

O colectivo de autónomos en España rexistrou 34.605 accidentes laborais len 2019, dos que 74 resultaron mortais, 36 moi graves e 806 graves, segundo o informe sobre sinistralidade elaborado pola Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) e Mutua Universal. Do total de falecidos, 12 deles rexistráronse en Galicia.

O estudo advirte de que os datos son "preocupantes", xa que os autónomos sufriron máis accidentes graves e moi graves que os asalariados en 2019, ano no que os traballadores por conta propia empezaron a ter cubertas as continxencias profesionais.

En concreto, o número de traballadores por conta allea falecidos o ano pasado alcanzou as 621 persoas, fronte aos 74 autónomos, colectivo que rexistrou un total de 34.605 accidentes laborais, dos que 74 foron mortais, 36 moi graves, 808 graves e os restantes 33.687 cualificados de leves. Dos accidentes mortais, 17 foron resultado dun accidente de tráfico (23% do total).

O 97,3% dos accidentes dos autónomos na xornada de traballo é de grao leve, fronte ao 99,1% que teñen os traballadores por conta allea. Con todo, o 2,3% dos autónomos tivo en 2019 un accidente grave, fronte ao 0,7% dos traballadores por conta allea e o 0,1% sufriu un accidente moi grave, fronte ao 0,02% dos dos asalariados.

O secretario xeral de ATA, José Luís Perea, advertiu da "falta de cultura preventiva" entre os autónomos e pediu ás administracións que cumpran o seu papel de "tutela e vixilancia" das condicións de saúde laboral nas que traballan os autónomos.

Do total de 34.605 accidentes laborais de autónomos, a maioría, dúas de cada tres (68,2%) foron no centro habitual de traballo (23.593), en desprazamento 5.643 accidentes e noutro centro 2.929 accidentes. Ao ir ou volver do traballo os autónomos o ano pasado sufriron 2.440 accidentes.

SECTOR SERVIZOS, O MÁIS ACCIDENTADO

Por sectores, o de servizos, que aglutina o maior número de autónomos (2,17 millóns) foi o que máis accidentes rexistrou, cun total de 13.695, o equivalente a catro de cada dez. Seguíronlle os sectores de construción (9.025), agricultura (4.365), industria (3.894) e transporte (3.626).

Respecto da gravidade dos accidentes por sectores, 26 do total de 74 producidos durante a xornada de traballos corresponderon ao sector servizos, 18 a construción, 11 en industria e 12 en agrario. Ademais, dos 758 accidentes graves na xornada de traballo de autónomos, o 69,6% tiveron lugar nos sectores de servizos e construción.

MAIORES DE 26 ANOS E HOMES

O informe elaborado desde ATA e cos datos ofrecidos por Mutua Universal mostra como practicamente o 78% dos autónomos accidentados en 2019 son maiores de 26 anos, e menores de 55, dos que o 46% dos accidentes (15.940 accidentes laborais) sufríronos os autónomos de entre 26 e 45 anos. Destes 15.940, oito de cada dez accidentes (82,1) sufríronos autónomos homes (13.092). En xeral, o 80,8% dos accidentes sufríronos homes (27.990 accidentes), fronte aos 6.615 accidentes que sufriron as autónomas.

Os principais accidentes dos autónomos prodúcense por caídas (8.141 accidentes laborais) e sobreesfrorzos sobre o sistema musculoesquelético (7.318), especialmente escordaduras e torcedoras (7.595). Por comunidades autónomas, dos 74 accidentes mortais, Castela e León foi a rexión que máis accidentes mortais rexistrou en 2019, cun total de 13 falecidos. Séguenlle en número de accidentes mortais rexistrados Andalucía (12), Galicia (12), e Cataluña (11).

En Aragón producíronse 7 accidentes de autónomos con resultado mortal e en Castela-A Mancha, 6, mentres que Baleares e A Rioxa non sufriron ningún accidente mortal de autónomos na súa xornada laboral en 2019. Á súa vez, Andalucía foi a comunidade que máis accidentes rexistrou en 2019, cun total de 6.171 accidentes, o 18% do total, seguida de Cataluña (4.907).

Protesta de autónomos, entre eles profesionais da venda ambulante galegos, diante das Cortes / www.muypymes.com/
Protesta de autónomos, entre eles profesionais da venda ambulante galegos, diante das Cortes / www.muypymes.com/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta