A Xunta di que colaborará cos afectados pola peaxe de Rande aos que unha sentenza deu a razón

O vicepresidente Alfonso Rueda di que o Goberno galego "estará aí" para axudarlles a reclamar o diñeiro que pagaron de marea "abusiva".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 25/02/2020 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o goberno galego "estará aí" para colaborar cos afectados na execución da sentenza contra Audasa e axudarlles a reclamar o diñeiro que pagaron de marea "abusiva" nas peaxes durante as 81 incidencias que recoñece o fallo que se rexistraron na autoestrada AP-9 durante as obras de ampliación da Ponte de Rande.

Ponte de Rande
Ponte de Rande | Fonte: Miguel Riopa.

Neste sentido explicou que a Xunta está pendente de como se executa xudicialmente a sentenza e se se presentan recursos. "Non sei se fará falta algún tipo de axuda para atender aos usuarios, todo iso poderiámolo ver", explicou.

"Se se nos pide axuda nalgún sentido, fariámolo", engadiu Rueda, que entende que sería "sinxelo" que a sentenza se execute "se quere a concesionaria", dixo.

A maiores, Alfonso Rueda dixo que a sentenza é "unha boa noticia" e que "vén recoñecer que efectivamente a demanda estaba ben posta".

Ademais, o número dous o Executivo galego entende que a sentenza pon de manifesto a "falta de coherencia" do Goberno do Estado e "fai máis difícil de entender a postura da Avogacía do Estado, que no canto de porse ao lado dos usuarios, púxose ao lado da concesionaria".

"Celebro que agora unha sentenza diga que a Fiscalía e os usuarios que protestaron teñen razón", engadiu Rueda.

Por outra banda, o vicepresidente do Goberno galego considera que "onde a Xunta cumpre o seu papel" é na reclamación do traspaso da titularidade da autoestrada, algo que, ao seu xuízo, permitiría que en situacións similares aos atascos en Rande "as cousas funcionen doutra maneira".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta