Almuiña pide "tranquilidade" ante o coronavirus, que obriga a activar o protocolo en varios hospitais

Distintos centros galegos estudaron casos sospeitosos, aínda que ningún deu positivo polo momento. As universidades galegas, pola súa banda, asesoran os seus alumnos no exterior e instan a evitar alarmas innecesarias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2020 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

O conselleio de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, enviou este mércores unha mensaxe de "tranquilidade" á poboación ante a alarma social que está a provocar o coronavirus, unha enfermidade que estes días obrigou a distintos centros hospitalarios galegos a activar o protocolo ante casos sospeitosos, aínda que, polo momento, ningún deu positivo na Comunidade.

Tras os positivos rexistrados a nivel nacional esta semana, Almuiña lembrou que, nestes momentos, España está "na fase un de cinco posibles" e en "contención", destacando que "todos os casos que se deron foron importados".

Durante unha visita ás obras que se están desenvolvendo no Hospital Naval de Ferrol, o conselleiro lembrou o "novo protocolo" establecido na reunión deste martes en Madrid e que incrementa os países dos que poderían proceder os pacientes sospeitosos. Ademais de China, esta situación esténdese a Xapón, Corea do Sur, Irán, Singapur e norte de Italia.

O conselleiro lembrou que é este último país o que dá "máis problemas" aos españois, "por existir unha gran circulación nos dous sentidos, de Italia cara a España e de España cara a Italia".

DESACONSÉLLASE VIAXAR

Ante esta situación, Jesús Vázquez lembrou que "é desaconsellable viaxar ao norte de Italia", algo decidido de forma "unánime" por parte de todas as comunidades autónomas, "do mesmo xeito que ao resto de países" con especial incidencia do virus, aínda que "non está prohibido".

No caso de Galicia, explicou, existe o grupo de expertos galegos en coordinación cos do Ministerio de Sanidade e tamén unha comisión interdepartamental, con varias consellerías, por se "nalgún momento puidese afectar á poboación e por se fose necesario tomar medidas".

En canto á centralización da atención a posibles contaxiados, desde a Consellería de Sanidade recomenda a persoas que crean que poidan padecelo chamar ao 061 ou ao 112. "Teñen que chamar ao 061 e un grupo de profesionais médicos, en colaboración con Saúde Pública, decidirán o que hai que facer e orientarán ao cidadán", resumiu.

Por último, Vázquez Almuiña detallou que o comportamento do coronavirus "é moi parecido ao da gripe". "O que pasa é que a xente xa está acostumada a falar desta enfermidade e non de coronavirus, por iso está a causar una certa alarma social", destacou, engadindo que "os tratamentos son tamén moi similares".

PROTOCOLO ACTIVADO EN DISTINTOS HOSPITAIS

Aínda que en Galicia non se produciu ningún positivo por este virus polo momento, distintos hospitais activaron estes días os seus protocolos ante casos sospeitosos, a maior parte relacionados con persoas que estiveran no norte de Italia.

En concreto, este mércores, facultativos do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo descartaron que dúas persoas cuxos casos se estudaban como sospeitosos de coronavirus contraesen a infección. Ambas foron remitidas aos seus domicilios tras a confirmación.

Este non foi, con todo, o primeiro caso estudado na cidade. De feito, hai unhas dúas semanas, unha veciña de Chapela, do municipio pontevedrés de Redondela, que estivera recentemente en China, foi sometida a diversas probas ante un posible caso sospeitoso de coronavirus que, finalmente, foi negativo.

Tamén no Hospital Clínico de Santiago se activou este mércores o protocolo ante a presenza de dous pacientes sospeitosos, que finalmente deron negativo e descartan contaxio. Outros centros, como o Hospital Lucus Augusti (HULA) ou o Hospital de Ourense analizaron durante a xornada casos sospeitosos deste virus relacionados con persoas que estiveran en Italia. No último caso, xa foron descartados.

Cidadáns con máscaras en Madrid - Eduardo Parra - Europa Press
Cidadáns con máscaras en Madrid - Eduardo Parra - Europa Press

ALUMNADO DAS UNIVERSIDADES NO EXTERIOR

As universidades galegas chaman á calma social e, en especial, ao alumnado que se atopa este curso nos principais países afectados polo COVID-19, o coronavirus. Neste sentido, aseguraron que están a monitorar a evolución da alerta sanitaria e que se facilita asesoramento e recomendacións a estes estudantes, sobre todo no caso de Italia.

A Universidade de Santiago de Compostela publicou un comunicado no que constata esta "comunicación constante", tanto co alumnado e traballadores da institución, as universidades coas que existe algún tipo de convenio de intercambio de estudantes, como co Ministerio de Sanidade, a Xunta e outros organismos.

Neste sentido, realizou un chamamento "a evitar a alarma innecesaria e a confiar nas medidas e accións emprendidas polos diferentes países para controlar a epidemia e minimizar os seus efectos", e reiterou que o seu obxectivo principal é "garantir a seguridade do alumnado e persoal" que se atopa realizando unha estancia en mobilidade.

A USC recomenda, así, a consulta e seguimento dos protocolos establecidos pola Organización Mundial da Saúde, as autoridades nacionais e locais.

A institución académica da Coruña tamén difundiu un comunicado sobre o seguimento da situación do alumnado nos países afectados e pediu confianza nas medidas tomadas polos diferentes países para minimizar os riscos e controlar a alerta. Segundo os datos facilitados, a universidade conta con alumnos en Italia e Corea do Sur.

Como resposta ao aumento de casos no Norte de Italia, as autoridades de Lombardía, Véneto, Reggio Emilia e Piamonete pecharon os campus universitarios polo menos ata o 1 de marzo, recomendan aos alumnos comunicarse por vía correo electrónico e frecuentar o menos posible lugares comúns.

No caso de Corea do Sur, as universidades do país decidiron atrasar dúas semanas o arranque das clases, ata o 16 de marzo, e os estudantes que se atopan alí están a recibir o apoio tanto das institucións académicas de destino como da Oficina de Relacións Internacionais da UDC.

EMPRESAS

O Grupo PSA conta cun equipo que analiza a situación do coronavirus "a diario", aínda que destacan que por agora non rexistraron un impacto importante por iso. "En España e resto de Europa temos plataformas modulares multienerxía que nos permiten adaptar a produción a calquera combustible, porque se fabrican na mesma liña de ensamblaxe", aseguraron desde a compañía francesa a Europa Press, que conta con tres plantas en España (Vigo, Madrid e Zaragoza).

As plantas de fabricación vehículos instaladas en España traballan actualmente con normalidade e non prevén problemas de subministración "a curto" prazo polo brote de coronavirus, segundo informaron a Europa Press fontes da Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta