En todas partes

No seu quinto cabodano, Teresa Doval Grela está en Wisconsin, en Mugardos e en todas partes

Por Gabriel Rei-Doval | Glendale (Wisconsin, USA) | 29/02/2020 | Actualizada ás 23:39

Comparte esta noticia

Hai cinco anos que partiches, na friaxe bisesta de febreiro, levando contigo o principio dos tempos.

Teresa Doval, no Oak Leaf Trail de Milwaukee, en 2006
Teresa Doval, no Oak Leaf Trail de Milwaukee, en 2006

Cando penso que te fuches, Teresita, o aire torna en sombras de skai con envés floral encarnado. Hoxe acordei en Glendale lembrando os seráns infantís co home e a terra previos á perda de tódalas perdas. Longas noites de madeira ceándomos en cadeiras de cilindros verdes, compartindo silencios, empatías e afectos que non cesan.

Viñeches a Wisconsin dúas veces. A primeira tres lustros atrás, a segunda hai unha década. Lembro o susto extremo na túa cara e mailo gozo infindo de reencontrármonos en O’Hare no teu primeiro voo alén mar desde Barajas.

En Milwaukee gozaches dos paseos florais ata North Point Lighthouse, rezaches por todos en Holy Hill, admiráche-los retablos de Saint John Cathedral e compartimos banco en Saint Stanislaus. Bendita ti es entre tódalas mulleres, Teresita. 

Como me anunciaras, a de 2009 foi a túa viaxe derradeira a América. Aínda gozamos de moitos solpores no faro por detrás da Palma, do salpicón e as ameixas en San Felipe, das ondas do mar de Chanteiro e dalgunha travesía en lancha pola ría. 

Teresa Doval, na 'faba loba' de Chicago, en 2009
Teresa Doval, na 'faba loba' de Chicago, en 2009

Lembro o teu sorriso falando dos bailes con Marina en Baños da Brea e das visitas ó Cristo con Chicha e asemade os paseos polo Camiño Vello ata o río da Redonda. Tamén as viaxes a Galapagar, a visita ó Thyssen con Manuel Ramón e a túa misa derradeira en Bertamiráns. 

O teu humor era sutil, especial e xenuíno. Na Magnificent Mile de Chicago ataquei a rir cando chamaches faba loba á Cloud Gate de Michigan Avenue e aínda hoxe sorrí o meu ser cando contemplo os coidados xardíns de Wisconsin que tanto admirabas.

Sempre falaches con palabras verdadeiras e auténticas, como cando afirmaches a lancha de Geneva Lake non poder compararse coa da nosa ría. E finalmente, claro, a empatía, esoutro agasallo eterno que, xunta ó amor sincero que non cesa, nos deixaches para sempre.

Estiveches toda a vida no Baño, ás veces en Pozuelo e durante un tempo en Wisconsin. Mais hai cinco anos o teu amor e a túa luz esparexéronse polo mundo. Xa non estás só no Cristo. Agora estás en todas partes.

Teresa Doval, no Milwaukee Art Museum
Teresa Doval, no Milwaukee Art Museum
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA