O poder do berkelio

O explorador emocional Gabriel Rei-Doval arriba á Universidade de California nesta sesaxésimo cuarta entrega de Viaxes sen Lee

Por Gabriel Rei-Doval | Berkeley (California, USA) | 25/12/2023 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

De mañanciña deixei o ruralismo pagán de Geyserville con destino Berkeley. Coa ruta californiana avanzando a toda máquina, a miña lomba protestaba tras meses de condución sen tregua ó longo do país. Así que procurei axuda na mellor fisioterapia coñecida para o carrelo: o yin ioga que Ed ensinaba con esmero en Berkeley WMCA martes e xoves á tardiña.

En Sather Gate, entrando na Universidade de California en Berkeley
En Sather Gate, entrando na Universidade de California en Berkeley

Acomodeime no barrio de Westbrae e alá fun mima-la lomba magoada. Identificado como membro do clube, camiñei ata a sala rectangular onde Ed agardaba sentado na súa esteira rectangular con lentes metálicos redondos e inigualable sentido do humor panoco. 

A clase foi revitalizante e os tecidos agradeceron o suave estiramento. No vestiario para a ducha xurdiu Xander, en conversa animada con Ed, a relata-los dilemas do departamento californiano onde ensinaba antropoloxía. Dispoñíame a recupera-la roupa de rúa cando a voz irónica de Ed me convidou a acompañalos nunha sesión vespertina de jacuzzi: just love yourself, dixo con retranca californiana. As burbullas de auga foron desfacendo os nós da miña columna mentres Xander debullaba a situación que o levara ata Berkeley na fase final da súa vida académica.

Durante anos, no suroeste de Australia, o seu marido gozara dunha praza de director do Center for Queer Studies mentres el, afortunado consorte, ensinaba antropoloxía lingüística na universidade de cuxo nome non quixo lembrarse. Alí foran felices durante anos e fixeran amizades coa comunidade aborixe das antípodas. Tanto así que unha líder local indíxena aceptara ser nai subrogada dos seus espermatozoides extraviados no limiar da senectude. Tan serodia fertilización criara un triplete de pícaras australiano-americanas que porén acabaran por separa-la distinguida parella de académicos, océano por medio, e xera-lo retorno de Xander ó sistema académico de California.

Como resultado de tan azaroso vieiro, Xander cambiara cueiros por partida triple e hogano laiábase da dificultade de aconsellar tres adolescentes rebeldes sobre os mellores métodos anticonceptivos. Xa que logo, o ioga, o jacuzzi e mailos dilemas da antropoloxía estrutural eran os mellores refuxios para a súa mente itinerante. As sisudas discusións académicas entretiñan o seu maxín racional a diario mentres o ying ioga e o jacuzzi lle facían soportar mellor as tensións paterno-filiais de xénero.

Mais ó inquirir nas dificultades interxeracionais e de xénero, Xander preferiu relata-los escándalos da súa universidade. Sen intervir no seu relato, deixeille esfola-la dinámica departamental entre antropólogos de orientacións biolóxica e arqueolóxica. Como representante da antropoloxía social, Xander procuraba manterse alleo ás regueifas habituais no seu departamento, onde a maioría dos seus compañeiros, adscritos á liña biolóxica, beberan da exclusiva fonte programática de Harvard.

O ton da suave voz de Xander mudou cando dos dilemas monoparentais pasou ós académicos e a presión arterial levouno a procura-la fresca sensación da piscina. De volta no jacuzzi, Ed reiterou as chamadas á paz mental e apertura do corazón que invocara no remate da súa clase, pero Xander insistía nas dificultades para dixerir, nun ambiente familiar desfavorable, as absurdas tensións entre bandos académicos irreconciliables.

O director do departamento, un moreno gringo sen produción científica coñecida, consolidárase inexplicablemente ante a pasividade dos colegas e, unha vez agarrado ás asideiras do poder departamental, dedicárase a controla-lo papelame bur(r)ocrático con criterio asnil zigzagueante, mentres uns se refuxiaban nos seus proxectos de investigación e outras en actividades académicas creativas. Xander coidaba que a produción científica causaba desleixo ou envexa ante quen prefería bloquea-la creatividade allea a saír da súa mediocridade profesional universitaria. 

Como a todo isto Ed seguía respondendo love yourself, Xander ollaba para min na procura de respostas máis elocuentes. E eu, que comezaba a marearme coa alta temperatura daquela bañeira circular, suxerinlle seguirmos conversando noutro lugar, ó que respondeu citándome para o día seguinte en Sather Gate. E cal será a axenda da nosa xuntanza? -inquirín-. Xander miroume con ollos azul celeste e respondeu lacónico: o poder do berkelio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA