1 de 15 en Viaxes seguinte

Mugardos, California

O navegante emocional Gabriel Rei-Doval asiste incrédulo a revelacións galego-americanas imposibles nesta septuaxésimo primeira entrega de 'Viaxes sen Lee'

Por Gabriel Rei-Doval | Santa Barbara (California, USA) | 04/05/2025 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A cita na Santa Bárbara californiana para esclarecer conexións mugardesas transatlánticas descolocárame completamente. O traxecto desde Tajiguas Beach ata o centro da cidade demorou tanto como a viaxe entre Chanteiro e San Felipe na Costa Ártabra galega, mais o vieiro foi menos sinuoso. Crucei o centro de Goleta a través da sempiterna 101, entrei no cerne de Santa Bárbara e procurei refuxio en Anapana antes de apertar Morfeo.

A esquina do Finney's no centro de Santa Barbara
A esquina do Finney's no centro de Santa Barbara

O día seguinte percorrín praias e camiños entre Shoreline Park e Butterfly Beach, espreitando a liña do horizonte mariño e preguntándome que singradura me trouxera desta volta ata aquela Santa Bárbara de poboación similar ó rebuldeiro Ferrol dos setenta.

Camiña-los mil camiñares pola costa de Santa Bárbara induciu o meu relaxar vespertino camiño de Finney's, onde Pedro me citara entre tixolos vermellos para compartir conexións misteriosas. Por iso tomei refuxio na máis abstemia das cebadas para cavilar nos vínculos que conectaban condados e vidas na suave California.

Santa Bárbara é a onomástica máis teimuda da miña familia paterna. Nacenza e morada maior, nesa rúa de Ares envorcou o meu presente máis inmediato. Por iso hogano penso adoito en Santa Bárbara cando trona no meu presente de Wisconsin.

A Santa Bárbara californiana semellaba accidental e fuxidía. Mentres o meu padal vixiaba o centeo das memorias pretéritas, adiviñei o escintilar duns ollos escrutadores desde a porta de Finney's, de onde xurdiu un ollar louro celeste camiñando cara a min con monótono fungar californiano.

Onda o peirao de Santa Barbara (California)
Onda o peirao de Santa Barbara (California)

Sentou na mesa de madeira daquel recuncho mareiro onde agardaba pola resolución do misterio mugardés transatlántico. Pedro presentoume a Otto, piloto de Southwest Airlines con base en Santa Bárbara. Algo no seu ollar celeste cheiraba a familiaridade, e apenas comecei a falar espetoume un do you know Graña? Abraiado, retruquei of courseAnd Bestarruza? 
-continuou. Sure -retrousei de novo. As miñas lacónicas respostas abriron o soliloquio en fervenza de Otto, a quen fitei durante horas de cumprido fin.

Seu pai saíra desde a Bestarruza mugardesa unha noite de inverno con proa ó Faro da Redonda nun veterano boi da molida de vela cangrexa, foque e motor de cabeza quente. Ó escoitar aquelas referencias case esvaín sobre a cero-cero que apertaba entre as mans. Otto detallou no seu relato o ronsel daquela embarcación entre A Palma e Cabo Prioriño, onde as ondas do mar de Ferrol comezaron a bater con forza na cuberta de bandas elevadas unha noite dos cincuenta. Entre os ocupantes, seu pai Wilhelm, cociñeiro do Max Albrecht da Kriegsmarine nazi refuxiado na Base Naval da Graña, e súa nai Julia, de boa familia falanxista mugardesa. O permiso de residencia e traballo salchicheiro do pai no mercado ferrolán non conseguiran aplaca-lo seu desacougo coa política franquista a abalar entre as esperables lealdades co fascio e o coqueteo coa emerxente potencia estadounidense. Erwin, tripulante do U-760 da Kriegsmarine nazi, fuxido do Bessel e agachado por un tempo nos montes de Sillobre e Magalofes con temores similares, unírase a eles devecendo tamén por navegar alén mar, onde outros camaradas nazis os integrasen anonimamente no edén latinoamericano.

O boi da molida completara o cuarteto de tripulantes con Cagigao, mestre de taller e imprevisible sindicalista da ferrolá Sociedad Española de Construcción Naval, acosado pola súa inestable lealdade ó puño e a rosa. En noites de troula xuvenil entre Esteiro e Mugardos, Cagigao partillara con Wilhelm, Julia e Erwin fuxidas odiseicas coma a de Arturo Meis e os mariñeiros a bordo do Novo Emden. Se eles cruzaran o Atlántico nunha embarcación de cámara única, por que non facelo tamén os catro co seu motor dun cilindro de cabeza quente?

Tras unha tormenta atlántica imposible tiveron que refuxiarse nos Azores e tranquilizaron a familia García de la Rocha en Mugardos cun cablegrama que informaba da súa chegada, sans e salvos, á Illa de San Miguel. A treboada amainou, mais seguían atemorizados polas incertezas do ronsel americano. Ansiaban chegar ó cálido Brasil onde compatriotas nazis refuxiados ó abeiro do Estado Novo puidesen servirlles de acubillo como fixeran con outros camaradas teutóns fuxidos en 1945.

Pero a noite seguinte a saíren de Ponta Delgada cara a América desatouse outra treboada, máis infernal aínda, que os tripulantes non deron capeado con éxito. Aquela xente ó lonxe occidental de San Miguel entrou en pánico mentres o boi da molida, cercado polas ondas grandes do mar, se mergullaba nas profundidades do Atlántico. En medio de imploracións a Neptuno e Santa Bárbara, a precaria embarcación bateu con estrondo cun obxecto submarino non identificado con forma de halo que, tras izalo de novo á superficie treboenta, acabou engulindo o boi da molida nunha especie de ventre metálico ovalado.

As memorias dos tripulantes son, a partir de aquí, escuras, fragmentarias e contraditorias. Uns dixeran que aquel ventre silencioso descendera de novo ó fondo dos océanos e virara sobre si mesmo infinitas veces ata apareceren todos flotando nunha cápsula inerte, mentres outros sentiran estaren voando a velocidades imposibles cos seus corpos a levitar nun baleiro gravitacional estático. Ninguén soubera canto tempo viaxaran nin como ou que ruta concreta seguiran. Canto lembraban fora acordaren todos flotando nunha zodiac onda Rincón Island, na costa meridional de California.

Cando Otto -o piloto- rematou a súa narración, pensei nas historias que ninguén cre e non souben que dicir. O meu abraio debeu ser tan obvio que Otto ficou calado por un intre e, antes de marchar con Pedro, encheu o silencio cunha afirmación final: máis detalles sobre Mugardos, California mañá, ás dez en Seacliff. Aparta en Rincon Beach Park Drive. Sé puntual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA