1 de 17 en Viaxes seguinte

A redención de Ares

O navegante emocional Gabriel Rei-Doval sobrevive a unha treboada diacrónica de espías nesta septuaxésimo segunda entrega de 'Viaxes sen Lee'

Por Gabriel Rei-Doval | Ventura, California (USA) | 29/06/2025 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Aquela noite apenas puiden durmir a pesar dos intentos de corta-lo diálogo interno. O remuíño de conexións imposibles entre Ferrolterra e California retaba os máis básicos principios da lóxica marítima. Acomodado no motel, peiteei internet con devezo na procura de respostas históricas a aquela libertinaxe viaxeira xermano-galega. Cando atopei o traballo de Bernardo sobre os mariños nazis na posguerra dA Graña, a tolemia marítima comezou a encaixar na historia comarcal da Costa Ártabra. Agora si que ansiaba a chegada do día seguinte no Condado de Ventura.

As praias de Sea Cliff en Ventura, California (USA)
As praias de Sea Cliff en Ventura, California (USA)

Saín de mañanciña cara a Sea Cliff pola Hwy 1 coa atención posta nas revelacións pendentes, apartei na saída 78 cara a Hobson Beach Park e aparquei onda Hobson Grill & Pizza Shack. Como chegara cedo a aquela choupana de surfistas extraviados, tiven tempo de baixa-las escaleiras da praia, camiñar en dirección sur e fita-lo horizonte azul e as ondas a romper sobre as rochas da ribeira. Que coñecemento silencioso gardaría a beiramar de Ventura? Naquel punto, a única opción para resolver misterios semellaba a conversa que Otto puidese facilitar.

Na mesa da terraza, pedín pancakes con xarope e té negro e, nun santiamén, xurdiu Otto o piloto, acompañado dun louro alto coma abeto douglas. "This is Ares" -dixo Otto. "Meu pai vive en Ares" -retruqueille. O azar onomástico abriu a caixa de Pandora das confesións familiares. Ares era fillo de Erwin, oficial do U-760 da Kriegsmarine nazi fuxido no boi da molida con seu pai desde Mugardos nos 50. As familias de Otto e Ares quedaran xunguidas pola odisea que os levara inexplicablemente ó sur de California. Erwin criara os seus fillos -Ares e Helga- na máis estrita moral conservadora, ocultando o pasado nazi baixo a marcial dedicación ós servizos de intelixencia estadounidenses. Outros camaradas do fetichismo gammado instalados en California, sabedores da súa experiencia como oficial da Abwehr, axudáranlle a converterse en espía da CIA, auxiliado polo seu adestramento en intelixencia militar.

A experiencia foille útil para oculta-lo pasado nacionalsocialista á súa familia estadounidense. Ares tivo que agardar ata xurdiren en seu pai síntomas de demencia por corpos de Lewy contra 1990. Daquela, os episodios máis sepultados na súa mocidade gammada saíron a gallarón da mente de Erwin. As confesións insólitas que lle facía cada semana a Ares durante as visitas ó xeriátrico onde rematou os seus días perforaron como bombas antibúnker o amor que sentira por seu pai desde a infancia. Ares non podía explicarse como o pai puidera ocultarlle durante décadas a súa temperá entrada nas xuventudes hitlerianas e maila posterior recalada na intelixencia naval da Abwehr a bordo do U-760, varado durante anos na Ría de Ferrol. Mais atando cabos de historias infantís e delirios de Lewy no xeriátrico de Ventura, Ares entendeu por que seu pai quixera volver como axente da CIA á Ría de Ferrol en 1966. A misión oficial era despista-la Mariña Española da espionaxe en curso cun prototipo da NASA sobre a Bazán, onde Arabia Saudí construía fragatas en pleno conflito árabe-israelí. Para pasar máis desapercibido en Ferrol, Erwin alugara unha casa modesta na Rúa da Franxa, preto do mercado de Ares.

A misión de Erwin era dupla. Dunha banda, asegurarse de que a misión sobre os estaleiros fose todo un éxito; doutra, saber do fillo de Paca que estaba de camiño en Ares cando escapara desde A Bestarruza no boi de molida. Dez anos despois, non daba esquecido o pequeno concibido dez anos antes.

Mais cando viaxou a Ares en 1966, Paca pasara páxina casando cun honrado pescador do Lago que dera apelido ó seu fillo e rexeitou os dólares americanos que Erwin lle levara unha noite de inverno. A negativa de Paca condenou Erwin a pasear a diario pola beiramar, entre a Casa de Prin e a ponte vella do Lago, desde onde ás veces continuaba ata o Xabre dos humildes mariñeiros aresáns.

Entristecido pola morte na Rúa Real ferrolá unha década atrás do seu camarada Brendel, con quen tivera contacto directo durante anos de amizade xermano-ferrolá, naquela renovada misión na Ferrolterra como axente da CIA optara por vivir de incógnito en Ares preto de Paca con frialdade calculada, pasear ata Redes en mañás de domingo e contempla-la bravura das ondas de Estacas mentres remataba a misión secreta que o levara á Costa Ártabra.

Coa cobertura legal de cidadán estadounidense ó servizo da administración Johnson e unhas forzas franquistas rendidas a Mr. Marshall, a súa misión fíxolle percorre-la costa entre Ares, Prior e Bares como parte do seu traballo na intelixencia estadounidense. Tralo accidente de Palomares, no que lle tocara colaborar, o inverno transcorrera tranquilo ata o desenlace da operación NASA

O dous de abril, un aparello espía camuflado de OVNI da axencia espacial norteamericana acabara esnafrado preto de Prioriño e tivera que mediar coas bases dA Graña e de Rota na ocultación e posterior traslado secreto dos restos; mais as súas notables capacidades de coordinación supuxéranlle o recoñecemento definitivo desde Langley e garantíranlle un tranquilo final da súa carreira nos servizos de intelixencia estadounidenses.

De volta en California, deu por pechado aquel intento de redención dos seus pecados carnais no Ares da posguerra e optou por crear outro Ares, un fillo que lle lembraría a vila onde por primeira vez fora pai e asemade a raza á que pertencía con calado orgullo. 

E velaí como Erwin pasou páxina ó chegar Ares ó mundo en 1967, redimindo o pai dos pecados arios. Mais a teimuda anicca e a súa pertinaz impermanencia evitaron o perdón eterno: a liberación aria acabou desembocando na redención xenérica de Ares. Mais esa é xa unha historia diferente, que contaremos noutro lugar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA