Por Gabriel Rei-Doval | Laguna Beach (California, USA) | 12/07/2025 | Actualizada ás 10:35
A longa conversa con Ares ficara inconclusa. Mais a súa residencia habitual estaba en Laguna Beach, a tiro de pedra do temperado Irvine onde o profesor Schwegler me convidara para dialogar sobre hibridación lingüística.
Como o fume dos incendios anxelinos desaconsellaba conducir preto da cidade, Armin suxerírame dar un amplo rodeo para chegar a Irvine. A conversa académica na súa casa foi suxestiva, os seus alumnos absorberon con entusiasmo a situación galega e a elegante empatía xenebrina da súa dona Rahel converteu aqueles días nun oasis cálido coma o suave clima de Irvine.
Mais a miña ansia por saber máis da conexión galego-californiana levoume a unha longa tarde en Laguna Beach con Ares. Paseamos pola beiramar elevada daquela vila moldeada por hippies setenteiros onde Ares atopara o apoio da comunidade LGTBI; á tardiña, onda o mar, rematámo-la conversa interrompida sobre vicisitudes familiares e coincidencias onomásticas.
A chegada redentora de Ares á vida de seu pai enchera os seus anhelos arios, mais bloqueara ata o seu pasamento a opción contra-hexemónica de xénero que contrariaba o seu conservadurismo. Estudara márketing para compracelo, pero xa na adolescencia comezara a aliñarse coa decoración artística que inspiraba o quefacer profesional da nai. Con todo, a morte do pai liberouno do xugo conservador que coutara tantos anos en silencio a súa natureza de xénero.
Co falecemento de Erwin, Ares atopara máis alá de Laguna Beach que os berros eran iguais mesmo se as palabras eran distintas e el negro e ti branco. Dedicado á pintura figurativa e a poesía simbolista, investía o seu tempo representando masas de auga inxentes, á marxe dos estudos de mercado e afastado dos devezos por incrementa-la demanda comercial.
O pai faláralle do Lago de Ares e agora vivía na Laguna Beach californiana. O noso dicionario só diferencia lagos e lagoas, mais o portugués fala tamén de lagunas salgadas coma a californiana onde a participación do mar condicionou a formación xeolóxica singular. Ares mudárase a Laguna Beach para aperta-lo seu cerne de xénero co apoio da nai. Mais aquela decisión convertera tamén en insalvable a distancia coa súa irmá Helga, instalada en Las Vegas co seu marido supremacista nun fanatismo gammado intolerante e radical. O pasamento da nai disolvera os elos que os uniran desde a infancia e consolidara unha animadversión virulenta de Helga cara a Ares. Helga comezara a laretar contra seu irmán todo tipo de trolas e, con embustes, conseguiu converter Ares nunha lagoa respecto ó resto da familia. Ares seguira medrando como persoa en Laguna Beach, querendo a súa irmá en silencio e agardando o seu retorno a unha mínima normalidade relacional.
A canga paterna que o atoara por un tempo afastábase na distancia do Lago de Ares, afluído hogano en salgada Laguna Beach dos amores libres. O pasamento da nai e a involución aria de Helga achicaran os canais entre lagos e lagoas familiares, cada vez máis estancados, enxoitos e contaminados.