Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/06/2025 | Actualizada ás 22:00
Hai delitos que deixan pegada sen ruído. Non precisan grandes organizacións nin redes internacionais, pero si teñen consecuencias directas sobre a biodiversidade, a sustentabilidade dos recursos e a convivencia no rural. A caza ilegal forman parte desa categoría: prácticas aparentemente illadas, que moitas veces se xustifican como tradición ou como resposta á frustración do día a día, pero que agochan condutas ilícitas, instrumentos prohibidos e unha agresión constante aos ecosistemas. En Galicia o Servizo para a Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil enfróntase a diario con esta realidade. A axente Elena Moya, durante as xornadas Nature FIRST, celebradas a pasada semana en Lugo, puxo exemplos concretos: armas con silenciadores, trampas ilegais colocadas en fincas e mesmo trofeos de caza obtidos de forma ilegal que se intentan legalizar con documentación falsificada.
O panorama é variado, pero o patrón repítese: infraccións frecuentes, danos ambientais importantes e, moitas veces, impunidade. A presión sobre o monte non vén só da sobreexplotación legal, senón tamén destas prácticas ilegais que se agochan entre as rutinas do día a día. Porque detrás dun lazo ben colocado hai unha realidade que pon en perigo o equilibrio do que nos rodea. Non é só un problema de normas ou de sancións, senón unha cuestión de responsabilidade colectiva. Porque o que se saca dun monte sen control non é só materia: é o noso futuro que se ve truncado por mans indesexables. A fronteira entre a legalidade e a ilegalidade, moitas veces, faise difusa, e é nese espazo no que medra unha economía paralela que se alimento do que é de todos e de todas.
CAZA FURTIVA: SILENCIADORES, LAZOS, TROFEOS E DOCUMENTOS FALSOS
Entre os ilícitos máis frecuentes está a caza con medios ilegais, como armas con silenciador, que permiten disparar sen ser detectados, ou a utilización de lazos, artiluxios non selectivos que poden atrapar calquera animal. "En Galicia atopamos moitos casos de colocación de lazos vinculados á 'prevención' de danos en explotacións agro-gandeiras, especialmente para evitar a entrada do xabaril ou do lobo", asegura Moya, que advirte de que "algúns gandeiros optan por usar métodos prohibidos para evitar eses danos, algo que é un delito". E é que o emprego de lazos de aceiro --trampa feita cun cable ou fío de aceiro que forma un círculo corredizo, colocado no chan para que, ao pasar un animal, quede atrapado polo pescozo, pata ou tronco, causándolle feridas graves ou mesmo a morte-- é unha práctica prohibida pola súa natureza non selectiva e polo sufrimento que causa aos animais. A pesar diso, cada ano seguen rexistrándose novos casos en Galicia, tanto de lazos como de emprego de armas e munición prohibida. Estes son só algúns exemplos:
Outro fenómeno preocupante e que vai en aumento é a falsificación de trofeos de caza. "Hai quen obtén un exemplar ilegalmente, pero logo intenta legalizado falsificando documentación para expoñelo na súa parede coma se fose legal", explicou. A falsidade documental é un delito asociado habitual nestes casos:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.