Afectados polas verteduras da gandaría industrial nas Conchas, desesperados: "As administracións levan anos mirando para outro lado"

O TSXG acolleu a primeira das sesións tras a demanda que presentaron e na que este venres achegaron periciais.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 13/06/2025 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu este venres a primeira das sesións pola demanda da poboación das COnchas, en Ourense, ante o que consideran "inacción" das administracións fronte ás verteduras de gandaría industrial. Fano, explicaron, para esixir que se busque aos causantes e unha "solución". Tras presentar periciais dos demandantes, o procedemento seguirá o día 20, ás 10.00 horas, coas dos demandados. Os peritos dos promotores da demanda ratificáronse nas súas conclusións en cuestións que abarcan desde a orixe do problema ata os cheiros ou os riscos para a saúde.

A vista chega tras prohibirse o día 5 o baño no encoro despois de que a Dirección Xeral de Saúde Pública activase o nivel 3 de risco debido ao alto volume de cianobacterias, polo que existe unha "alta probabilidade de efectos adversos para a saúde" en caso de contacto. Así, este nivel actívase cando o volume de cianobacterias supera os 8 mm3/l ou a presenza de bacterias é alta, ou se detectan espumas e 'natas' de cianobacterias en áreas onde pode haber contacto directo cos bañistas e existe risco de inxestión e/ou aspiración.

Este venres nove demandantes, entre eles sete veciños, a Asociación de veciños das COnchas e a Federación de Consumidores e Usuarios CECU, levaron ao Goberno autonómico e outras autoridades públicas ante os tribunais galegos pola presunta "mala xestión da contaminación xerada pola gandaría intensiva". Neste sentido, explicaron que as entidades encargadas de aprobar estas instalacións "están obrigadas", pola lexislación española e europea, a "protexer a auga e o chan da zona, mesmo cando toman decisións sobre a autorización de explotacións gandeiras intensivas".

"GRAVES IMPACTOS SOBRE A SAÚDE"

NoN entanto, aseguraron, "ano tras ano autorizáronse centos de explotacións de gandaría industrial" xunto ao río Limia, "a pesar dos graves impactos ambientais e sobre a saúde que representan". Por iso, afirmaron que "os residentes se senten expostos a graves riscos para a saúde"; nin sequera poden abrir as xanelas nos días calorosos debido ao "fedor insoportable da contaminación".

A asociación Amigas da Terra comunicou que, "a pesar de todas as evidencias sobre a contaminación" e os "intentos errados" por parte da comunidade para que as autoridades tomen medidas, estas aseguraron, segundo a súa versión, "que a auga é segura para bañarse". Ademais destacaron esta é a "primeira demanda na que un tribunal en Europa xulga o impacto sobre os dereitos humanos fundamentais das explotacións gandeiras intensivas e a contaminación que provocan na auga".

DENUNCIAS DOS AFECTADOS

"A nosa vida nos últimos quince anos é terrible", dixo, en declaracións a Europa Press, Mercedes Álvarez, unha das veciñas demandantes que pediu que se priorice a saúde e o respecto ao medioambiente. Fíxoo reclamando que se busque aos "responsables da contaminación". "Demandamos directamente ás administracións porque non somos quen de acusar a ninguén, que busquen eles quen é o causante e que se poñan os medios para arranxar isto, que se busque o foco do problema e que nos dean unha solución".

E é que sobre a súa situación considerou que "tiñan que evitar que chegase a este punto, un pozo tóxico, hai 97 millóns de bacterias por litro de auga". "Primeiro os concellos que son os que terían que velar polos seus cidadáns e porse do noso lado -- Bande, Lobeira, Muiños, Os Blancos e Tramiras --, a Confederación Hidrográfica do Miño Sil (CHMS) e a Xunta, como máxima responsable de todo isto e que leva moitos anos mirando para outro lado".

Encoro das Conchas
Encoro das Conchas | Fonte: Amigos da Terra - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta