Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2025 | Actualizada ás 14:00
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que o presidente do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, non presente unha moción de censura porque considera que "os socios" de Goberno de Pedro Sánchez ratificaríano e el presentaríao "como un referendo", pero cre que a situación actual fai "insustentable" que o titular do Executivo central "resista".
Tras coñecerse a implicación do exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán nunha presunta trama de corrupción, Rueda apuntou que "coa previsión dos apoios" que ten o PP na actualidade, o que sucedería é que "por puro interese deles mesmos", os "socios actuais ratificaríano". "E Sánchez está moi necesitado deste tipo de decisións e o que faría sería presentalo como un referendo, dicir que todo o que estamos a saber non importa nada porque ten o resultado dunha moción de censura. Comprendo as razóns que explicaba Feijóo para non presentar esa moción", aseverou.
"ADXUDICACIÓNS DE MINISTERIOS"
Ademais, apuntou que non foi "nada casual nin inocente" convocar a rolda de prensa na sede de Ferraz e, deste xeito, "circunscribir" o asunto "á área do partido", xa que "se fala de adxudicacións de ministerios". "Con alguén falarían os seus dous lugartenentes!", dixo Rueda, que insistiu en que o contexto actual compón un escenario "onde resistir faise insustentable".
Agora, sinalou aos socios de Goberno de Sánchez que, augurou, supón que "subirán o nivel de esixencia e de chantaxe" ao que "teñen sometido", o que fará España "aínda máis ingobernable". "Dixen moitas veces que hai moitos ministerios cos que a día de hoxe é imposible falar, España segue sen orzamento e cada mes non se nos entregan á Xunta 125 millóns das entregas a conta porque se nos di que non hai orzamento. Así non podemos seguir", proclamou.
"RESPOSTA CONTUNDENTE E ÁXIL"
Fronte a isto, o portavoz da executiva do PSdeG, Xullo Torrado, puxo en valor a resposta "contundente e áxil" do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, para dar resposta aos cidadáns e militantes "frustrados e encabuxados" cunha reacción que marca a diferencia do "abrazo, aplausos e homenaxes" do PPdeG de Alfonso Rueda ao exconselleiro do Mar, Alfonso Villares.
Así se pronunciou este venres en rolda de prensa o portavoz do PSdeG, pondo en valor esta "reacción contundente e áxil" e "sen abrazos, sen aplausos e sen homenaxes a ningunha persoa que non parece merecelos en ningún caso", en alusión á despedida do exconselleiro do Mar denunciado por agresión sexual. A partir de aí, destacou a decisión de iniciar unha auditoria externa e reestruturar a dirección do partido.
Torrado sinalou que os socialistas seguirán actuando para "reducir a cero o nivel de corrupción en todos os ámbitos" despois de coñecer esta situación que os sumiu na "estupefacción e decepción", despois da que se mostraron "frustrados e encabuxados", unha reacción que ten "toda a lóxica e a razón". Así, sinalou que "o país necesita da política, do goberno e das accións do goberno", polo que "corresponde gobernar para seguir mellorando a vida dos cidadáns".
"NINGUÉN ESTÁ EXENTO DE CONFIAR NUNHA PERSOA QUE NON SEXA AXEITADA"
Na mesma liña, o delegado do Goberno en Galicia, o socialista Pedro Blanco, defendeu a actuación do seu partido, co presidente estatal, Pedro Sánchez, á fronte. Ademais de defender que se tomaron "medidas oportunas" e a "tolerancia cero á corrupción", preguntado polos medios de comunicación durante un acto celebrado en Santiago este venres, Blanco apoiou ao presidente do Goberno cunha proclama: "Ninguén está exento de confiar nunha persoa que non sexa axeitada".
Así, lembrou que "unha vez se tivo o coñecemento tomáronse as decisións oportunas", en referencia á dimisión de Cerdán. E concluíu que, "con independencia de seguir profundando na investigación, o que toca é humildade de traballo e responsabilidade" que, asegurou, "é o que se está facendo dentro das delegacións, dos distintos Ministerios e no propio Goberno".
"A CORRUPCIÓN LEVA ASEDIANDO ESTE PAÍS DEMASIADO TEMPO"
Pola súa banda, a portavoz do Grupo Parlamentario Plurinacional Sumar, Verónica Martínez Barbero, insistiu en esixir un "reseteo" da lexislatura porque, segundo denunciou, "a corrupción leva asediando este país demasiado tempo". Con todo, tamén defendeu que o Partido Socialista actuou "con contundencia" tras coñecerse a implicación do exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán nunha presunta trama de corrupción.
"Necesitamos ser contundentes e adoptar medidas concretas en contra da corrupción. As informacións que temos apuntan a unha persoa concreta e a uns feitos concretos, pero nós entendemos que o que ten que facer o Goberno de España é recuperar a confianza nas institucións e iso faise sendo contundentes coa corrupción e adoptando as políticas que quere a maioría social", aseverou Barbero, que evitou pronunciarse sobre a posibilidade de someter ao Goberno a unha cuestión de confianza e fixo fincapé en que "non hai ningunha corrupción que rodee ao Goberno".
"TODAS AS ADMINISTRACIÓNS TEÑEN QUE TER UN COMPORTAMENTO ÉTICO"
Así mesmo, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, solicitou ao Goberno central "todas as explicacións pertinentes" sobre as informacións que motivaron a dimisión de Santos Cerdán. Preguntada polos medios de comunicación durante un acto deste venres, defendeu a "tolerancia cero" á corrupción e reclamou que "todas as organizacións políticas e administracións teñen que ter un comportamento ético". Ante estes feitos, a mandataria municipal mostrou a súa preocupación pola "desafección política" que causa que se coñezan casos coma este.
"RODEADO DE CORRUPCIÓN"
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, asegurou que "se mire por onde se mire" o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "está rodeado de corrupción" e esixe a convocatoria de eleccións. O dirixente popular pronunciouse deste xeito nunha rolda de prensa ofrecida no Parlamento de Galicia, preguntándose "que máis ten que pasar" ou que "máis accións corruptas" se deben coñecer para que "Sánchez dimita e convoque eleccións".
O dirixente do Partido Popular de Galicia considerou que "non basta con pedir perdón, coa dimisión --de Santos Cerdán-- e con realización dunha auditoría interna" porque "o escándalo afecta directamente o Goberno de España", "aos colaboradores e ministros máis próximos a Pedro Sánchez", que é "de onde saíron as mordidas para encher os petos de Ábalos, de Koldo e de Cerdán".
Pazos puxo en cuestión que o presidente do Goberno "non se decatase de nada" ou que "trate de facer crer" iso. "Resulta incrible que Pedro Sánchez non estea ao tanto do que facían os seus dous secretarios de Organización agora imputados polo Tribunal Supremo" ou que "non saiba nada de adxudicacións millonarias que se facían desde o seu goberno a empresas que deixaban suculentas mordidas", indicou.
ERC E BNG REXISTRAN PETICIÓN DE COMPARECENCIA DE SÁNCHEZ
Neste contexto, Esquerra Republicana de Cataluña (ERC) e BNG rexistraron este venres unha petición formal para que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareza ante o Pleno do Congreso para render contas polas presuntas mordidas xestionadas polo ex secretario de Organización do PSOE Santos Cerdán. En concreto, a iniciativa comina a Sánchez a ofrecer explicacións "sobre as informacións aparecidas en medios de comunicación relativas a presuntos casos de corrupción que implicarían ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable". En principio, esta petición de ERC e BNG tería que ser cualificada o vindeiro martes pola Mesa do Congreso e despois elevarase á Xunta de Portavoces. Se logra os apoios necesarios para saír adiante deberase pór data á comparecencia de Sánchez nun futuro Pleno.
A Xunta de Portavoces tamén ten pendente de axendar as peticións de comparecencias de Sánchez que ten rexistradas por unha banda o PP e por outra ERC e Podemos, para que responder, neste caso, polo caso de Leire Díez, a exmilitante socialista que solicitaría información contra mandos da UCO que investigan outros casos de corrupción que salpican a Sánchez e o seu partido. A previsión é que ningunha destas comparecencias se poida convocar durante o mes de xuño, tendo en conta da axenda internacional do presidente do Goberno. De feito, desde o PSOE xa avanzaron que será en xullo cando Sánchez acuda á Cámara a informar o Consello Europeo de finais deste mes e que aí se poderían acumular outros temas polos que a oposición lle pide explicacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.