A Xunta reclama agora ao Goberno 11 embarcacións, un avión e dous helicópteros para buscar e recoller os sacos

Desde a Xunta non descartan para a fin de semana "parte do produto contaminante que aínda está no mar, chegue á costa" empuxado polo vento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 10/01/2024 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, informou de que a Xunta de Galicia xa solicitou ao Goberno estatal os medios para o rastrexo e recollida dos sacos de plásticos do mar. Concretamente, 11 embarcacións de salvamento, un avión e dous helicópteros, ademais dun retén en terra, axuda na formación de voluntariado e o ROV Comanche para selar o colector do que saen os microplásticos.

Nunha comparecencia ante os medios, Sexto explicou que a primeira hora desta tarde remitiuse unha carta á Delegación do Goberno na que se solicitan a colaboración de Salvamento Marítimo cos medios "que Galicia necesita para seguir loitando contra a problemática dos plásticos".

Segundo detallou, ademais de medios técnicos, pediron colaboración na formación do voluntariado que, contan, acudirá a axudar a limpar as praias. "Unha formación curta pero que nos axude a ter ao persoal nas mellores condicións para que poida facer o seu traballo da maneira máis eficiente e que non se causen danos ao medio ambiente", sinalou.

Dadas as previsións meteorolóxicas de cara á fin de semana, con ventos de compoñente suroeste e oeste, non descartan que "parte do produto contaminante que aínda está no mar, chegue á costa". "Por tanto, necesitamos un apoio co persoal das empresas públicas, de Tragsa, para recoller ese material", apuntou.

Solicitan tamén que se investigue, "que se saiba que pasou cos colectores que se afundiron, se seguen soltando mercadoría, se xa está toda fose". "Esa información é moi necesaria. E o Estado, como é o competente en materia de loita contra a contaminación, que se poña en contacto co Goberno portugués, coa Axencia Europea de Medio Ambiente e que empregue todos os medios que necesite", instou.

Sobre isto último, solicitan a activación do ROV Comanche, vehículo submarino de control remoto, e os medios navais necesarios para "a localización, revisión e selado" da colectora orixe dos elementos contaminantes.

Lino Sexto non descarta pedir máis medios en función de como se desenvolva a situación ao longo do fin de semana. "De entrada poden entrar 40 persoas e podemos chegar ata 100, pero iso xa sería a posteriori", apunta.

En liña co argumentado por outros cargos da Xunta como o presidente Roda ou a vicepresidenta Ángeles Vázquez, o subdirector de Gardacostas insistiu na importancia de sacar os sacos de pélets do mar. "Non son fáciles de ver, pero se non tentamos sacalos do mar, vai ser moito máis difícil coller as bólas soltas na praia. Por tanto, hai que facer un esforzo con todos os medios aéreos e marítimos", animou.

RELACIÓN DE MEDIOS SOCILITADOS

Na carta remitida á Delegación do Goberno pola Dirección do Camgal, tras reunirse esta mañá, solicítase a participación no operativo dos buques de salvamento 'Don Inda', 'María Pita 2', 'Sar Gavia' e 'Guardamar Urania', así como das lanchas de salvamento Salvamar Alioth, Shaula, Betelgeuse, Altair, Regulus, Sargadelos e Mirach. Tamén o avión CN 235-300 'Rosalía de Castro' e dous helicópteros Helimer, o 401 e o 211.

Na misiva insisten tamén en que "cabe presumir que a maior parte do material contaminante non chegou aínda á costa", polo que "debe procurarse a súa contención no mar". "O que esixe a actuación dos medios estatais, que xa se debería producir desde o 8 de decembro cando o Estado tivo constancia do sinistro", recalcan.

Un axente da Policía Local e unha garda costas fan unha recollida de pellets de plástico da area, na Illa de Arousa / Elena Fernández - Europa Press  / Europa Press
Un axente da Policía Local e unha garda costas fan unha recollida de pellets de plástico da area, na Illa de Arousa / Elena Fernández - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta