Nova convocatoria para estancias lingüísticas en Galicia e no estranxeiro para alumnado de ESO e BAC

A Consellería ofrece 1.600 prazas e sufragaráentre o 50% e o 87% dos custos. Pódese realizar a solicitude dende o 2 ao 26 de marzo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2020 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convocou 1.600 prazas para que o alumnado galego de ESO e Bacharelato realice estancias lingüísticas en Galicia e no estranxeiro para "mellorar as súas competencias" nun idioma estranxeiro.

Segundo informou a Xunta nun comunicado, a Consellería sufragará entre o 50% e o 87% do custo das distintas estancias, que poden ser en réxime residencial ou familiar.

No caso de alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO só hai oferta de réxime residencial na Comunidade, cun total de 1.025 prazas en estancias dunha a dúas semanas e con profesorado nativo.

Por outra banda, para o estudantado de 1º e 2º de Bacharelato hai convocadas 575 prazas, en réxime familiar ou residencial, en Galicia e no estranxeiro -Canadá, Reino Unido, Francia e Portugal- e con profesorado nativo. As estancias poden ser, de unha a tres semanas no verán, segundo a opción, e de catro semanas na actividade de integración.

A Xunta explicou que, para poder optar a estas bolsas, os candidatos deben estar a estudar algún dos cursos sinalados en centros públicos galegos durante o curso 2019-2020. Ademais, terán que contar cunha nota mínima de 'Ben' ou de 6 no curso anterior e ter superadas todas as materias nese mesmo ano.

Os criterios a seguir para dar as bolsas serán a cualificación media do curso 2018-2019 e a renda per cápita da familia. Repararán tamén no feito de pertencer a unha familia numerosa, se conta cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de "gran invalidez", igual que mirarán se o candidato xa obtivera unha axuda similar na anterior convocatoria.

O prazo para realizar a solicitude estará aberto desde este luns 2 de marzo ata o 26 do mesmo mes e poderá formalizarse na web da Consellería de Educación, a través de presentación telemática vía a sede electrónica da Xunta ou nos rexistros que sinala a normativa.

PRÁCTICA DO IDIOMA EN ACTIVIDADES

Ademais, o Goberno galego subliñou que esta iniciativa busca que o alumnado poña en práctica o idioma "todo o día" en distintas actividades, como competicións deportivas, xogos, talleres ou excursións. Así, o estudantado terá unha formación lingüística, social, cultural e ambiental, "promovendo unha inclusión total na lingua estranxeira".

A Xunta destacou que os cursos realizados no estranxeiro teñen como obxectivo que os estudantes teñan "un verdadeiro contacto idiomático" e asistirán a clases con alumnos de distintas nacionalidades.

Estudantes en exames de oposicións. XUNTA
Estudantes en exames de oposicións. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta