Medio Ambiente presenta en Bruxelas a estratexia galega contra o cambio climático

Ángeles Vázquez explicará as vías da Xunta para lograr que Galicia sexa unha comunidade climaticamente neutra en carbono antes de 2050.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2020 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presentará esta semana en Bruxelas a estratexia da Xunta para camiñar "cara á neutralidade climática" na Comunidade.

Así, na Cerimonia Anual do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, Vázquez centrarase  en expor a proposta galega que se aprobou o pasado outubro e na que se define o marco de actuación a medio e longo prazo co obxectivo de converter a Galicia nunha rexión climáticamente neutra en carbono antes de 2050.

Será o vindeiro mércores cando a conselleira reflexione sobre as diferentes vías para financiar esa transición, así como as principais barreiras presentes e futuras para atopar fondos cos que levar a cabo os proxectos de neutralidade climática, explicou a Xunta este domingo nun comunicado.

Non se precisa cales son esas vías que o Goberno galego pretende tomar. Con todo, o horizonte que queren alcanzar equipararía a Galicia con outras nacións "punteiras" na loita contra o cambio climático como Suecia, Francia, Costa Rica ou Nova Zelandia.

Xunto a Ángeles Vázquez, outros relatores de cidades como Malmo, Essen ou Módena exporán as súas ideas nesta liña.

Alfonso Rueda e  Ángeles Vázquez, nunha rolda de prensa do Consello
Alfonso Rueda e Ángeles Vázquez, nunha rolda de prensa do Consello | Fonte: Arquivo EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta