Montañismo en Galicia, cando a natureza pon a cada quen no seu sitio

A práctica do montañismo ten unha ampla prédica en Galicia dentro das diferentes variantes que compoñen esta actividade deportiva. É un deporte que necesita tempo para practicarse, para chegar a niveis de esixencia máis altos. Por iso a Federación Galega de Montaña pide facer as cousas con tempo para chegar aos resultados que buscan quen practica esta disciplina.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/03/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A aventura de percorrer camiños polo monte, xunto ao río ou ir máis alá e desafiar accidentes xeográficos, é unha actividade tan antiga como o ser humano. O montañismo, o mesmo que outros deportes, é o resultado de desafiar a natureza e os límites de cada un. Tamén foi a primeira actividade deportiva contemporánea que marcou espazos para a súa preservación. Mais a cuestión é entender un deporte que non é só camiñar por rochas, lugares altos e ao aire libre. Existen riscos e aventurarse de maneira totalmente libre e sen preparación pode ter consencuencias pouco desexables.

Montañeiros
Montañeiros | Fonte: Federación Galega de Montañismo

PREPARACIÓN FÍSICA E MENTAL

“O montañismo, o mesmo que outras prácticas deportivas ten un risco inherente” di José Manuel Pérez, director técnico da Federación Galega de Montañismo (FGM). “O feito de estar practicando unha actividade sempre tes a posibilidade de lesionarte”. Os accidentes forman parte da actividade mesma, pois entramos en espazos irregulares onde teremos que adaptarnos ao terreo, ás súas subas e baixas. José Manuel Pérez remarca a importancia de aprender a adaptarse ao entorno mediante o estudo de técnicas para camiñar por terreos con dificultades, aprender predicción meteorolóxica e outros elementos que nos poden parecer triviais como vestirse para este deporte.

Son moitas as persoas que de maneira case irreflexiva comezan unha actividade deportiva sen ter en conta os riscos. A maioría das veces, as persoas que pisan a montaña están desprotexidas dentro dun entorno alleo a elas. “Hai que saber adaptarse ao terreo, á contorna, porque aí estaremos no medio de situacións que a moitas persoas non lles son comúns” describe José Manuel Pérez. En momentos como eses, moitos e moitas caen en actitudes de desesperación e de aí ao accidente hai moi pouco.

A orientación dos profesionais e persoas expertas é necesaria para adaptarnos e saber escoller o material preciso, todo de acordo coas nosas aptitudes. O proceso pode ser longo, tanto física como mentalmente. A preparación mental supón que a persoa recoñece os seus límites e non fará algo imprudente. Significa non meterse en situacións de crise e saber retroceder para evitar un mal maior.

PREPARACIÓN

Todas as facetas do montañismo están moi tecnificadas. Os movementos, camiñar, como levar unha mochila ou como preparala. Todo iso está pautado desde hai anos. Iso permite aumentar a autoconfianza para enfrontarnos a situacións complexas. A preparación mental significa ter a suficiente capacidade e humildade para non facer algo ao que non se está afeito ou preparado. Ou non meterme nunha situación de crise. Hai que analizar con calma e se é a primeira vez xa o farei. Necesita tempo e acomodo, para sentirse agusto.

As primeiras recomendacións que se dan desde a Federación Galega de Montañismo é achegarse a un club de montaña para coñecer as opcións para adestrar.  Ensinarían o material segundo a actividade que se practique. “Fisicamente hai que esperar que o corpo se adapte a unha situación que non estaba afrontando anteriormente”.

Tampouco existen límites de idade para comezar este deporte. Non obstante, pola fisioloxía do corpo humano, as súas capacidades van diminuindo. Por iso, moitas veces é necesario lembrar que existen certos límites que con 50 anos non se poderían facer en comparación a un corpo máis novo e mellor adestrado. Se eses límites son evidentes, ninguén desaconsella seguir, “o interesante é gozar dunha actividade que me senta ben e mesmo a miña saúde pode mellorar”.

RESPECTO Á NATUREZA

A imaxe do Everest saturado de montañeiros, fixo pensar en como está tratando á natureza a práctica dalgúns deportes. “O montañismo nalgunhas áreas, foi anterior á protección deses espazos, os montañeiros pasaban e non quedaba nada do seu paso”, di José Manuel Pérez. A actitude normal é de respecto á natureza no seu estado primixenio.

Con todo, Internet e os medios achegan imaxes de lugares antes pouco coñecidos que, en pouco tempo son xa lugares de referencia e que poden estar en risco. “Normalmente eu o que vexo é que o respecto vai por diante” sinala o director técnico da FGM .

Aínda así, logo do dito, queda por responde a pregunta de por que se segue subindo montañas? A resposta para a maioría de montañeiros é simple, unha cuestión de pracer e goce. “Gústache esta actividade e estar conectado coa natureza, tes unha sensación de crecemento persoal que non tes noutras actividades”.

As actividades de montaña deben ser pautadas no tempo, segundo recomendan os expertos. O equipamento debe ser escollido pensando no nivel de preparación. Todos e todas debemos saber medir as nosas capacidades cando esteamos no monte, sen ter que correr riscos innecesarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta