Os camiños tradicionais, en risco de desaparición pola "megaindustria forestal"

O Colectivo A Rula vén de denunciar o caso do "Camiño de Santa Clara", na contorna da antiga canteira de Casalonga, no municipio de Teo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2020 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

Os camiños e vías tradicionais de Galicia, en risco de desaparición pola deforestación e os efectos da "megaindustria forestal comercial". O Colectivo A Rula denunciou un caso recente: o 'Camiño de Santa Clara', vía que atravesaba o monte do mesmo nome e que enlazaba as aldeas de Cornide con Casalonga, no municipio de Teo.

Este camiño, documentado xa nos anos 40, viuse parcialmente arrasado pola actividade que se está realizando na contorna da antiga canteira de Casalonga durante o último mes, "levando por diante non só piñeiros e eucaliptos, senón tamén os muros deste vello camiño de carro empregado para trasladar a pedra extraída das primeiras 'pedreiras' deste monte" que datan dos anos 20, indica o colectivo.

O abandono e a transformación do medio rural, engaden, pon en perigo a situación deste tipo de elementos, que está localizado preto dun dos espazos arqueolóxicos "máis importantes do municipio", a área Costa-Agro Vello-Cabanelas-Cruceiro Vello, con 'mámoas' e petróglifos catalogados e sen documentar.

O colectivo criticou que non se realice "ningún tipo de seguimento" destes traballos e considerou necesario "parar toda a actividade" na contorna da canteira, tanto pola "densidade" de bens culturais catalogados na contorna como pola posible aparición de novos bens patrimoniais.

"É imprescindible afrontar un verdadeiro estudo de impacto arqueolóxico desta área antes de continuar con calquera actividade", insistiron, apelando a cumprir a Lei de Patrimonio Cultural galega.

Danos no camiño de Santa Clara de Cornide. COLECTIVO A RULA
Danos no camiño de Santa Clara de Cornide. COLECTIVO A RULA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta