Comeza a tempada de alto risco de incendio con gran parte da provincia de Ourense en perigo extremo

Tamén zonas do sur de Lugo e interior de Pontevedra, nun verán que a Aemet prevé "máis cálido do normal" en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 01/07/2025 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Gran parte da provincia de Ourense atópase en perigo extremo de incendio este martes, 1 de xullo, día de inicio da tempada de alto risco de lumes en Galicia, que dura ata final de setembro. O Índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) que elabora a Consellería do Medio Rural apunta ao risco extremo en gran parte de Ourense, pero tamén en zonas do sur e montaña de Lugo, tales como Triacastela ou Pedrafita do Cebreiro. Tamén hai nesta situación parte do sueste e interior de Pontevedra --municipios como Arbo e Crecente--.

Para a elaboración do IRDI tense en conta a conxunción dos seguintes factores: a situación meteorolóxica, o estado da biomasa vexetal, as infraestruturas preventivas, as masas arbóreas e o chan. Todo iso nunha xornada na que hai aviso laranxa na zona do Miño na provincia de Ourense por temperaturas superiores aos 39 graos, así como aviso amarelo en boa parte do resto da provincia e sur e montaña de Lugo por temperaturas de máis de 36 graos. A tempada de alto risco de incendios comeza este martes nun verán que, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), prevese "máis cálido do normal" en Galicia.

DISPOSITIVO

Un total de 7.000 profesionais estarán dispoñibles para a época de alto risco en Galicia, ademais dunha trintena de medios aéreos e 380 motobombas. En concreto, os medios aéreos mantéñense en 30 en época de alto risco. Serán 20 da Xunta (14 helicópteros e seis avións de carga en terra) e dez aeronaves do Estado (cinco delas avións). Durante o alto risco sumaranse ás tarefas de prevención e vixilancia nos montes galegos un total de 35 patrullas do Exército, cinco máis que o ano pasado que se centrarán na provincia de Ourense, a máis afectada os lumes.

Varios bombeiros tratan de apagar o lume durante o incendio forestal na parroquia de Oseira en San Cristovo de Cea, Ourense
Varios bombeiros tratan de apagar o lume durante o incendio forestal na parroquia de Oseira en San Cristovo de Cea, Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Esta Operación Sentinela despregarase do 15 de agosto ao 30 de setembro de 2025. O Pladiga para a campaña de 2025 tamén inclúe novidades como: a creación da figura dun xefe de loxística en grandes incendios, o desenvolvemento dunha ferramenta de lumes transfronteirizos de Portugal e un aumento de recursos para formación. Este ano tamén haberá tres equipos chegados de Países Baixos e Estonia que veñen a Galicia a colaborar e a aprender sobre o dispositivo.

O Pladiga márcase o obxectivo de que ardan menos de 18.554,5 hectáreas en 2025, a media do queimado na última década --15.106 hectáreas se se quitan os valores extremos destes 10 anos--. Ademais, increméntase a rede de videovixilancia a 181 cámaras, catro máis, en 90 localizacións, con dous sitios novos (nas Pontes e Mondariz).

O persoal laboral fixo descontinuo de prevención de incendios pasa a traballar oito meses ao ano este 2025 e aumentará a nove meses en 2026. Mentres, as parroquias de alto risco de incendios baixan a 26 este ano, o que supón 14 menos que as 40 de 2024. Por provincias a repartición é o seguinte: encabeza Ourense con 17, seguida de Pontevedra (5) e A Coruña (4). Non hai ningunha en Lugo ao saír a que había en Folgoso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta