A xunta electoral ordena "retirar ou modificar" o vídeo 'Galicia é moito' da campaña de Feijóo

"O que se cuestiona é a apropiación dunha institución galega, Xunta, nun vídeo de presentación do candidato do PP", recolle a resolución.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2020 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A xunta electoral ordenou "retirar ou modificar" o vídeo 'Galicia é moito', coa supresión das "bandeiras e os emblemas da Xunta de Galicia" que aparecen na peza con letra de Los Limóns e coa que o PPdeG lanzou o himno musical co que presentan a Alberto Núñez Feijóo para estas eleccións autonómicas.

Vídeo de campaña do PPdeG con canción de Los Limones
Vídeo de campaña do PPdeG con canción de Los Limones

"Deberá realizarse o máis axiña posible", ordena o árbitro electoral ao recurso presentado polo BNG na resolución que comunicou este venres, e á que tivo acceso Europa Press. Iso si, aclara que non procede incoar expediente sancionador.

Contra esta resolución cabe recurso ata este sábado antes das 14,00 horas, respecto do que fontes populares aseguraron que estudan presentalo.

Na súa resolución a xunta electoral de Galicia subliña a "posible confusión implícita que nos electores puidese provocar a difusión do vídeo, entre a entidade política Partido Popular e a institución autonómica Xunta de Galicia". "Máxime, cando aínda non se iniciou a campaña electoral, o que fai que deban extremarse todas as cautelas", engade.

Faino, en aras de "garantir e salvagardar" os principios reclamados na lei electoral. "Esta xunta electoral non cuestiona a difusión por un partido político de logros ou actuacións levadas a cabo polo Goberno autonómico, nin a difusión de imaxes do presidente da Xunta e candidato do PP. O que se cuestiona é a apropiación dunha institución galega, Xunta, nun vídeo de presentación do candidato do PP", recolle a resolución.

RESOLUCIÓNS FAVORABLES AO PPDEG, QUE TAMÉN DENUNCIA

Doutra banda, a xunta electoral desestimou varias denuncias postas polo PSdeG en relación a decisións adoptadas polo Goberno de Feijóo: unha sobre a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e publicidade dun acto no que se anuncia a apertura das convocatorias de axuda para a xestión de xurros, e outra sobre a publicación no DOG da apertura das listas de emprego temporal.

Ademais, segundo a documentación, os populares presentaron denuncias por contido da rede social de Facebook tanto do PSdeG como do BNG.

En concreto, unha das denuncias formuladas polo PPdeG refírese á conta en Facebook do candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, na que sosteñen que se publicou un vídeo de propaganda electoral do PSOE.

"Neste vídeo de publicidade electoral non só figura en reiterados planos o candidato denunciado, senón tamén o logo da formación política pola que concorre, o seu lema de campaña 'A hora do camibo', así como unha serie de expresións e manifestacións polas que pretenden orientar o voto para o día das eleccións. Non teriamos que dicir se a persoa denunciada se limitase a publicar o devandito vídeo desde a súa conta persoal. Con todo, Caballero contratou a difusión do mesmo como publicidade, así consta expresamente xunto ao seu nome na rede social Facebook", recolle a denuncia.

"CABREO" DO PP

Os populares tamén presentou unha denuncia contra "diversos anuncios e mensaxes de propaganda electoral" do BNG en Facebook, en relación a campañas da AP-9 e do 8-M. Os nacionalistas atribúen esta "contradenuncia" ao "cabreo" do PP por algunhas das formuladas pola súa formación.

"É a reacción que teñen porque no Bloque non estamos dispostos a deixarlles que usen as institucións para facer campaña electoral dopados", sinalou Rubén Cela, coordinador de campaña, quen apuntou que o PP "se retrata" cando pretende "silenciar temas como a estafa de peaxes ou a loita feminista", que o BNG considera "prioritarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta