Daniela Ferrández: "Teñen que cambiar os prexuízos sobre as persoas trans, non somos enfermas mentais"

Falamos cunha activista trans referente en Galicia, presidenta de Amizando e coordinadora do blogue 'Corpos Incómodos'. "No sistema educativo deberiase falar de que non todas as persoas están acorde co concepto de xénero co que se lles relaciona ao nacer", defende a alicantina. "Non se lle poden asignar ás persoas formas de ser ou formas de relacionarse en base ao que nazcan entre as pernas", subliña.

Por Raúl Novoa | Santiago de Compostela | 31/03/2020 | Actualizada ás 22:42

Comparte esta noticia

O pasado 31 de marzo foi o Día Internacional da Visibilidade Trans, co fin de sensibilizar a realidade destas persoas en todo o mundo. O feminismo transversal e interseccional foi quen de integrar ás diversas identidades oprimidas. Pese a polémica causada antes do 8M polo Partido Feminista de Lidia Falcón, que "non o ve así", este é o caso das persoas transexuais. Galicia Confidencial falou con Daniela Ferrández -activista trans- sobre todos estes prexuizos e desigualdades que vive o colectivo.

Daniela Ferrández durante este 8M
Daniela Ferrández durante este 8M

Daniela, que é de Baix Segura (Alicante), fala galego no seu día a día porque "É unha cuestión de respecto a onde vivo. O nivel de ameaza que ten o idioma esíxenos un compromiso a todas aquelas que o queremos e que nos imaxinamos un futuro no que sobreviva a lingua", sinala.

A que tamén é doutora en Historia pola USC, destaca que o activismo que desenvolve na plataforma galega de trans de Amizando, "axudou a empoderarme e ver que non estaba soa". No caso do feminismo galego destaca que "a unidade vista nas rúas este 8M amósanos que estamos no camiño correcto".

Galicia Confidencial: Presides Amizando e creaches o blogue de "Corpos incómodos". En que consisten cada unha delas?

Daniela Ferrández, activista trans de amizando
Daniela Ferrández, activista trans de amizando

Daniela Ferrández: A asociación Amizando leva desde o 2017 buscando un espazo propio para as persoas trans. Inicialmente buscabamos loitar pola lei de identidade de xénero na Galiza, despois, decatámonos de moitas cousas que nos espazos LGTBIQ non estaban o suficientemente visíbeis. A idea é concienciar e visibilizar sobre a realidade que viven as persoas trans, así como acompañar a toda esa xente que sentía soa na cuestión do cambio de xénero. Ademais, Amizando é a única asociación exclusivamente trans na Galiza.

Moitas veces a xente que non era trans exercían paternalismo sobre nós, é dicir, falaban sobre qué precisabamos, como e cando. O de 'Corpos Incómodos' foi a raíz dos debates sociais que se xeraban e de ver como nós coma colectivo non tiñamos voz. Tiñamos que falar por nós mesmas e combatir todos os prexuizos e estereotipos formados arredor nosa. Todo comezou cunha serie de artigos de opinión coas compañeiras do Salto diario. Pasado o tempo, decatámonos de que a necesidade social ía máis alá de escribir un ou dous artigos puntuais. Agora, está orientado en aspecto de blogue no mesmo medio cunha certa periodicidade, polo que lles estamos moi agredecidas. É moi importante visibilizar e sensibilizar a nosa situación nos medios de comunicación.

G.C: Noutra entrevista que che fixeron, lin que hai certa molestia ao usar o concepto "transexual" respecto a se alguén se someteu a operación ou non. Poderías explicalo?

D.F: O termo "trans" é un termo paraugas que engloba a todas aquelas persoas que rexeitamos o sexo que se nos impuxo ao nacer. Respectamos que cada quen se defina como queira, mais preferimos o término trans coma o que máis diversidades engloba. Desde o mundo aglosaxón, diferencian entre transexual e transxénero se a xente pasa por unha ciruxía ou non. En xeral, estamos en contra de que se nos etiquete por unha ciruxía, parécenos un detalle simplemente morboso.

G.C: Cando e como foi a túa decisión de querer vivir coma muller?

D.F: Chegou aos 26 anos. Antes de facelo tiña medo, pensei que ninguén me ía querer e que non atoparía traballo na vida. Ao final loitei dicindo "son quen son e dáme igual o resto" e, decateime de que ademais, tiña una rede de apoio ao meu arredor moi grande.

G.C: Vemos como aumenta o discurso do odio, amedrentado polos partidos de ultradereita coma Vox. Que prexuízos cres que transmiten á sociedade?

D.F: Isto dá para extenderse moito, pero penso que o principal é que a diversidade humana que nós representamos eles non a contemplan, nin o déficit educativo que iso supón. Un exemplo concreto é que ás mulleres trans non se nos recoñeza coma mulleres. Cos homes sucede o mesmo. Isto cuestiona bases educativas e estes discursos non queren cambiar a concepción normativa do mundo. Hai incluso quen difunde o prexuizo de que as mulleres trans somos homes violadores. Pero todo parte da base de non querer entendernos coma o que somos.

G.C: Entón, a forma de mellorar a sociedade sería atacando ao sistema educativo?

D.F: Sí. No sistema educativo deberiase falar de que non todas as persoas están acorde co concepto de xénero co que se lles relaciona ao nacer. O colectivo trans debe ser tratado en igualdade coma outro máis. Se nos está a considerar enfermas mentais. Ante o Estado somos enfermas.

G.C: De feito, nun artigo de opinión teu lin que "o que non se nombra non existe e o que non existe, non se pode solucionar". É este o principal argumento a favor para unha 'Lei Trans'?

D.F: Claro. Cando se fala de nós non se fai con rigor. Por exemplo, cando se di que as mulleres trans non somos mulleres "como tal", estase a negar o machismo e a opresión que estamos a sufrir día tras día. 

G.C: A muller trans sinte unha doble opresión?

D.F: Sí. Eu síntoa. Desde o primeiro día que me presentei ao mundo coma muller comecei a vivir o mundo nas miñas propias carnes. Non ser tomada por igual ca os homes, as miradas pola rúa ou os piropos son algúns pequenos exemplos. Isto falábao con moitas compañeiras cis que me din: "é que nós temos estas opresións tan interiorizadas que non nos decatamos, pero coma ti vés de vivir coma un home ves moito máis eses comportamentos". O home trans tamén sinte opresión, pero polo feito de ser trans en si, non polo patriarcado.

G.C: Fálase moito de abolir o xénero coma construcción social. En que se basea isto?

D.F: É un pouco un debate filosófico. O que estamos a dicir é que non se lle poden asignar ás persoas formas de ser ou formas de relacionarse en base aos xenitais cos que nazcan. As persoas trans podemos ser unha ferramenta para isto porque buscamos romper eses estereotipos.

G.C: Segundo Lidia Falcón, houbo un "lobby trans" que votou ao Partido Feminista de IU. Que opinas das súas declaracións?

D.F: Se se refire a lobby coma colectivo que está a mellorar os seus dereitos teño que dicir que sí, as persoas trans cada día estamos máis unidas para conseguir a igualdade. O problema é que nos está a agrupar para crear un enemigo común. É a súa forma de deshumanizarnos e meternos a todas nun mesmo saco. Senón, como pode un lobby no capitalismo do Estado español estar sen os dereitos correspondentes ca o resto da cidadanía? De todos modos, este partido na súa conta oficial de Twitter comparou as persoas trans con "puteros, proxenetas e pederastas". Penso que Esquerda Unida fixo o que tiña que facer.

G.C: As persoas trans sufren un 85% de paro. Vai o mercado laboral en contra vosa?

D.F: O mercado laboral no capitalismo actual vai en contra das persoas. Ese 85% de paro débese a todos prexuizos que ten a sociedade sobre nós. Como non se nos considera coma iguais, non se espera que obteñamos os mesmos resultados que o resto. Para solucionar isto, as empresas deben facer plans e cursos en igualdade.

G.C: A xente das clases máis baixas ten máis dificultade para cambiarse de xénero?

D.F: Existe un factor de clase claro. Ao non haber un acompañamento maior por parte do Estado, moitas persoas vense limitadas e con medos. Canta xente da clase obreira morrería no armario por non poder afrontar o cambio? Con moitos cartos e sen ter que responder a psicólogos é moito máis doado mudar todo o teu corpo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta