Pontón arrinca en Fene o seu primeiro mitin electoral: "Aquí demos unha lección de dignidade"

Considera que o Bloque "deu unha lección de dignidade e de honestidade política grazas a Juventino Trigo e a todos os compañeiros por devolverlle un goberno ao servizo da xente".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2020 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia, Ana Pontón, arrincou o seu primeiro mitin electoral en Fene e, alí, remarcou que foi nese municipio no que o Bloque "deu unha lección de dignidade e de honestidade política grazas a Juventino Trigo e a todos os compañeiros por devolverlle un goberno ao servizo da xente".

A candidata do BNG, Ana Pontón.
A candidata do BNG, Ana Pontón.

Trigo accedeu á Alcaldía de Fene tras unha moción de censura o pasado 7 de febreiro e apartou do bastón de mando, co apoio do PSOE e Esquerda Unida, ao popular Gumersindo Galego, que en novembro do ano pasado fora protagonista dunha polémica ao transcender que fora multado con 600 euros e a retirada do carné de conducir durante oito meses por circular e triplicar a taxa de alcoholemia permitida.

"Este é o meu primeiro mitin como candidata á Presidencia, aquí demos unha lección de dignidade e de honestidade política", proclamou Pontón, quen apelou a que o pasado 7 de febreiro os nacionalistas "recuperaron Fene para os veciños, da man dun goberno honesto, traballador, con capacidade para mellorar a vida das persoas, colocando os intereses da maioría social por diante".

Neste sentido, augurou que, o 5 de abril, os nacionalistas van recuperar " Galicia abrindo un tempo novo, logrando un cambio real liderado polo BNG". Por iso, o BNG "vai saír a por todas", porque "non chega un mero recambio".

"Non son tempos nin de gobernos absolutistas nin de gobernos sucursalistas das forzas estatais. É momento dun cambio galego para ter unha presidenta coas mans libres, sen mordazas nin ataduras, que defenda os intereses de país sen mirar polo retrovisor nin a Xénova nin a Ferraz", apuntou.

Pontón incidiu en que o BNG ten o seu "centro de decisión en Galicia e ten un proxecto serio, solvente, fiable a favor dos galegos, capaz de deixar atrás unha década de desastre do Goberno do PP". "E imos polo bo camiño, porque o BNG está á alza e cada día que pasa son máis as persoas que miran cara a nós como única garantía de cambio real, porque saben que temos políticas transformadoras e saben que non lles imos a fallar", salientou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta