Pontevedra pon en marcha un centro pioneiro de asesoría en diversidade e sexualidade

O novo Cides foi presentado este mércores pola concelleira de Igualdade do Concello de Pontevedra, Paloma Castro, acompañada pola activista trans, licenciada en Dereito e especialista en violencia de xénero, Ada Otero, que será a encargada de coordinalo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

Pontevedra disporá dun Centro de Información en Diversidade e Sexualidade (Cides), no que se liquidarán dúbidas sobre sexualidade ou en relación ao colectivo LGTBIQ+, resolveranse inquietudes, celebraranse talleres formativos, ofrecerase orientación e formaranse grupos de apoio.

O novo Cides foi presentado este mércores pola concelleira de Igualdade do Concello de Pontevedra, Paloma Castro, acompañada pola activista trans, licenciada en Dereito e especialista en violencia de xénero, Ada Otero, que será a encargada de coordinalo.

A iniciativa estaba incluída no Plan Municipal de Igualdade recentemente aprobado, pero a súa necesidade viuse reafirmada despois de coñecerse os resultados da enquisa que esta Concellaría desenvolveu nos institutos e centros de FP da cidade e que concluíu que máis do 25% do alumnado nunca recibira información sobre diversidade sexual e que, de entre os que si a recibiron, o 35% considerábana moi insuficiente.

Este mércores en rolda de prensa, a concelleira Paloma Castro explicou que o Cides pretende converterse en centro de información de referencia sobre sexualidade e diversidade sexual, onde a cidadanía poida atopar respostas e información e mesmo asesoría no que se refire a ataques LGTBIfóbicos.

"Queremos que sexa un centro seguro e de apoio, de prevención e protección ante situacións de acoso por razón de orientación sexual e identidade de xénero", dixo a edil socialista que tamén avanzou que este centro colaborará con outras entidades ou colectivos de Pontevedra que traballan en defensa dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBIQ+.

Ada Otero indicou que o Cides cobre un baleiro que existía ata agora neste ámbito e asegurou que se trata dun "proxecto pioneiro e moi necesario", posto que non hai practicamente formación nin persoas especializadas nestes campos e a mocidade non atopa a comprensión que necesita.

O Cides contará cunha oficina no mesmo edificio no que se atopa o Centro de Información á Muller (CIM) na Praza de José Martí e xa está aberto ao público desde o pasado mes de febreiro nas tardes dos mércores, xoves e venres en horario de 16,30 a 20,30 horas, atendendo tamén chamadas no teléfono 676 09 73 39 e correos electrónicos na dirección cidespontevedra@gmail.com.

Mocidade de Vigo
Mocidade de Vigo | Fonte: Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta