Ourense podería levar a aprobación definitiva dos orzamentos a un pleno extraordinario

As contas foron aprobadas o pasado mes de xaneiro polos socios de Goberno, Democracia Ourensá e PP, cun montante de 103,1 millóns de euros, pero rexeitadas en bloque pola oposición -PSOE, BNG e Cidadáns- tras ser reprobadas á súa vez polo interventor, aínda que amparadas por outros informes técnicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2020 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O portavoz da Xunta de Goberno Local de Ourense, Miguel Caride, afirmou que "as alegacións" dos orzamentos municipais do 2020 "están resoltas e informadas" e estúdase agora a posibilidade de "anticipar (a súa aprobación definitiva) a través dun pleno extraordinario". O obxectivo do Goberno local é de "gañar uns días", ou levar o texto ao pleno ordinario de abril.

Así o trasladou tras a reunión do equipo de Goberno, onde subliñou a necesidade de certificar unha partida orzamentaria que "algúns", como el mesmo, esperan "como auga de maio para empezar a facer cousas".

Inicialmente, as contas foron aprobadas o pasado mes de xaneiro polos socios de Goberno, Democracia Ourensá e PP, cun montante de 103,1 millóns de euros, pero rexeitadas en bloque pola oposición -PSOE, BNG e Cidadáns- tras ser reprobadas á súa vez polo interventor, aínda que amparadas por outros informes técnicos.

Con todo, Caride avanzou que xa se puxeron en marcha algunhas tarefas como o "plan de asfaltado da cidade", que comezou "no Posío" e espérase que a partir de agora se faga "de forma continua en todas as rúas da cidade, que o necesitan". Neste proxecto, inclúense "practicamente o 75-80%" das vías "con aglomerado" da urbe, pero, puntualizou o voceiro, faranse conforme a un "calendario", xa que "non se poden facer todas de golpe por motivos de funcionamento da cidade e de xestión económica e contratación".

Valórase agora para a aprobación final do documento se celebrar un "pleno extraordinario" para "gañar uns días" ou mantelo para o pleno "ordinario de abril", aínda que, subliñou Caride, todo dependerá das "circunstancias da crise sanitaria (do coronavirus)", que "poden incidir tamén no calendario doutras moitas cousas". Respecto diso do COVID-19, a partir das 13:30 horas reunirase o Comité de Seguridade e Saúde do Concello de Ourense para valorar as medidas a tomar.

CARIDE EVITA FALAR DE JÁCOME

Preguntado polo polémico comportamento do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, da súa mesmo partido, que levou ao PSOE de Ourense a tramitar unha moción para a súa reprobación no próximo pleno, Miguel Caride evitou pronunciarse alegando que el compareceu hoxe "como portavoz para transmitir informacións do acordado na Xunta de Goberno".

Así, reiterou que, "sobre esa cuestión", el non é "quen ten que opinar": "Teño a miña opinión, pero nestes momentos entendo que non é procedente que eu fale destas cuestións". En plena éxtase do coronavirus, Caride, cuestionado pola viaxe a Madrid que efectuou onte Jácome e que anunciou a través dun tuit, evitou igualmente "valorar esas decisións persoais" sobre "unha reunión agendada relacionada co seu cargo".

O portavoz da Xunta de Goberno Local, Miguel Caride,en rolda de prensa.
O portavoz da Xunta de Goberno Local, Miguel Caride,en rolda de prensa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta