Por que Rueda quere modificar agora a lei galega de medios públicos?: eivas e carencias da CRTVG 13 anos despois

O presidente galego insiste en adaptar a normativa galega á europea pero nesa actualización tamén abordará o cambio e o xeito de elección do futuro director xeral da CRTVG. Tamén, asuntos que os partidos da oposición e organizacións profesionais de xornalistas levan reclamando desde hai anos como é a dun Consello de Informativos e Estatuto Profesional.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 07/05/2024 | Actualizada ás 21:49

Comparte esta noticia

Hai unhas semanas Galicia Confidencial publicaba que a necesidade de cambios na dirección xeral da CRTVG podería traer novas batallas políticas nesta lexislatura. Unha nova fronte que o goberno de Rueda xa acaba de abrir tras anunciar a súa intención de cambiar a Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia que é a que rexe todo o relativo ao funcionamento da CRTVG e o nomeamento dos seus altos cargos.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, en comisión de control da compañía
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, en comisión de control da compañía

O Goberno galego xustifica esta medida para adecuar a lei galega á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. O propio presidente galego destacaba este luns que xa era hora de modificar a Lei de medios de Galicia tras 13 anos se actualizarse. "O que buscamos é adaptarnos a un mundo que evolucionou moi rápido. Cando se aprobou non había lexislació aínda sobre as plataformas dixitais", indicaba na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. O Goberno galego tamén defende unha nova lei para "reforzar a misión e valores do servizo público" que presta a CRTVG, entre eles o reto de "posicionar axeitadamente a lingua galega no contexto dos novos formatos dixitais de información e entretemento".

É certo que a lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia quedou obsoleta e a Xunta ten razón en parte dos argumentos que utiliza. Con todo, non menciona outras cuestións de trascendental importancia que poden estar detrás desta modificación da lei; a elección do futuro director xeral do ente público e, con iso, a posta en marcha dun Consello de Informativos e un Estauto de Redacción do ente público.

SÁNCHEZ IZQUIERDO

O actual director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, chegou ao cargo da man de Alberto Núñez Feijóo, en 2009, tras deixar en xullo de 2008, a dirección do xornal La Región. Naquel momento, PPdeG e PSdeG cociñaron o seu nomeamento. Os socialistas, liderados entón polo ex conselleiro Pachi Vázquez deron o visto e prace. Unha decisión que hai que entender pola amistade que o tamén ex alcalde do Carballiño tiña con Sánchez Izquierdo pola súa etapa de director do xornal La Región.   Dous anos depois, ambos os dous partidos tamén se puxeron de acordo para aprobar a actual Lei de medios.

Alfonso Rueda nunha entrevista na Televisión de Galicia. CRTVG
Alfonso Rueda nunha entrevista na Televisión de Galicia. CRTVG

 

Sanchez Izquierdo, con  75 anos, xa manifestou en privado que non ten ganas de continuar

 

En 2016, agotado o mandato e ante a falta de acordo para a renovación, o PP buscou unha solución de urxencia na lei de acompañamento dos orzamentos e aprobou unha enmenda que recollía que se non había acordo para a súa substitución, o cargo "corresponderá transitoriamente á persoa que sexa titular da dirección xeral da Compañía". E desde entón, Sánchez Izquierdo segue de director xeral transitorio.

 

Unha transitoriedade que tamén continuou durante o último ano de goberno de Alfonso Rueda pero que podería chegar a súa fin. O propio Sanchez Izquierdo, con 75 anos, xa manifestou en privado que non ten ganas de continuar. "Xa quería deixalo no 2020, pero Feijóo convenceuno para seguir", apuntan fontes próximas ao director xeral a Galicia Confidencial. Coa chegada de Rueda, en 2022, volveu insitir na súa petición pero o novo presidente galego dixo que aguntara ata o final da lexislatura.

 

E é aquí un dos principais problemas que ten Rueda nesta lexislatura; a substitución de Sánchez Izquierdo. Desde 2011, a Lei de Medios de Galicia esixe unha maioría cualificada para nomear ao director xeral da CRTVG, é dicir, tres quintas partes da Cámara galega.  Polo que a decisión para nomear un substituto pasa polo acordo do PP co BNG ou do PP con, cando menos, dúas forzas políticas. Algo que é moi difícil de conseguir coa actual aritmética parlamentaria.

 

Por iso, segundo fontes consultadas por Galicia Confidencial, unha dos principais cambios que podería introducir o PP nesa nova lei e a elección do futuro director xeral por maioría absoluta, co que se sortearía posibles vetos doutros partidos políticos. Un cambio que deixaría as mans libres a Rueda para designar directamente ao sucesor de Sánchez Izquierdo.  O líder do PPdeG e presidente da Xunta aseguraba, preguntado por este medio, que buscar un substituto "depende das ganas reais que teñan o resto das forzas políticas, respectando sempre os resultados electorais". Unha clara alusión a súa maioría absoluta de 40 deputados.

 

CAMBIOS AGARDADOS

 

Non é a primeira vez que se fala de cambios na Lei de medios de Galicia. O propio director xeral da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) dicía hai dous anos que a lei de 2011 é unha norma "moi cumprida" pero tamén "obsoleta e superada" e avogaba pola súa actualización. Algo que é precisamente o que quere o PP e Rueda.

 

Nunha comparecencia na Cámara, Sánchez Izquierdo emprazaba aos partidos da oposición "a que apliquen as súas capacidades para actualizar esta lei, que o necesita de forma imperiosa e máis se se publica, como parece que si, a Lei do Audiovisual", afirmaba. E entre os cambios da lei, Sánchez Izquierdo tamén se refería á posta en marcha do Consello de Informativos e do Estatuto do Profesional pero aclaraba que non era responsalidade súa, senón do Consello de Administración da CRTVG, un órgano "con representación de todas as forzas", pero controlado polo PPdeG. 

 

Sánchez Izquierdo dicía hai dous anos que a lei de 2011 é unha norma "moi cumprida" pero tamén "obsoleta e superada" e avogaba pola súa actualización

 

 

Segundo indicaba a aprobación do estatuto do profesional é "unha das prioridades" do Consello de Administración da CRTVG. "Tanto a modificación do cadro de persoal como as directrices foron aprobadas por unanimidade no pleno do Consello de Administración, unha unanimidade que me consta polo que sei dos membros do consello que é pretendida desde o comezo para instrumentos como o estatuto ou o consello de informativos", sinalaba.

 

CONSELLO DE INFORMATIVOS E ESTATUTO PROFESIONAL DA CRTVG

 

Precisamente, tanto a creación do Consello de Informativos e do estatuto do profesional son dúas das principais demandas dos traballadores do ente público e dos partidos da oposición para evitar a manipulación informativa da TVG e da RG por parte do PPdeG. Algo que levan pedindo desde o inicio dos chamados "venres negros"  parte dos profesionais da CRTVG. Tamén é unha demanda das asociacións e órganos xornalísticos. 

 

Entre elas, o Colexio de Xornalistas de Galicia (CPXG) que, aínda que ve como unha "boa noticia" os cambios da normativa xa que hai "moitas cousas que adaptar" á lexislación actual, insiste, tamén en reclamar unha lei de publicidade institucional. O seu decano, Paco González Sarria, espera que o texto teña o "valor" de entrar noutros asuntos "de vital importancia" como os que continúan incumpridos na actual norma.

 

Hai uns meses sesenta e cinco asociacións de xornalistas integradas na Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE) asinaban unha carta dirixida ao Consello de Administración da Corporación da Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) na que demandaban a posta en marcha de organismos profesionais en favor do pluralismo como o Consello de Informativos e o Estatuto de Redacción.

 

Nunha carta, encabezada coa firma do presidente da FAPE, Miguel Ángel Noceda, lembrabase a necesidade de elexir a un director xeral por maioría cualificada (2/3) do Parlamento galego, a posta en marcha do Consello de Informativos e a creación dun Estatuto de Redacción, "disposicións legais que até a data, -desde hai doce anos-, non se teñen implementado aínda".

 

A FAPE pide que se adapte a normativa galega á Lei Europea de Liberdade dos Medios (European Media Freedom Act)

 

Precisamente, un dos argumentos utilizados pola FAPE, e tamén polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), é que se adapte a normativa galega á Lei Europea de Liberdade dos Medios (European Media Freedom Act), que propón, ante todo, regulamentos que protexen o pluralismo e a independencia editorial dos medios de comunicación na UE, con especial insistencia nos de titularidade pública.

 

LEI GALEGA

A Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia (Lei 9/2011),  foi aprobada no Parlamento galego en 2011 cos votos a favor dos grupos PP, PSdG-PSOE, e en contra do BNG.Garante, desde o seu preámbulo, "a independencia, obxectividade e veracidade da información", así como "prevé a creación dunha autoridade audiovisual independente de Galicia que realizará tamén as funcións do consello asesor". A máis diso outras consideracións de tipo orzamentario, de organización, réxime económico ou dixitalización, a lei indica no seu articulado a esixencia da "elección da directora ou director xeral da Corporación da Radio e Televisión Galega (CRTVG) polo Parlamento de Galicia por maioría cualificada de 2/3".

Tamén no artigo 36, parágrafo 1, ínstase á creación do Estatuto Profesional da Corporación da CRTVG "como instrumento destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos", e no mesmo artigo, parágrafo 2, refírese á "creación dun Consello de Informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación da CRTVG co fin de velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Deberamos facer chegar aos grupos políticos a candidatura de Xurxo Salgado para o cargo de Director Xeral da CRTVG e case seguro que non habería problemas para alcanzar os 50 votos necesarios no Parlamento. Claro que para que prospere a candidatura tería que haber liberdade de voto no grupo do BNG (o permiso da UPG é o máis dificil de logar)