Así se vive a corentena no rural: outra realidade, outras preocupacións

As zonas rurais afrontan o coronavirus sen quitarlles o ollo aos seus animais, para que os coidados que precisan estean garantidos. Se o sector agrario e gandeiro para, o abastecemento córtase. Os habitantes miran tamén con preocupación o estado da sanidade nas aldeas e vilas, mais non temen quedar sen alimentos para eles mesmos: "Aquí sempre somos precavidos".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O rural galego non vive do mesmo xeito que a cidade esta alerta sanitaria xurdida ao redor do coronavirus. A realidade é outra e as preocupacións tamén. Ao temor xeralizado na sociedade pola expansión da enfermidade súmanse as inquedanzas polo coidado dos animais, o abastecemento de alimentos para eles e as consecuencias de prorrogar todos os procesos administrativos no eido da agricultura e da gandaría. 

Vacas nun camiño rural
Vacas nun camiño rural

As aldeas, ademais, trátanse de zonas críticas polo perfil demográfico maioritario da poboación: persoas avellentadas e en moitos casos con problemas respiratorios. Uns trazos considerados de risco á hora de contraer o coronavirus. Xorden dúbidas entón ao redor de se os centros hospitalarios comarcais estarían preparados para atender con garantías os posibles primeiros casos de persoas infectadas.

Con todo, polo de agora no día a día do rural séguese respirando a mesma tranquilidade de sempre. Quizais amparada por certa incredulidade. "Isto é un sitio aberto, malo será que aquí chegue...". O coronavirus monopoliza as conversas, pero tamén é certo que as preocupacións pola falta de comida non son aquí unha prioridade, e as farmacias, lonxe das estampas das cidades, funcionan nas aldeas cun ritmo máis calmado.

ADECUAR AS MEDIDAS AO RURAL

"Hai que ver que medidas son adecuadas en función do ámbito no que se aplican", comeza explicando Isabel Vilalba, responsable do Sindicato Labrego Galego. Unha das reivindicacións que está presente estes días pasa porque as medidas teñan en conta as particularidades das zonas rurais. Dende o SLG ven "absurdo" que persoas con recomendacións sanitarias teñan prohibido pasear por pistas onde non hai ninguén. "Estamos de acordo con limitar todos os movementos, pero parécenos tremendo que se lle impidan eses paseos a unha persoa da aldea e logo vexamos as imaxes dun metro ateigado en Madrid", di paradóxica Vilalba.

Paisaxe do rural galego
Paisaxe do rural galego

Preocupa tamén a chegada de visitantes procedentes doutras zonas que poden ser de risco. Nos últimos días foron varios os municipios que constataron este aumento de poboación e cuxos alcaldes pediron que, se fican estas persoas, cumpran co illamento. Súmase isto ao estado no que se atopan actualmente os hospitais comarcais. Vilalba pon sobre a mesa o "proceso de desmantelamento importante" que sufriu a sanidade pública das zonas rurais nos últimos tempos. "A xente ten medo de que os medios para atender a enfermidade non sexan os suficientes, e máis cando moitas persoas que viven no rural son vulnerables ao virus".

O COIDADO DOS ANIMAIS, NO CENTRO

A nivel de actividade, polo de agora, conta Vilalba, están traballando con normalidade. A agricultura e a gandaría son os piares básicos para o mantemento da produción e o abastecemento de alimentos, cousa que inquieta nestes días de corentena, sobre todo nas cidades. O Real decreto no que se asentou o estado de alarma protexe o coidado dos animais, o funcionamento das granxas e a saída de alimentos, mais no rural non perden de vista a evolución dos acontecementos. "A nós preocúpannos os servizos básicos e a protección dos servizos sanitarios igual ca ao resto das persoas, pero a maiores temos a responsabilidade de alimentar os nosos animais", asegura Vilalba.

A corentena pode desequilibrar a entrada de pensos e tamén dificultar o traballo nas propias granxas. Por lei, todas aquelas empresas con persoas contratadas teñen a obriga de contar cun gabinete de control e cun plan vixente de prevención de riscos. E ademais, deben levar a cabo todos os protocolos anunciados para evitar a transmisión da enfermidade. Polo momento, non se presentaron problemas, pero dende o sindicato recoñecen que a análise vai "día a día". "Precisamos que os animais poidan coidarse e se alimenten".

Esta crise sanitaria afectou de cheo, iso si, aos procesos administrativos nos que o campo estaba inmerso nestes momentos: a tramitación das PACs, as axudas á mocidade do rural, os plans de mellora das granxas, as negociacións de moitos contratos... Dende o sindicato manteñen interlocución directa coa Consellería de Medio Rural, e no que respecta á competencia estatal, acordouse prorrogar todos estes trámites para que non caduquen. Tamén este era o momento da presentación de balances das interprofesionais, que adoitan presentarse en abril e que recollen todo o ano de actividade e a programación do ano seguinte. "Son cousas moi importantes, e coa corentena enriba vémonos obrigados a pedir que isto se adíe para facelo con garantías", conta Vilalba.

QUE PASA COAS FEIRAS?

Igualmente, entran dúbidas ao redor da cancelación dos mercados periódicos de alimentos que se celebraban no rural e nas vilas ata a declaración do estado de alarma. A este respecto, a Federación Rural Galega (Fruga) reclamou nestes últimos días á Xunta que garanta o funcionamento de feiras pola súa "importancia no medio rural para milleiros de agricultores que teñen o seu medio de vida na venda directa dos seus produtos". Isabel Vilalba concorda neste posicionamento e mesmo considera que manter as feiras sería positivo de cara a alixeirar as aglomeracións nas grandes superficies. 

"Moitos dos espazos nos que se producían estas feiras eran abertos, pódese perfectamente limitar igual o contacto entre persoas, podería haber medidas para desenvolvelas con garantías", apela Vilalba. Fruga, pola súa banda, critica que as persoas agricultoras se vexan agora "absolutamente desamparadas pola Administración", sen poder dar saída aos seus produtos, e polo tanto, sen recibir ingresos.

"SOMOS DESDE SEMPRE PRECAVIDOS"

Sen feiras ás que acudir, os habitantes do rural teñen unha canle menos para mercar alimentos. Ademais, os servizos básicos adoitan atoparse nas vilas, se maneira que as persoas se ven na necesidade de desprazarse en coche para ir aos supermercados. Con todo, o mercado ambulante que chega ás portas de cada casa mitiga estas problemáticas. Alicia V. B., unha vendedora que percorre varias aldeas un cantos días á semana, comenta que agora a xente evita saír mercar ás localidades do arredor. "Agora esperan máis por min, esperan máis ao panadeiro...". 

Non nota histeria nin psicose, "ao mellor fan un pouco máis de compra, pero a xente da aldea é moi distinta á da cidade, vivimos doutra maneira, temos reservas", explica. "Aquí sempre vas ter un quilo de arroz de reposto, moitas veces dinme: 'Dáme azucre que acabo de empezar o último paquete', iso na cidade non o ves... Aquí somos desde sempre precavidos, sobre todo as persoas maiores". Na meirande parte das casas hai patacas, hai ovos, hai máis dun conxelador e adoitan estar ao tope. "O esencial na aldea sempre se ten", conta Alicia.

Mais este luns, pouco antes de rematar o percorrido, esta vendedora xa ía sen cousas. "Lixivia non teño, e iogures levo poucos... Papel hixiénico, leite, aceite e pasta é o que máis me mercan".

TRANQUILIDADE NA FARMACIA

E polas farmacias do rural as cousas andan tranquilas, incluso máis do habitual. Ánxeles é unha farmacéutica de Xanceda (Mesía), unha poboación de non máis de 320 habitantes. Conta que a situación é de total normalidade, pero que toman todas as medidas de precaución requiridas: "Non hai máis de tres persoas na farmacia e só unha de nós está atendendo... A xente enténdeo perfectamente". 

Con todo, levan días sen xeles hixienizantes e sen máscaras. "É un problema que continúa, e mesmo notamos que viña xente de fóra, de paso, transportistas ou repartidores, pensando que habería ao ser unha zona rural, pero nada!". A Ánxeles chámalle a atención que ningunha persoa entre pedindo información. "Creo que non son de todo conscientes da problemática". "Isto é un sitio aberto, malo será que aquí chegue...", coméntanlle algúns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta