A valedora censura condutas racistas e avisa: "O virus non distingue de orixe, sexo ou nivel económico"

Denuncia os bulos que circulan nas redes sociais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2020 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, censurou determinados comportamentos racistas e insolidarios detectados nas últimas semanas por mor da crise do COVID-19, un virus que, segundo destaca a titular da institución, "non distingue por orixe racial ou étnica, nin por nacionalidade ou veciñanza, nin por ideoloxía, sexo ou idade, nin por nivel económico".

Nun comunicado emitido aos medios este martes, a valedora sinala que, a pesar de que a sociedade "enteira" está a facer fronte á crise "con altas doses de responsabilidade", detectáronse episodios "excepcionais" nos que se culpabiliza da expansión da enfermidade ou de ser insolidario a "determinados grupos de persoas pola súa orixe racial ou étnica, a súa nacionalidade ou a súa idade".

A titular do Alto Comisionado do Parlamento galego manifesta que estes bulos baseados "en feitos non contrastados" e que, nalgúns casos, foron mesmo desmentidos polas autoridades, continúan en circulación polas redes sociais. Tamén advirte da existencia de vídeos "autenticidade non acreditada" que supostamente proban "en particular a insolidariedade" do colectivo xitano.

Neste sentido, advertiu de que os expertos en Dereitos Humanos de Nacións Unidas xa alertaron do risco de retroceso ante o escenario aberto a nivel mundial coa propagación do virus. Por todo iso, Fernández Galiño subliña que estas condutas "non merecen outra resposta que o radical rexeito que se compadece coas altas doses de responsabilidade e solidariedade que caracterizan a exemplar resposta xeral da cidadanía".

Persoas levan máscaras por temor ao coronavirus
Persoas levan máscaras por temor ao coronavirus | Fonte: americatv.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta