Por Galicia Confidencial | Ourense | 30/10/2012 | Actualizada ás 12:02
As concelleiras do BNG no Concello de Ourense Isabel Pérez e Marta Arribas anunciaron este martes que deixan as súas actas na corporación municipal.
Unha decisión que chega tras a asemblea local do BNG, que se celebrou este luns, e que tamén decidiu que os nacionalistas non negociarán a entrada no goberno local e, polo tanto, descartan reeditar un novo bipartito.
E é que, segundo as fontes consultadas, facíase moi difícil que as dúas concelleiras que participaran no Goberno municipal estiveran na oposición criticando, nalgúns casos, políticas que previamente terían apoiado.
Renovación
Coa saída destas edilas, o grupo municipal do Bloque renovarase por completo logo de que o xa es concelleiro Fernando Varela dimitira ao ser imputado na Operación Pokémon e que obrigou tamén á dimisión do ex alcalde socialista Francisco Rodríguez.
Agora, pasarán a ser concelleiros desta corporación municipal Susana García e Ximena González. Antes xa entrara Xosé Somoza en substitución de Fernando Varela. A maior parte deles da APU, a coalición liderada pola UPG.
Consello Nacional
A saída de Pérez e Arribas chega tras o Consello Nacional do pasado sábado no que se abordou a necesidade dun cambio nas políticas e nas estruturas nacionalistas tras o fracaso das eleccións do 21-O.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.