VÍDEO: Este experimento científico mostra como se pode espallar o coronavirus cando tosemos

Físicos alemáns fan público un vídeo gravado coa técnica coñecida como espello de Schlieren no que se evidencia a importancia de toser coa boca cuberta; con todo nin as máscaras proporcionan total seguridade.

Por Galicia Confidencial | | 25/03/2020 | Actualizada ás 21:57

Comparte esta noticia

Este vídeo mostra como se esparexe o aire ao respirar normalmente e ao toser de distintas maneiras segundo se o facemos coa boca aberta sen tapapla, se o facemos tapando coa man, co antebrazo ou cunha máscara anti-po ou cirúrxica.

Experimento dos investigadores da Cátedra de Física da Universidade-Bauhaus Weimar.
Experimento dos investigadores da Cátedra de Física da Universidade-Bauhaus Weimar.

Pódese así visualizar a grande importancia de seguir as recomendacións da Organización Mundial da Saúde para a protección contra o coronavirus, que debemos seguir absolutamente todos para non contaxiar a outros.

O vídeo foi elaborado por científicos da Universidade-Bauhaus de Weimar (Alemaña) para ilustrar como os xermes poden propagarse polo aire.

Coa axuda do chamado espello de Schlieren (un proceso visual que se utiliza para fotografar o fluxo de fluídos de densidade variable), os investigadores da Cátedra de Física desta universidade fan visible o que normalmente está oculto ao ollo humano. 

Podes ver a silueta dun home que respira normalmente e finalmente comeza a  toser fortemente. Primeiro sen medidas de protección, logo coa man en fronte del, na parte interior do cóbado e con varias máscaras de respiración. "Especialmente cando se  tose sen protección da boca, queda claro canto se propaga pola habitación o aire que respiramos", explica o profesor Conrad Völker, xefe da Cátedra de Física.

"Por esta razón, a boca debe estar cuberta ao toser, segundo mostra o experimento, idealmente no cóbado, para manter tamén as mans limpas e non transportar posibles virus ou outros axentes patóxenos a través do contacto corporal ou as superficies", agrega o profesor  Völker.

E aínda que o uso de máscaras respiratorias "mostra unha mellora na diminución da propagación" e "filtran os aerosois que transportan virus", evidénciase que tampouco garanten unha total seguridade. "Non existe un método 100% efectivo para previr a infección por gotiñas", explican os científicos alemáns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta