Gómez-Reino: "Non se entendería que Feijóo se sitúe con Trump, Bolsonaro ou Boris Johnson"

Dende o BNG, Ana Pontón advirte de que é o momento de que Audasa "compense a Galicia" e non ao revés e pide que compareza xa a conselleira de Política Social.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2020 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

O portavoz da coalición Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, asegurou que "non se entendería" que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, "se situase" con Donald Trump, Jair Bolsonaro ou Boris Johnson coas súas "trabas" a paralizar a economía para combater a expansión do conoravirus.

Así o expresou o tamén secretario xeral de Podemos Galicia nunha rolda de prensa por videoconferencia na que se referiu á interrumpción de toda actividade considerada non esencial decretada polo Goberno central para frear o avance do COVID-19.

Unha medida, en palabras do deputado no Congreso, "necesaria" e que foi "tomada con todo o rigor preciso" por parte do Executivo estatal. A decisión suscitou críticas entre varios dirixentes autonómicos, entre eles Núñez Feijóo, que pediu que o peche de toda actividade non esencial se faga de forma "correcta e previsible", de modo que non sexa "abrupto" e se dea "un tempo" para iso.

"Non se podería entender que o señor Feijóo se sitúe no plano no que están Trump, Bolsonaro ou Boris Johnson, que poñen trabas para iso", dixo Gómez-Reino a preguntas dos medios sobre a postura da Xunta ante a paralización das actividades non esenciais, algo que, para o de Podemos, "é o método fundamental para cobatir a crise sanitaria: o confinamento e pechar ordenadamente o sistema produtivo".

Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común-Anova Mareas. GALICIA EN COMÚN - Arquivo
Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común-Anova Mareas. GALICIA EN COMÚN - Arquivo

SANIDADE PRIVADA

Doutra banda, Gómez-Reino volveu demandar á Xunta a intervención dos recursos dos centros sanitarios privados para a súa posta a disposición da Administración autonómica de cara á atención dos pacientes con coronavirus.

Para o deputado, a instalación de hospitais de campaña, algo que o domingo recoñeceu Feijóo que se sopesa facer en Santiago e A Coruña, debería ser "o paso final" e que antes "todos" os recursos privados teñen que estar postos en mans da administración para a súa xestión desde o público.

Por iso, pide que se "mobilicen todos os recursos" da privada "antes de meter os afectados en pavillóns, onde vai ser moito máis difícil manter as garantías sanitarias". Neste sentido, sinalou que o Colexio de Médicos de Madrid xa apuntou que "o modelo Ifema está a ter moitísimos problemas", en referencia á conversión do centro de mostras da capital española nun hospital de campaña para atender a pacientes de COVID-19.

ANA PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou intensificar as medidas para o control da pandemia orixinada polo covid-19 e, ademais de pedir que se active a industria e as universidades galegas para o "autoabastecemento" de máscaras, respiradores e test "de maneira urxente", apostou por realizar as probas rápidas de forma masiva, en especial, aos colectivos de risco.

Nese sentido, e ao ser preguntada na rolda de prensa se se deberían facer de forma masiva ás embarazadas --este domingo faleceu unha muller con covid-19 que non superou a cesárea á que sometida para sacar ao bebé, que naceu morto--; Pontón lembrou este "acontecemento que nos estremeceu a todos" e conveu que hai que facer estes "test para os sectores máis vulnerables: maiores, persoal sanitario e mesmo como medidas preventivas para as embarazadas, se queren".

Na súa comparecencia, volveu pedir un "plan de choque" para as residencias de maiores e, neste sentido, reclamou que esta mesma semana compareza a conselleira de Política Social, Fabiola García, na Deputación Permanente da Cámara autonómica, que actualmente está disolta.

Doutra banda, tamén se referiu ás medidas de paralización de toda a actividade non esencial, que apoiou e que o BNG xa viña reclamando a semana pasada. Pontón considerou que "chega tarde" e que pode crear "distorsións", pero ratificouse na necesidade da medida. Tamén volveu a reclamar medidas como o peche dos territorios máis afectados, para evitar a "centrifugación" na expansión do virus.

Ademais de reclamar que estean "preparadas as infraestruturas sanitarias" para unha eventual necesidade de hospitais complementarios, aínda que "logo se non hai que usalas, mellor"; o BNG tamén pide que a sanidade privada use "todos os materiais e non faga despedimentos", que se reforce con persoal "en condicións non precarias e de estabilidade" e que se faga un "trato igualitario" para as persoas migrantes en situación irregular, como acaba de aprobar Portugal.

CONSECUENCIAS ECONÓMICAS

No ámbito económico, Pontón pediu garantir o tecido empresarial e que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "lidere unha resposta galega".

Ademais, destacou da batería de propostas do Bloque a necesidade de "liberar de peaxe todas as autoestradas", tanto as da Xunta como as do Estado. Neste punto, e ante a posibilidade de que Audasa pida compensacións pola baixada de tráfico, advertiu de que "non é o momento para compensar as concesionarias, senón para compensar a Galicia".

"INDECENTE"

Despois de que na última década Audasa gañase 500 millóns de euros, resulta "indecente" que se pretendan recibir compensacións públicas e "facer caixa mesmo no medio dunha pandemia".

Ana Pontón, que de novo tivo palabras de "alento" para todas aquelas persoas que están a traballar en todos os sectores esenciais, tamén esixiu que a banca "devolva os 60.000 millóns de euros do rescate" para facer fronte á crise do coronavirus.

Á Xunta reclamoulle "eliminar burocracia" para o acceso a liñas de crédito das empresas que necesitan liquidez. Pontón dixo que por agora se descoñece a data da reunión semanal co presidente do Goberno, aínda que entende que "non se dilatará máis" e os convocará "en próximas horas".

Doutra banda, preguntada pola campaña de Queremos Galego para que o presidente do Goberno autonómico faga as súas comparecencias no idioma galego, a líder nacionalista avisou de que "ningunha crise xustifica que un presidente da Xunta abdique das súas responsabilidades co país e, unha delas, é o uso normalizado da nosa lingua".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O único que estamos vendo é que a PSOE-UP vailles ben coa prórroga do Estado de Alarma (Viktor Orbán en Hungría xa é de facto unha ditadura dentro da UE!) Aquí en 16 días xa levamos 216.000 DENUNCIAS e 1850 DETENCIÓNS !!! Viva o Estado Policial !!!