Os xestores administrativos galegos denuncian que están a asumir tarefas que corresponden á Administración Pública

Critican que se expoñen a contaxios porque non teñen protección e a sancións elevadas se non cumpren prazos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/04/2020 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

No inicio da campaña da Renda —arrincou onte mércores 1 de abril— os xestores administrativos de Galicia alertan de que "o Goberno está a actuar con afán recadatorio" e de que "segue desatendendo as súas peticións como a de pospoñer as obrigas fiscais e laborais das empresas e autónomos".

Colexio de Xestores Administrativos de Galicia.
Colexio de Xestores Administrativos de Galicia.

Mostra diso, din, é o comezo o 1 de abril da campaña de Renda, un imposto que os xestores pedían aprazar para desafogar aos contribuíntes que están a pasar dificultades durante a crise.

Este feito, sumado ás medidas que se puxeron en marcha nos últimos días, "poñen de manifesto que o Goberno está a ignorar as reclamacións que se están facendo desde diferentes colectivos", denuncian.

Desde o Colexio tamén queren facerse eco do clamor dos despachos colexiados que estes días están a tramitar unha fervenza de  ERTEs, ademais de ter que pechar o trimestre e realizar outras xestións ordinarias.

INSEGURIDADE XURÍDICA

Os xestores administrativos afirman que están a traballar con "incerteza" e "inseguridade xurídica", con "normas ambiguas que crean temor e preocupación non só aos clientes, senón aos propios xestores administrativos, que dubidan ante determinados trámites".

Hai falta de claridade e criterio á hora de facer as cousas e aínda por riba esíxennos presentar a documentación en prazo e se non o cumprimos sanciónannos”, denuncian nalgúns despachos.

Outro dos inconvenientes que sinalan é o "mal funcionamento das plataformas telemáticas das administracións", xa que aínda non teñen activadas as funcións necesarias para tramitar con axilidade os expedientes, como no caso dos ERTE por causa de forza maior.

Os xestores administrativos lamentan que, ademais de estar obrigados a solicitar a prestación de desemprego dos traballadores afectados polos  ERTE, expóñense a penalizacións se non presentan a tempo a documentación.

"E iso sumado ao descoñecemento por parte dos funcionarios públicos sobre a normativa vixente e ausencia de respostas se se presentan dúbidas nos procedementos, sen esquecer o colapso de plataformas como Atriga, (Axencia Tributaria de Galicia) a través da cal se liquidan impostos autonómicos".

CAMPAÑA DA RENDA

Durante os últimos anos, o colectivo dos xestores administrativos ha subliñado a importancia que ten non aceptar o borrador que facilita a Axencia Tributaria sen que sexa revisado por un profesional, xa que pode supoñer unha media de 300 euros de perda para o contribuínte.

Nunha situación delicada como a actual, desde o Colexio de Xestores Administrativos de Galicia recomendan “ter paciencia e non lanzarse a aceptar o borrador cun clic, pois se poden cometer erros que poden saír caros.

En breve o Colexio de Xestores Administrativos de Galicia informará sobre como se esta desenvolvendo a campaña da Renda nos despachos colexiados, así como as posibles incidencias que se poidan producir.

MEDO AO CONTAXIO

O Goberno considera os xestores administrativos profesionais esenciais nesta crise, con todo, estes alertan de que os despachos teñen que traballar con "temor e inseguridade, pois habitualmente teñen que recibir clientes para recoller documentación, expoñéndose a un posible contaxio por falta de EPIs [equipos de protección individual]".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta