A dirección de DomusVi anuncia que despedirá a traballadores polas filtracións aos medios

A dirección de DomusVi decidiu ir pola vía expeditiva e ameazar coa perda do posto de traballo ás auxiliares e demais persoal. O motivo é que a empresa está moi alterada polas “filtracións” aos medios. Todo isto logo de que residencias do holding que preside Josefina Fernández fosen intervidas pola Xunta dado o alto número de persoas infectadas por coronavirus.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/04/2020 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

A incidencia do coronavirus en residencias propiedade de DomusVi fixo que a Xunta de Galicia interviñese en dúas delas, a de Cangas e a de Barreiro en Vigo. A administración galega poñía medios e persoal para dúas residencias que se converteran en focos de contaxio, co risco de afectar a maiores que aínda non estaban contaxiados e ao persoal que os atendía. A intervención levada adiante desde Santiago incluía tamén levar anciáns non contaxiados a unha residencia en Nigrán. Mentres tanto, as traballadoras de varios centros de DomusVi denuncian tanto un “caos” laboral como de atención nos seus lugares de traballo.

Josefina Fernández, CEO de DomusVi, recibe o premio Galicia Global 2019 de mans de Francisco Conde, conselleiro de Economía da Xunta de Galicia (dereita), e Manuel Fernández Pellicer, presidente de AED Galicia, o 19 de decembro de 2019. ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE DIRECTIVOS AED
Josefina Fernández, CEO de DomusVi, recibe o premio Galicia Global 2019 de mans de Francisco Conde, conselleiro de Economía da Xunta de Galicia (dereita), e Manuel Fernández Pellicer, presidente de AED Galicia, o 19 de decembro de 2019. ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE DIRECTIVOS AED

CLÁUSULAS DE CONFIDENCIALIDADE

As traballadoras de DomusVi veñen queixándose desde hai tempo das condicións en que traballan ademais do pouco persoal para a atención a maiores. Isto levou a unha serie de mobilizacións e de presentación tanto de queixas como denuncias. Mentres, en paralelo, familiares de persoas usuarias tamén denunciaban o trato que recibían persoas ingresadas nestas residencias.

Todo acabou de complicarse cando comezaron a aparecer os primeiros casos de coronavirus. Así, “cando se fixeron os primeiros tests na residencia de Aldán, en Cangas, deron 120 poisitivos na residencia” di Sonia Jalda, portavoz de TReGa, (Traballadoras das Residencias de Galicia). Prohibiran falar fóra do centro sobre quen estaba enfermo e quen non, iso en todas as residencias”.

A prohibición xa había tempo que se aplicaba segundo explican fontes de TReGa. “Sempre se fixo o da cláusula de confidencialidade para as traballadoras, así teñen todo atado” di Sonia Jalda. Non obstante, a confidencialidade segundo denuncian tamén desde TReGa, non se aplica a todos os sectores da empresa. “A mutua aseguradora pasa os informes clínicos aos xefes e así que teñen toda a información sobre ti, mais a ti non che din todo”.

Un anciá, posiblemente contaxiado de coronavirus, é trasladado ao hospital en Vigo, tras detectarse positivos en residencias de DomusVI
Un anciá, posiblemente contaxiado de coronavirus, é trasladado ao hospital en Vigo, tras detectarse positivos en residencias de DomusVI | Fonte: @miguelnuñez

Con todo, as traballadoras denuncian que “nas residencias onde hai contaxios é un caos, en Aldán e Barreiro, antes da intervención (da Xunta) quixeron separar os contaxiados dos que non estaban para zonas concretas”. Con anterioridade aos resultados dos tests de coronavirus non se tomaran medidas, agora “os residentes están confinados nos seus cuartos, antes non había medidas de protección”.

CONDICIÓNS LABORAIS

“Na residencia onde estou intentan extremar as condicións de hixiene mais seguen sen material axeitado” sinala Maribel Barreiro.  “Noutras residencias, como en Ribadumia, fixeron asinar ás traballadoras un documento onde constaba que recibían as máscaras cirúrxicas e que as tiñan que reciclar durante dez días” di Barreiro. Esas máscaras son de papel o mesmo que as batas verdes para cubrir o corpo. “Algunhas das traballadoras levan as súas propias máscaras de tea”. O que parece non faltar é o xel hodrolóxico xunto a que os residentes están pechados nos seus cuartos.

Na residencia de Aldán “hai agora mesmo 18 positivos entre o persoal” di Sonia Jalda. A falta de EPIs (Equipos de Protección Indiviuais) deixa moi expostas ás persoas que traballan nestas residencias. Ante a falta deste material “a semana pasada o concello doara á residencia de Aldán luvas e gafas, e a dirección puxo todo ese material baixo chave” di Maribel Barreiro. “Non sabemos por que, non temos nin idea, o caso é que o domingo 29 de marzo todas se plantaron esixindo o material de protección”. E a isto sumarlle a falta de persoal abondo para atender aos residentes.

“Estanse incumprindo as normas de protocolo de circuítos limpos para traballar, as bolsas de roupa sicia están tiradas nos corredores, ademais de que había xente que entraba en vestiarios coa funda sen cambiar, o vestiario é unha zona de limpo” sinala Barreiro. “Cando a Xunta interveu as residencias, houbo xente do SERGAS que renunciou dicindo que non traballaban con esas condicións”.

AMEAZAS DA DIRECCIÓN

Cando comezaron a ser públicas as mobilizacións e concentracións de traballadoras e sobre todo, cando comezaron a aparecer nos medios, desde a empresa respóndese con ameazas “de despido por ir a concentracións, queren que a xente sexa da súa corda antes que persoal competente” di Sonia Jalda.

“DomusVi non prima o bo ambiente de traballo entre o persoal, sempre estás en tensión, non sabes se tes a COVID-19, así que tentas extremar as medidas de hixiene mais sen medios non sabes se o tes ou se o teñen eles e ao mellor ti o levas para a casa” di Maribel Barreiro. Os niveis de estrés son moi elevados. “Traballar con medo non che deixa facer nada, como profesional sabes traballar, non me asusta o que teño diante, o que non me gusta é non ter o material necesario e unha dirección que ameaza”.

As ameazas subiron en intensidade cando, segundo as propias traballadoras, se presentou en varias residencias o director da Zona Norte de DomusVi, Pedro Fernández Miguélez, irmán da CEO da empresa, Josefina Fernández Miguélez.  “Ameazou ás traballadoras dicíndolles que había máis información fóra das residencias que dentro e cando isto acabe, tomarían medidas e rodarían cabezas. Isto foino dicir o martes 31 de marzo pola mañá” describe Sonia Jalda. “Dixo que buscarían quen fai filtracións á prensa e logo comezarían os despidos” sinala Maribel Barreiro. Finalmente, ante a pregunta de por que a Xunta decide intervir cando o coronavirus xa tiña infectado un número importante de residentes, as respostas son que “DomusVi non quería que se lle escapase das mans, por iso foi persoal do SERGAS”.

As traballadoras de DomusVi son un colectivo que demanda máis atención en seguridade laboral, máis material sanitario e de protección. Tamén demandan melloras salariais e laborais para non ter que quedar dúas persoas en quenda de noite para atender ao mellor, a 150 persoas. De momento, e aínda coas ameazas e as actuacións cando menos estrañas da empresa, as empregadas seguirán demandando o que cren que é necesario.

Residencia de Anciáns DomusVI Aldán, en Cangos, onde hai varios falecidos por coronavirus entre os maiores
Residencia de Anciáns DomusVI Aldán, en Cangos, onde hai varios falecidos por coronavirus entre os maiores | Fonte: Miguel Núñez
Concentración traballadoras Domusvi e familiares de persoas usuarias
Concentración traballadoras Domusvi e familiares de persoas usuarias
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

6 María

Os Servizos Sociais dos concellos e a FUNGA (Fundación pública Galllega para la tutela de personas adultas- Xunta de Galicia) tamén se deberían investigar. Informe médico:  " paciente no acompañada por ningún empleado ni asistente de la FUNGA. Úlceras vasculares. Viene desaseada con las vestimenta sucia y con olor a rancio. Mala higiene corporal, totalmente descuidada y sin ningún aseo corporal. Incontinencia urinaria..... muy mala higiene. Fetidez importante.... fotos de úlceras crónicas..... fotos de dermatomicosis de la zona inguinal. Dependiente para ABVD. Enolismo crónico. Trastorno psiquiátrico. EPOC mal controlado. Glaucoma. Problemática social grave. No tiene ayuda para cumplimiento de tratamiento, precisa un cuidador. Se recomienda ingreso residencial".Necesidad de ayuda para aseo, vestimenta, alimentación, suministro de medicación. No recibe rehabilitador ni ayuda adecuada. Tutelada por la FUNGA. Situación de máxima gravedad".

5 Juanja

"rodar cabezas?" comentario totalmente inapropiado y caracterizado por la falta de profesionalidad del equipo de dirección. Salvaguardar la seguridad y salud de los residentes el el trabajo del personal, muy bien por hacerlo y cumplir con vuestro trabajo!

4 Arteixá

Levamos así unha década. O incrible é que os cidadáns se conforman cunha axuda para pagar a residencia privada no canto de esixir a xestión pública e máis prazas de pública. A Xunta dálles esa axuda para poder seguir incrementando o negocio da privada en vez de usar eses cartos para novas prazas públicas. E así van pasando os anos co sistema de atención á dependencia absolutamente precarizado.

3 Xesús Ateo Recalcitrante

Aos sen vergña nunca lle gustou que se soubera a verdade dos seus manexos. E neste caso actúan coa complicidade da Presidencia e da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Hai moitos anos que familiares de residentes e traballadores desas residencias (e doutras moitas) están a denunciar o incumprimento dos requisitos mínimos de atención e persoal neses establecementos; e a Xunta de Galicia coma se ouvira chover. Agora vemos que, como na sanidade pública, chove sobre mollado; agravado no caso das residencias de maiores porque aprovéitanse dos recursos públicos para facer negocio coa complicidade da administración que debería velas polo benestar das persoas alí residentes e das que alí exercen a súa prestación laboral. Pero claro, o carrexo organizado de votos en cada elección impórtalles máis que a vida das persoas.

2 xosel

Domus Vi? imposible. Pero si lle acaban de dar un premio os do pp.