Saturación telefónica, os números do Goberno para atender a desempregados e empresas non dan para máis

Os números de teléfono gratuítos habilitados polo Goberno central non son abondo para atender as chamadas de persoas afectadas por ERTEs ou cesamentos de actividade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/04/2020 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A páxina do SEPE (Servicio Estatal Público de Empleo) indica dous números de teléfono gratuítos,  900 81 24 00 para a cidadanía e o 900 81 24 01 para empresas. A idea é poder chamar e solicitar a información necesaria para levar debidamente os trámites para prestacións e axudas que o Goberno central puxo en marcha logo da declaración do estado de alarma.

Oficina de Emprego. EUROPA PRESS - Arquivo
Oficina de Emprego. EUROPA PRESS - Arquivo

As restriccións aos movementos da poboación non permitían os desprazamentos a longas distancias, algunhas veces necesarios para poder cumplimentar trámites. Os teléfonos gratuítos axudarían á cidadanía a resolver parte dos trámites e tamén actuarían como guía nos procesos telemáticos.

Non obstante, o servizo telefónico gratuíto comezou a mostrar dificultades. “Estiven toda unha mañá chamando, non collía ninguén, só daba sinal” di Ana, traballadora autónoma que buscaba información sobre cesamento de actividade. As opcións que lle quedaban eran ou chamar aos números fixos da delegación provincial do SEPE ou aos números 901 que tamén figuraban na web do servizo estatal de emprego ou directamente ás delegacións de cada provincia. Tanto as chamadas ás delegacións como aos 901 teñen custe.

Pasa o mesmo con algunhas mutuas laborais. Agora que é obrigatorio para autónomos e autónomas ter contratada unha mutua, as baixas por cesamento da actividade teñen que ser xestionadas por estas empresas. “Chamo ao número gratuíto da miña mutua, un 900, e nada, cando van cinco ou seis chamadas directamente colgan” explica Roberto, autónomo do transporte. Neste caso, tamén hai números fixos de pago.

A decisión de Ana foi chamar directamente ás oficinas provinciais do SEPE. “Atendéronme de maneira moi amable e explicáronme que estaban sobrepasados” explica esta empresaria. O anuncio das medidas colleu desprevido a todo o sistema de colocación. O número de ERTEs e cesamentos de actividade foi tan grande, algunhas estimacións apuntan que as primeiras prestacións non se pagarán ata o 10 de maio.

“Din que non poden máis, que é tanta a cantidade de documentación que probablemente moitos expedientes queden polo camiño” insiste Ana. Roberto chamou ao SEPE e desde alí respondéronlle que “todos os trámites debe xestionalos a mutua que teño contratada, volvín chamar e seguen sen contestar”.

A situación de momento é de bloqueo por falta de persoal para atender todas as demandas. Sindicatos e outros axentes sociais non ven factible que se podan pagar as prestacións antes do mes de maio debido ao atranco por acumulación de documentos. En tal caso, se se chama aos números non gratuítos, a espera pode ser máis longa do habitual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta