Por Europa Press / Redacción | VIGO | 22/07/2025 | Actualizada ás 14:10
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, pediu ao Goberno central que non siga tratando aos menores emigrantes non acompañados como "paquetes" e que "dialogue" coas comunidades autónomas para acordar a súa acollida.
En declaracións aos medios de comunicación, García lamentou o novo decreto que aprobará o Consello de Ministros para a repartición destes menores entre as comunidades, solicitando ao Executivo que "respecte" e que "dialogue" coas distintas rexións para "chegar a acordos".
"Pedimos que volva ao diálogo e que deixe dunha vez por todas a vía das imposicións. Non se pode continuar tratando aos menores como paquetes, eximirse das súas responsabilidades e tentar traspasar ás comunidades autónomas unha responsabilidade que é nestes momentos do Goberno", subliñou Fabiola García.
A conselleira reivindicou que Galicia é "solidaria" do mesmo xeito que o resto de España, pero na actualidade existe unha "sobreocupación" dos centros de menores galegos, que están ao 108%. "Co cal nos preguntamos como imos acoller a 317 menores se non temos capacidade residencial. Queremos acoller? Si, pero dentro da nosa capacidade. Non se pode ser solidario co que non se ten", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.