A Xunta di que o material do Goberno central só cubriu "día e medio" e a oposición pide intervir a sanidade privada

PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea piden maior contundencia ao Goberno galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2020 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o material que entregou ata o momento polo Goberno central só cubriu, de media, "día e medio" de necesidades e sinalou que se puido aguantar a situación pola "anticipación" do Executivo autonómico.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, en comparecencia na Deputación Permanente.
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, en comparecencia na Deputación Permanente.

En fronte, tivo a oposición, que tendeu a man para superar a crise da covid-19, pero que tamén reclamou máis contundencia na acción da Xunta, en cuestións como a necesidade de facerse e repartir o material de protección sanitario e para todas as persoas que realizan traballos esenciais.

Na súa comparecencia, que se prolongou durante máis de tres horas, no hemiciclo galego, o tamén conselleiro de Administracións Públicas detallou o material que remitiu o Estado ata nestes 21 días: 714.000 luvas, que serven para 1,4 días, xa que se gastan 524.000 cada xornada; 380.000 máscaras, que cubriron 1,9 días mentres que o "resto foi con material da Xunta"; 30.500 batas impermeables, só serven para "dous días", xa que se gastan 15.400 a diario no ámbito sanitario e sociosanitario; 5.500 litros de xel hidroalcohólico, do que se necesitan 2.000 litros a diario, co que se cobren 2,6 días.

"Estes son os datos da realidade. É urxente e necesario que eses anuncios de telexornal de que vai chegar material, están moi ben e esperemos que non teñamos que dicir que chegan tarde", aseverou Rueda, quen dixo que as comunidades autónomas "están a buscarse a vida".

Rueda, que avanzou o acordo do Consello da Xunta dun teléfono de atención psicolóxica as 24 horas para a cidadanía galega durante, polo menos o confinamento, insistiu na súa intervención na colaboración "leal" da Xunta.

Sobre o traballo do Centro de Coordinación Cooperativa (Cecop), no que tamén hai presenza da Fegamp e Delegación do Goberno, destacou as 189 reunións que se mantiveron por videoconferencia coas administracións e axentes implicados na emerxencia sanitaria, destacou a repartición de material aos 313 concellos, xunto con centros sociais e sanitarios e remarcou a colaboración de máis de 4.000 efectivos de Protección Civil e servizos de emerxencia.

Todos os grupos da oposición reclamaron ao Goberno galego que "mobilice" os recursos da sanidade privada e, segundo as cifras achegadas pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o IGE revela que se perderon máis de 600 camas desde que goberna Feijóo en hospitais públicos. Tendo en conta, engadiu, que se está falando de "400 camas" nos hospitais de campaña, Pontón indicou que bastaría manter os recursos que había.

Pola súa banda, o portavoz de Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, avisou de que se Galicia tivese a mesma cociente que a media española, contaría con 800 camas máis, 730 médicos máis e 940 efectivos máis en persoal de enfermaría. Tamén se referiu a que o presidente da patronal manifestou que hai "2.000 camas e 84 Ucis baleiras".

Ademais, fronte á intervención de Rueda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo unha defensa do Goberno central e manifestou que "ninguén lle quitou as competencias" á Xunta para facerse con todo o "material necesario para unha pandemia", algo que lle foi rebatido polo vicepresidente autonómico apelando ao contido do estado de alarma publicado no BOE.

Gonzalo Caballero, que pediu á Xunta que fagan públicos os plans de continxencia das áreas sanitarias, remarcou que "fai ben a Xunta en buscar todos os materiais" posibles.

Pola súa banda, Antón Sánchez reclamou accións de maior calado e puxo exemplo de Euskadi ou Cataluña, con axudas directas aos autónomos de 3.000 ou 2.000 euros. Tamén reclamou medidas máis profundas para eximir do pago da vivenda ás persoas afectadas pola crise do coronavirus, que sexan de forma directa.

"Dixémolo o outro día, hai que facer uns novos orzamentos e medidas de apoio á xente", indicou Antón Sánchez, quen tamén recriminou o peche dos mercados de produtos de alimentación de venda directa, mentres que en Baleares están abertos: "non os regularon, prohibíronos".

A esta cuestión en concreto, que tamén trouxo a colación o deputado do Grupo Mixto Davide Rodríguez (En Marea), o vicepresidente da Xunta contestou que, dado que finalizaba a prohibición o 31 de marzo, o Executivo galego fixo unha consulta ao Goberno central e díxoselles, engadiu, que debían permanecer pechados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta