Os datos da Xunta que maquillan unha traxedias nas residencias: xa representan o 36% dos falecidos

Os familiares denuncian que o Goberno galego “trafica” cos datos de mortos en residencias. Son xa 65 os maiores de residencias mortos polo coronavirus e non os 35 do parte oficial. Feijóo pide agora ao Goberno central un protocolo para informar sobre os falecidos en residencias.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/04/2020 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

A Xunta modificou hai uns días o sistema para contabilizar os mortos en residencias de anciáns. A xustificación oficial apuntaba a unificar os datos dos contaxiados que morrían en hospitais dos que morrían en residencias. Unha estraña modificación que provocou duras críticas dos familiares que a acusan de “traficar cos datos dos mortos”.  O parte oficial do Goberno galego deste domingo apuntaba a 34 falecidos en residencias de maiores, os últimos na do Portazgo, na Coruña, e na Nosa Señora da Esperanza, de Ourense.

Feijóo, antes de comparecer en rolda de prensa na sede da Xunta. Xunta de Galicia
Feijóo, antes de comparecer en rolda de prensa na sede da Xunta. Xunta de Galicia

Unha distorsión de datos que non coincide cos que coñecen os familiares. Precisamente, por iso, este domingo, Galicia Confidencial preguntoulle ao presidente galego, na rolda de prensa telémática sobre o número real de datos, tanto dos falecidos en hospitais, como os falecidos en centros de maiores. O número dado por Feijóo duplica as cifras oficiais. Son 65 os maiores de residencias mortos ata agora, tanto en centros como en hospitais.

Unha cifra que representa case o 35% dos mortos rexistrados ata agora, 182 –Feijóo dixo que ata ás 15.00 horas deste domingo se produciran oito mortes máis--, e que destapa o gran buraco negro que ten o Goberno negro para controlar a pandemia nas residencias de maiores. Un goteo de mortes que provocou que a mediados da pasada semana, a Xunta decidira modificar o reconto de falecidos.

“Ata ese momento agradeciamos a transparencia coa que a consellería de Política Social viña operando á hora de confeccionar o reconto nunha listaxe por residencias. Agora o Sergas, a Consellería de Sanidade, apropiouse en exclusiva do reconto de falecidos en hospitais, e xa non aparecen no reconto diario de Política Social”, explica Rede, a Federación Galega de Asociacións de Usuarios de Familiares de Residencias e na Dependencia. De feito, vai máis alá e acusa á Xunta de “traficar cos datos dos mortos”.

“Entendemos que asistimos a unha manipulación groseira, unha maquillaxe indigno... indigno para a calidade da democracia, indigno para a transparencia pública, trafícase con cifras de mortos, o que xa nos parece o colmo deste proceso dexenerativo, outra dor macabra a engadir na mochila dos familiares, que son as primeiras vítimas desta traxedia humanitaria”, indica.

Tamén desde a Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, critican este cambio na política de información. "Esperamos que esa imaxe edulcorada da situación das residencias non sexa intencionada, e sexa froito da confusión característica do momento
actual", indican nun comunicado.

EXPLICACIÓNS DE FEIJÓO

“O que buscamos é unificar datos mediante un certificado médico. Saber quen falece con coronavirus. Queremos unha metodoloxía rigorosa”, dicía Feijóo hai uns días para explicar o cambio nesta estratexia comunicativa.

Este domingo, a súa versión era modificada lixeiramente. O presidente da Xunta, a preguntas de Galicia Confidencial, suliñou que o seu goberno “dá os datos que ten”. “En Galicia damos os datos dos falecidos en residencias con coronavirus e sen coronavirus. E iso dirano os laboratorios de microbioloxía. Se ese maior é positivo, é un falecido de coronavirus, e senón é pois non”, dixo. “Hoxe temos constancia de 65 falecidos dos cales 32 xa están computados nos servizos sanitarios e os outros 33 nas residencias. Estamos dando todos os datos independentemente de que sexan con ou sen coronavirus”, explicou.

Así, insistiu en que se acordou que sexa o Sergas o que contabilice os mortos que falecen no hospital veñan ou non dunha residencia. “Tamén se lle comunica á fiscalía calquera dato relevante, e tamén se lle facilita número de mortos en residencias”, destacou.  “A primeira persoa que faleceu en Celanova o test de coronavirus era negativo, pero nós tentamos dar todos os datos que temos á fiscalía, a cidadanía e aos medios de comunicación”, insistiu.

FEIJÓO PIDE PROTOCOLO AO GOBERNO

E neste sentido, reclamaba ao Goberno central que unifique os protocolos para saber como actuar. “O que queremos é un protocolo único para todo o Estado. Persoas que falecen en residencias sen test para dar datos homoxéneos e comparables”, insistiu.

“O Goberno de Madrid tamén ten que ter un papel nas residencias e non que cada autonomía decida”, dixo. “Pensei que o goberno ía facer máis porque agora hai que diagnosticar aos nosos maiores e facer un plan máis coherente. Nós xa intervimos residencias e tamén distinguimos entre as residencias onde hai máis afectados que son intervidas e no resto que non teñen tantos e que son tuteladas”, dixo.

Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta