Queda en liberdade o empresario detido por roubar dous millóns de máscaras e vendelas a Portugal

O home colleunas cando xa comezaban a escasear no mercado. Foton subtraídsd nunha nave do Polígono do Tambre está valorado nuns cinco millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2020 | Actualizada ás 10:01

Comparte esta noticia

O empresario detido en relación ao roubo duns dous millóns de máscaras almacenadas nunha nave en Santiago de Compostela, xunto a outro material sanitario, quedou en liberdade investigado por roubo con forza.

Así o informaron este luns fontes xudiciais despois de que o empresario arrestado pasase o pasado sábado a disposición do Xulgado de Instrución 1 de Santiago, en funcións de garda.

Ao finalizar instrución en relación con estes feitos, aclararon as mesmas fontes xudiciais, as partes poderán acusar do que consideren oportuno ao home investigado en relación con este roubo de material sanitario na capital galega.

OPERATIVO

Unha costurera confecciona unha máscara
Unha costurera confecciona unha máscara

O operativo comezou tras recibir o aviso de que na nave podería haber unha "gran cantidade de máscaras do modelo FFP2, luvas cirúrxicas, pantalóns, uniformes sanitarios, botiquines e alcol", informou a Vicepresidencia da Xunta nun comunicado.

A empresa, que se dedica á venda de material sanitario, está actualmente en situación concursal, puntualizaron as mesmas fontes da Xunta. Así, ante este aviso, os axentes solicitaron a autorización do administrador concursal e accederon ao interior da nave, onde comprobaron que a mercadoría fora subtraída.

En concreto, as máscaras foron roubadas case en toda a súa totalidade, puntualizou Vicepresidencia, xa que quedaron unhas mil unidades. Todo o material roubado, para o que se estima un valor aproximado dun cinco millóns de euros, foi extraído das súas caixas e plásticos protectores co "obxectivo de ocultar a súa procedencia", puntualizaron as mesmas fontes.

MATERIAL "MOI NECESARIO"

Vicepresidencia suliña "todo parece indicar que o roubo se produciu cando a pandemia do coronavirus xa estaba presente en varios países e era considerado un problema de saúde pública".

Por iso, os autores do roubo "eran plenamente conscientes de que este era un material moi necesario na loita contra a enfermidade e que xa empezaba a escasear no marcado", puntualizaron as mesmas fontes. De feito, fixéronse cos materiais "que máis demanda ten actualmente e deixaron outros que non están tan solicitados, como botas ou botiquines", apostilaron.

CÁMARAS DE SEGURIDADE

A partir dese momento comezou a investigación a través do exame de indicios, relataron as mesmas fontes, a comprobación das imaxes de cámaras de seguridade e a declaración de testemuñas.

Deste xeito, "toda a investigación apuntou a un empresario da cidade" que fora visto ao redor da nave e que, recentemente, mantivera supostamente unha reunión con cidadáns portugueses que, con posterioridade, accederon ao interior desta empresa, indicaron. A hipótese actual, subliñou Vicepresidencia, "é que, tras roubar o material sanitario, este foi vendido a unha empresa afincada en Portugal".

Por iso, procedeuse á detención do empresario pola súa suposta participación nos feitos. Unha vez tomada declaración, foi posto a disposición xudicial.

Na actualidade proseguen as pescudas para localizar ao resto de autores e as persoas que recibiron o material en Portugal, polo que se solicitou a colaboración das forzas e corpos de seguridade do país veciño, destacou Vicepresidencia, que engadiu que se vai a informar de toda a operación á Delegación do Goberno.

RUEDA SINALA O EMPRESARIO COMO PRINCIPAL RESPONSABLE

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou o empresario de Santiago como "o principal responsable". Asegurou tamén que "hai que felicitar a todos os efectivos que actuaron e permitiron descubrir o desvalixamento de ao redor de dous millóns de máscaras".

Sobre o ocorrido, Rueda comentou que no local "quedaron as caixas nada máis" das máscaras e sinalou que pertencían a unha empresa "en concurso de acredores" que tiña esa materia depositado no Polígono do Tambre.

"A Policía Autonómica recibiu unha información de que aquí podía haber material sanitario, tan necesario nestes momentos", explicou o vicepresidente, quen indicou que por iso este corpo entrou na nave, que estaba pechada, e achouna "totalmente desvalixada". "Calculamos dous millóns de máscaras", estimou Rueda, quen comentou que hai tamén caixas baleiras de luvas, pero descoñecen o "número exacto".

Todo iso, subliñou o vicepresidente autonómico, "demostra que se entrou con ánimo claro durante no mes de febreiro cando había unha alerta sanitaria e sabíase que o material era valioso e moi necesario". "Levárono todo, deixaron outro material que non ten a demanda de máscaras e luvas durante a pandemia", abundou.

ALCALDE

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asegurou este luns "descoñecer completamente as circunstancias" do roubo de material sanitario na capital galega polo que foi detido un empresario.

"Calquera roubo paréceme mal e se é de material sanitario e nun escenario como o de hoxe —en plena crise sanitaria do coronavirus—, paréceme terrible", limitouse a manifestar, antes de concluír que serán as autoridades competentes as que esclarezan o caso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta