O "poder sanador da comunidade" durante o proceso de dó

Unha psicóloga advirte: "Están por ver as consecuencias emocionais da pandemia nas persoas e na sociedade". Ante a imposibilidade de celebras as despedidas á vella usanza, as novas ferramentas tecnolóxicas poden presentársenos como unha boa alternativa.

Por E.P. | VIGO | 09/04/2020 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

A crise sanitaria, económica e social que se estendeu de forma paralela á propagación da pandemia de coronavirus cambiarao todo ou case todo. De feito, xa o está cambiando, e os ritos máis arraigados, os costumes máis asentados, tampouco son alleas a eses cambios. Entre os aspectos da vida cotiá que se viron afectados pola pandemia e polas restricións impostas para tratar de freala, está o proceso da morte.

Morrer en tempos de coronavirus non é fácil, nin para a persoa que se vai nin para os seus achegados, porque o escenario no que se produce ese proceso cambiou completamente: os enfermos de COVID teñen que estar illados e falecen sen a proximidade dos seus (aínda que a Xunta anunciou que se facilitará o acceso dun familiar á UCI nos momentos finais do enfermo), e o proceso posterior tamén cambiou radicalmente, coa supresión de velorios ou as restricións nos enterramentos. A iso súmase que esas limitacións se estenderon a todos os falecementos, independentemente das causas.

"Nestas circunstancias, quedou 'bloqueado' o ritual de despedida", apuntou a Europa Press a psicóloga Lorena Neto, do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). "Outros enfermos graves tamén resultaron afectados colateralmente, porque as restricións nos hospitais tamén lles incumben, e só pode haber unha visita por paciente", engadiu, á vez que concluíu que "hai unha afectación xeneralizada" aos "costumes de despedida da poboación xeral".

Esta psicóloga explicou que os "rituais de despedida" son unha ferramenta que axuda ás persoas (en función das crenzas de cada cal) a elaborar o seu dó, de maneira que facilitan a transición desde a dor, a rabia e a negación cara a unha emoción "moi resiliente e moi necesaria, que é a tristeza". "En Galicia, temos eses rituais moi próximos", apuntou, en referencia a costumes como os enterros e cerimonias que levan aparelladas reunións de "arroupe" xa que, á fin e ao cabo, "a morte é un proceso comunitario".

RISCO DE "PATOLOXIZAR" O DÓ

A crise sanitaria do coronavirus e todo o que trouxo consigo "bloqueou" eses rituais, segundo Lorena Neto, e fíxoo "por causas alleas" á vontade e ao "control" das persoas. "Necesitamos eses rituais para que a nosa mente sexa consciente de que pechamos esa dor, que pasamos a outra fase, e todo iso quedou truncado. Moita xente sente que non concluíu o proceso de despedida, que nin sequera o iniciou", recalcou.

Esta psicóloga advertiu de que esas especiais circunstancias poden impedir que se faga "un dósan" e que ese duelo "se patoloxice". "Iso pode levar á aparición da ansiedade, que non axuda, e a outras sensacións, como a dor, a falta de control ou a culpa, que provoca moito sufrimento", reflexionou.

NECESIDADE DE "REINVENTARSE" E BUSCAR "ALTERNATIVAS"

Lorena Neto sinalou que, nestes momentos, "é fundamental reinventarse" e "arrouparse de forma colectiva", polo que avogou por "atopar novos rituais" que axuden ás persoas a "despedirse dos seus seres queridos de forma temporal", e a aprazar "para cando se poida" unha despedida "á vella usanza". "Pero o importante é que o proceso continúe, que non quede bloqueado", insistiu.

A ese respecto, sinalou que as novas tecnoloxías da comunicación, o contacto a través de redes sociais, ou mesmo no ámbito da veciñanza (desde os balcóns e xanelas) poden axudar nesa situación. Aínda que é certo que a ausencia de proximidade física "pode parecer que nos deshumaniza", pódese tentar "minimizar" as consecuencias das perdas a través doutras ferramentas.

Nese contexto, Neto apuntou que as comunidades buscan esa proximidade en momentos transcendentes como a morte, mesmo en circunstancias especiais como, por exemplo, as desaparicións de mariñeiros. As súas familias, do mesmo xeito que ocorre agora, non poden despedirse, non pode haber un enterro, "pero poden participar noutros moitos rituais, teñen o apoio presente da súa comunidade, hai encontros, cerimonias relixiosas, etc.".

Con todo, na actual emerxencia sanitaria, na que a sociedade está "en estado de shock", eses rituais quedaron "completamente truncados" e "hai que inventar outras vías de comunicación que nos permitan seguir sentindo que formamos parte de algo". "O que máis nos preocupa son os colectivos vulnerables, como as persoas maiores que viven soas, que non teñen esas alternativas", advertiu e puxo o exemplo de persoas maiores, sen fillos ou con fillos ausentes, que sufriron algunha perda: "Aí non hai sostén comunitario, e o pouco que podería haber non está, porque non poden saír á rúa".

CONSECUENCIAS E ATENCIÓN PSICOLÓXICA

Para esta traballadora do GIPCE, as "consecuencias emocionais" que a crise sanitaria terá nas persoas e na sociedade a nivel psicolóxico "están por ver", aínda que sinalou que este colectivo profesional está a detectar "unha alta porcentaxe" de persoas que, a través da Atención Primaria ou dos servizos especializados "está a demandar axuda". "Piden apoio para atopar uns recursos novos dentro de si, poder entender a situación e saber como facer eses rituais de despedida doutra maneira", engadiu.

De feito, a Xunta e o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, co apoio de 112 Galicia, puxo en marcha, desde o pasado luns, un servizo de atención psicolóxica 24 horas por teléfono.

"O traballo (para os psicólogos) vai ir chegando, pero confiamos moito no poder 'sanador' da comunidade, o apoio ás persoas é labor noso e tamén da comunidade", matizou, e engadiu: "Estamos aínda na cuarta semana de confinamento, estamos a empezar a contactar e a acompañar ás persoas afectadas, non sabemos ben que nos imos a atopar".

IMPORTANCIA DO "RITO DE PASO"

Por outra banda, diversas antropólogas sinalaron a Europa Press a importancia do "rito de paso" porque cuestións como os velorios ou enterros son sinónimo de reunión de familias e veciños, co valor que iso ten en determinados ámbitos, sobre todo cando a poboación é dispersa. Configúranse como "feitos sociais importantes en todos os lugares", segundo apuntou Guadalupe Jiménez-Esquinas, profesora da USC e membro da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultura (Angantro).

A antropóloga de orixe galega Rosa García Orellán, profesora na Universad de Navarra e autora dun estudo comparativo entre a cultura vasca e a galega sobre a temática da morte, defende a existencia dunha relación "singular" da sociedade galega coa morte e cre, con respecto aos ritos fúnebres, que "a rede familiar e veciñal é esmerada con este xesto social e de dó".

Por iso, neses "ritos de paso", apuntou a Europa Press, "é de vital importancia o cumprimento da norma de 'estar alí'". "A parroquia, a familia, funcionan como clan, e este xesto público afianza a pertenza ao lugar e o sentimento colectivo de que o defunto pasa ao outro mundo", explicou.

Isto pode dar unha idea de ata que punto se viron alterados, coa crise sanitaria, eses actos en todos os lugares, e tamén en Galicia, onde o "diálogo coa morte" non é só íntimo, senón ás veces tamén público, como se aprecia, por exemplo, en celebracións e festividades, como a romaría de Santa Marta de Ribarteme.

Funeral
Funeral | Fonte: enterro EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta