Doenzas esquecidas en tempos da COVID: "O coidado da enfermidade do Parkinson non descansa"

Este sábado, 11 de abril, conmemórase o Día Mundial da enfermidade de Parkinson, a segunda enfermidade neurodexenerativa con maior prevalencia no estado. Neste tempo, é importante tamén non descoidar a atención a estoutras enfermidades. Eis uns cantos consellos para que os pacientes afronten mellor o confinamento.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Parkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa con maior prevalencia en todo o estado. Existen, polo menos, unhas 150.000 persoas afectadas. Nestes tempos de coronavirus e confinamento, resulta fundamental que estas persoas manteñan os coidados da súa enfermidade. 

Parkinson.
Parkinson.

Dende o Grupo de Trastornos do Movemento da Sociedade Española de Neuroloxía veñen de emitir uns cantos consellos para estes pacientes perante a propagación da COVID-19. Deixan claro, primeiramente, que "non hai evidencia dun maior risco de sufrir esta infección en persoas con Parkinson" e que "tampouco hai datos de que a enfermidade supoña un peor prognóstico en caso de sufrir a infección". Igualmente, os tratamentos utilizados non producen ningún risco de desenvolver a COVID, de maneira que se desaconsella o seu abandono.

A IMPORTANCIA DE MANTER AS RUTINAS

Recomendan tamén manter as rutinas na medida do posible e continuar en contacto cos seus profesionais habituais. Ao redor disto, o psicólogo Pedro Santamaría, membro do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e director do centro de día Net-Avó, sinala que a persoa debe manter eses pequenos hábitos de movemento e estimulación física e cognitiva. "É importante manter os horarios de espertar, asearse, almorzar... e buscar oquiños para exercicios de equilibrio e camiñar, seguindo as pautas médicas e psicolóxicas dos profesionais que o seguen habitualmente".

Se xorden picos de ansiedade ou desorientación, Santamaría lembra que as persoas coidadoras poden saír á rúa co paciente "tomando as medidas de precaución necesarias e cun informe médico conforme se trata dunha situación particular". Cómpre tamén que se lles facilite o contacto coa familia a través de chamadas ou videoconferencias para que siga conectada "no mesmo grao ou incluso máis".

Pedro Santamaría manda tamén unha mensaxe ás familidas de que "a sobreprotección non leve ao descoidado". "É importante seguir coas rutinas e acollerse a estas saídas pautadas en caso de enfermidade". Ás persoas que sofren a enfermidade e son autónomas, anímaas a que "sexan parte activa de todo isto" e "que se coiden de non contaxiarse elas e non contaxiar a outras". "O coidado da enfermidade non descansa, e o autocoidado tampouco debe parar", comenta o psicólogo.

De cara ao coidado das persoas maiores e persoas coidadoras sometidas a confinamento, o Colexio Oficial de Psicoloxía vén de publicar unha guía con información e recursos útiles. Doutra banda, dende a Sociedade Española de Neuroloxía resolven dúbidas ao redor do Parkinson e do coronavirus no seguinte vídeo:

O NÚMERO DE PACIENTES CON PARKINSON TRIPLICARASE NO 2050

A Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) estima que actualmente en todo o estado existen, polo menos, unhas 150.000 persoas afectadas por Parkinson, unha cifra que se triplicará dentro de 30 anos polo aumento da esperanza de vida e polos avances diagnósticos e terapéuticos que experimentou esta enfermidade.

Con todo, dende a SEN advirten que "aínda existen moitos casos sen diagnosticar". Hoxe en día, as persoas con esta enfermidade tardan unha media de entre 1 e 3 anos en obter un diagnóstico correcto. Deste xeito, os expertos estiman que máis do 50% dos novos casos que se producen cada ano -ao redor duns 10.000 novos casos- están actualmente sen diagnosticar. 

"Un dos principais factores que dificulta o seu diagnóstico correcto é que se tende a asociar esta enfermidade co tremor ou outro tipo de síntomas motores como rixidez ou trastornos da marcha e do equilibrio. Aínda que os problemas motores son os síntomas máis característicos desta enfermidade, estes non sempre se manifestan en todos os pacientes e non necesariamente son os primeiros en aparecer cando comeza a debutar a enfermidade", sinala o Dr. Pablo Mir Rivera, Coordinador do Grupo de Estudo de Trastornos do Movemento da Sociedade Española de Neuroloxía.

E é que aproximadamente un 30-40% dos pacientes con Parkinson non presentan tremor. Pola contra, nun 40% dos casos, a primeira manifestación do Parkinson é a depresión, aínda que a enfermidade tamén pode manifestarse en trastornos cognitivos, gastrointestinais, autonómicos, sensitivos ou do sono, informan dende a SEN.

"A enfermidade de Parkinson é unha enfermidade neurodexenerativa, crónica e progresiva. A neurodexeneración que provoca leva a unha diminución dos niveis de dopamina, coa consecuente aparición dos clásicos síntomas motores. Con todo, en moitas ocasións, a neurodexeneración comeza antes de que se manifesten tales síntomas, polo que o coñecemento e a identificación das manifestacións non motoras da enfermidade é básico para mellorar os tempos de diagnóstico", comenta o Dr. Pablo Mir.

NON SÓ AFECTA A PERSOAS MAIORES

Aproximadamente un 2% dos maiores de 65 anos e un 4% nos maiores de 85 padecen Parkinson a nivel estatal. Con todo, non se trata dunha enfermidade exclusiva de persoas maiores: déronse casos nos que o inicio da enfermidade se produce na infancia ou na adolescencia e aproximadamente un 15% dos casos actualmente diagnosticados en España corresponden a persoas menores de 50 anos.

Aínda que aínda non están claros todos os factores que inflúen á hora de desenvolver a enfermidade, describíronse máis de 20 mutacións xenéticas asociadas que poderían explicar preto do 30% das formas familiares da enfermidade (sobre todo aqueles casos de inicio temperán)  e o 3-5% das formas esporádicas. Ademais tamén se identificaron outros factores de risco como a idade, o sexo ou a exposición a certos factores externos, como certos tóxicos ou traumatismos cranioencefálicos.

O Parkinson afecta e progresa en cada individuo de maneira diferente. Trátase dunha enfermidade "que deteriora gravemente o estado de saúde, a autonomía e a calidade de vida do paciente", indican dende a SEN. Con todo, "sobre todo en etapas temperás da enfermidade, existen tratamentos de gran utilidade tanto para os síntomas motores coma os non motores que poden axudar a mellorar o prognóstico", destaca o Dr. Pablo Mir. "En todo caso, o tratamento dunha persoa que padece Parkinson debe ser multidisciplinar. Téñense que combinar medidas farmacolóxicas e terapias complementarias, e deberá ser o máis individualizado posible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta