G. Caballero pide á Xunta que clarifique a cifra de falecidos en residencias sen proba do COVID-19

Pide que se interveñan todas as residencias, especialmente, a de San Lázaro, en Santiago. Gómez-Reino denuncia que a Xunta mande a usuarios a residencias, supostamente limpas, e que se poden converter en "novos focos de contaxio". A Xunta pídelle ao Goberno de Sánchez que lle mande os datos de afectados en toda España.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2020 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou necesario que o Goberno galego clarifique a cifra de usuarios de residencias de maiores que faleceron durante a pandemia sen que se lles practicase a proba do coronavirus e que non figuran no cómputo oficial.

Nunha rolda de prensa telemática ofrecida este xoves, o xefe de filas dos socialistas galegos asegurou ser "consciente" de que nestas xornadas morreron usuarios en residencias "despois de estar a compartir moitos días con contaxiados" e que "non computan" tendo en conta que "non se lles fixeron as probas".

"Creo que o Goberno de Galicia debería facer unha clarificación porque haberá que ver se hai tamén falecementos en residencias sen que se lles fixesen o test pertinentes e sen poder cuantificalos", incidiu Gonzalo Caballero.

O socialista, que rexeitou "crear ningún tipo de alarmismo", considerou necesario aclarar esta cuestión da que asegurou ter coñecemento polas familias e os traballadores das residencias. "Queremos ser tamén a voz das familias que a Xunta non está a atender de forma adecuada e que senten abandonadas", manifestou.

Na súa intervención, ademais, criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non teña a "suficiente empatía" cando fala de persoas falecidas nestes centros. "Detrás dos números hai persoas e hai que ter moita cautela", subliñou.

"O MAIOR PROBLEMA"

O secretario xeral do PSdeG sostivo que a situación das residencias de maiores e persoas con diversidade funcional segue sendo o "maior problema" na loita contra o virus en Galicia tendo en conta que "seguen existindo residencias con contagios masivos sen intervir" como, segundo indicou, dáse na Domus V de San Lázaro, en Santiago.

"Cada día que pasa en Galicia hai máis falecidos en residencias, hai que intervir en todas nas que hai situacións de gravidade, a Xunta non se pode pór de costas", subliñou. Ademais, Gonzalo Caballero criticou que Núñez Feijóo asegurase o mércores en rolda de prensa descoñecer o informe do Consello de Contas no que se alerta de "deficiencias e incumprimentos" nas residencias galegas.

Coronavirus.- PSdeG urxe á Xunta acordar co Parlamento un plan de medidas para empresas, autónomos e traballadores. PSDEG
Coronavirus.- PSdeG urxe á Xunta acordar co Parlamento un plan de medidas para empresas, autónomos e traballadores. PSDEG | Fonte: Europa Press

EDUCACIÓN

Por outro lado, o secretario xeral do PSdeG asegurou que corresponde ás autoridades sanitarias competentes decidir sobre a saída dos nenos das casas e rexeitou as "conversas de café" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre esta cuestión.

"Estou moi preocupado porque os nenos non están a saír das casas e é unha situación excepcional, pero corresponde ás autoridades competentes analizar a situación e se hai argumentos dun comité clínico, que os poña enriba da mesa e trasládeos ao mando único", manifestou.

"Seguir facendo conversas de café desde a rolda de prensa do Goberno galego sen saber se é un informe ou se é unha opinión do presidente da Xunta creo que é entrar nun debate de areas movedizas que non soluciona nada", manifestou.

Por iso, tamén considerou que sería "positivo" que o comité clínico da Xunta trasladase "en boca propia" aquelas recomendacións sanitarias que queira dar a coñecer.

GALICIA EN COMÚN

Pola súa banda, o líder de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, destacou que a situación das residencias en Galicia é "moi preocupante" e criticou ao Goberno galego por non intervilas todas, especialmente, tras o informe do Consello de Contas do 2017 que detectour irregularidades nestes centros.

Tamén se referiu á situación da residencia da Xunta en Panxón. "Non é normal que a Xunta  mande aos usuarios de residencias a un espazo que non é seguro e que se pode converter nun novo foco de contaxio. Iso si que nos preocupa a todos", dixo nunha rolda de prensa telemática.

XUNTA

Por outra banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, reclamou ao Goberno central que publique os datos sobre a incidencia do coronavirus nas residencias de maiores a nivel nacional.

Esta demanda de García segue a liña da realizada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a pasada xornada nunha rolda de prensa. Para a conselleira é "xusto que todos os cidadáns poidan coñecer este dato para dimensionar adecuadamente a magnitude da situación".

Unha vez que as comunidades "facilitaron os datos sobre residencias ao Ministerio de Sanidade" o pasado martes, 7 de abril, resulta "necesario" que a cidadanía coñeza "a incidencia" da enfermidade a nivel nacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta