Piden calma á poboación ante síntomas alérxicos que nada teñen que ver coa COVID-19

A Sociedade Galega de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica establece as principais diferenzas entre os principais síntomas destas enfermidades. Subliña que "non existen datos de que os pacientes alérxicos presenten maior risco de contraer a COVID-19".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2020 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SGAIC) fai un chamamento de calma aos pacientes alérxicos e indica as diferencias a ter en conta entre alerxia e a COVID-19, nuns momentos nos que "estamos a ver que os pacientes polínicos comezan a ter síntomas de rinite, conxuntive e asma".

Alerxia vs Covid-19
Alerxia vs Covid-19 | Fonte: SGAIC.

Para diferenciar estes síntomas dos da COVID-19 destacan que na alerxia predomina o proído nasal e ocular, os esbirros e a rinorrea acuosa (moco transparente), namentres que na COVID-19 non está descrito o proído e os esbirros como síntomas, nin os síntomas oculares típicos da alerxia primaveral.

En canto ao asma, se reitera que os pacientes alérxicos deben facer o seu tratamento de xeito pautado para evitar complicacións e asistencias a urxencias innecesarias; pero en caso de empeoramento franco e febre asociada deben chamar aos números dispoñibles para descartar a COVID-19.

A tos é un dos síntomas comúns que se pode presentar tanto no asma alérxica coma na COVID-19 e para distinguir ambas entidades hai que fixarse no resto da sintomatoloxía acompañante.

Así, desde a SGAIC  apuntan que na alerxia a tos normalmente está acompañada de síntomas nasais típicos como o proído, os esbirros e a rinorrea, que é acuosa, ademáis os pacientes alérxicos responden de maneira axeitada aos antihistaminicos; namentres na COVID-19 non existe proído, esbirros, nin síntomas oculares e dificilmente pode solventarse con antihistamínicos.

De maneira xeral, indican que "non existen datos de que os pacientes alérxicos presenten maior risco de contraer a COVID-19; pero insistimos no deber de cumprimentar o tratamento de maneira axeitada para evitar complicacións no caso de infección", advirten.

"O pulmón do asmático é máis susceptibel de inflamarse durante as infeccións víricas, motivo polo cal a recomendación é a de extremar as precaucións para evitar contraer a COVID-19 e facer o tratamento pautado de maneira axeitada para evitar posibles crisis ou empeoramentos no caso de infección", indican os expertos da SGAIC.

"Desde SGAIC queremos tranquilizar os nosos pacientes, insistindo no cumprimento terapéutico para controlar os síntomas da alerxia ao polen ao comezo da primavera e para evitar a confusión cos síntomas que se comparten coa COVID-19", engaden.

Principais diferenzas entre alerxia e COVID-19. Fonte: SGAIC
ENFERMIDADES RESPIRATORIAS
ALÉRXICAS
COVID-19
Non febre Febre
Sensación de falta de aire que mellora
cos inhaladores habituais
Sensación de falta de aire permanente
que non mellora cos inhaladores
habituais
Proído nasal, ótico, palatino e ocular Non hai proído
Esbirros, rinorrea acuosa Sen esbirros. Rinorrea mucosa ou
purulenta
Lagrimeo,
hiperemia conxuntival (ollo vermello)
Sen síntomas oculares
Non hai dor muscular, nin diarrea Malestar xeral, diarrea, dor
muscular

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta