Celaá non contempla aprazar a Selectividade ata setembro: "Sería moito esforzo para o alumnado"

A ministra descarta tamén substituír as probas por avaliación continua se non se puidesen celebrar de forma presencial.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 18/04/2020 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, asegura que non contempla a opción de aprazar as probas de acceso á universidade, a antiga Selectividade, ata setembro no caso de que a pandemia do coronavirus impedise os exames presenciais no calendario previsto, entre finais de xuño e principios de xullo.

Probas de Selectividade
Probas de Selectividade | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista a Europa Press, a ministra descarta esta opción porque "sería moito esforzo para o alumnado, que está a traballar moito e moi ben desde o pasado mes de setembro" na preparación das probas. Celaá admite, con todo, que aínda non pensou nunha alternativa no caso de que as autoridades sanitarias desaconsellen a celebración da Selectividade a principios de verán.

"Traballaremos na alternativa simplemente polo que poida pasar, pero de momento queremos soster con firmeza o que é un acordo coas comunidades", explica Celaá, en referencia á decisión de atrasar a Avaliación de Acceso á Universidade (EvAU) varias semanas tras a suspensión das clases polo coronavirus.

En concreto, o Goberno e as comunidades autónomas acordaron, o pasado mes de marzo, celebrar as probas da EvAU entre o 22 de xuño e o 10 de xullo, permitindo que a convocatoria extraordinaria poida realizarse ata o 10 de setembro. Antes da pandemia, as probas estaban previstas para antes do 16 de xuño en todas as comunidades autónomas.

Celaá considera que é pronto para pensar nun plan alternativo aos exames presenciais da EvAU. "Segundo se vaia achegando a data, e se vemos que non se abren as condicións sanitarias suficientes, ese plan estará enriba da mesa", garante a ministra.

En todo caso, Celaá descartar substituír a proba, que cada ano realizan máis de 200.000 estudantes de Bacharelato, por unha avaliación continua, como se decidiu en Francia. "Decántome porque o alumno ten que ser capaz de superar o seu acceso á universidade", sostén Celaá.

CLASES CON MÁSCARAS, DISTANCIA E LAVADO DE MANS

A ministra de Educación e Formación Profesional mantén a esperanza, sempre que o permitan as autoridades sanitarias, de que os estudantes de ensinos non universitarios poidan regresar ás aulas polo menos uns días en xuño, antes de que finalice o curso, aínda que o teñan que facer con máscara.

"É evidente que as medidas hixiénicas, tal e como as reitera o ministro de Sanidade, deben ser observadas e por tanto teremos que pensar en fórmulas que permitan esas mediadas de distancia, máscaras e lavado de mans", enumera Celaá.

Unha vez finalizado o curso, os centros educativos poderían abrir este verán, como acordou o Goberno coas comunidades autónomas o pasado mércores. De novo, todo dependerá da evolución da pandemia, pero a medida pretende paliar o déficit de aprendizaxe do alumnado que se desconectou durante o confinamento con clases de reforzo integradas en programas de lecer e tempo libre nos colexios e institutos.

"Todos os veráns proporciónase aos estudantes estes programas, e este ano queremos integrar eses programas conectándoos con coñecementos", explica Celaá, desvelando que hai ONG interesadas en participar nestas actividades, coa axuda de voluntarios, aínda que a ministra non descarta contratar a persoal docente.

"Veremos como se desenvolve o programa porque o primeiro que temos que coñecer é se temos as condicións sanitarias para podelo efectuar, pero traballamos coa idea dun programa coa incorporación de moitas persoas para dirixir a actividade ao reforzo de coñecementos que os máis vulnerables non adquiriron durante o curso", engade a titular de Educación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta