Os médicos galegos piden que se fagan tests aos profesionais de Primaria cada cinco días

Instan a ter os profesionais "perfectamente protexidos" para que "non se contaxien", porque "se non cae o sistema".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2020 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

Os colexios de médicos de Galicia piden á Consellería de Sanidade que se faga test da COVID-19 aos profesionais de Atención Primaria "cada cinco días" cando, no proceso de descalada, na asistencia presencial faga seguimento a estes pacientes e ao resto de usuarios.

Test de Covid-19
Test de Covid-19

Así o explicou o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, Isidro Lago, quen avanzou que este mércores pola tarde terán unha reunión telemática o presidente do catro colexios galegos con Sanidade.

O doutor Lago sinalou que pedirán ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que se realicen os tests aos médicos de Atención Primaria "cada cinco días" porque "son a primeira liña de batalla" no sistema sanitario.

Así mesmo, as entidades colexiais reivindican a protección destes sanitarios nos centros de saúde galegos con equipos de protección individual (EPI) e máscaras.

Lago incidiu en que, ante o proceso de desescalada tras o confinamento durante o estado de alarma pola crise sanitaria, os médicos de Atención Primaria "están preparados" para volver atender os seus pacientes, pero reivindicou que deben estar "perfectamente protexidos" e "facer con regularidade tests" de detección de COVID-19.

Neste sentido, o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos insistiu en que os profesionais estean "perfectamente controlados para que non se contaxien" porque, subliñou, "se non cae o sistema" porque "xa se de seu a Atención Primaria estaba saturada" e, se faltan estes profesionais, sentenciou, "vaise volver saturar".

"CON MOITO TINO E COORDINACIÓN"

Pola súa banda, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) considera que, ante unha segunda etapa de "desescalada" nas próximas semanas na que "paulatina e progresivamente" se volverá "á normalidade", "é importante que as medidas que se tomen a partir de agora se fagan con moito tino e co coñecemento e coordinación de todos os profesionais".

"Na primeira fase botamos de menos unha maior implicación da Atención Primaria, que debe ser a primeira liña de contención da enfermidade e, nesta segunda, sería un erro imperdoable non implicar ao primeiro nivel asistencial", avisa esta asociación.

Por iso, Agamfec asegurou que van "contactar coas diferentes sociedades científicas de Atención Primaria e os colexios profesionais de médicos e de traballo social" para "propor ao máximo nivel da Xunta" a participación dos profesionais deste nivel asistencial, a través das súas sociedades, nos comités para o seguimento desta fase.

Deste xeito, reclama a "participación activa" da Atención Primaria nas medidas "a tomar con transparencia e responsabilidade", apostilou Agamfec.

Ao seu xuízo "isto pasa por fortalecer a Atención Primaria e dotala das medidas diagnósticas e de protección necesarias coas normas, protocolos e definicións claras e funcionais". "Se apostamos por unha participación e implicación da Atención Primaria e a comunidade poderemos evitar unha segunda onda que poida saturar o sistema sanitario", sentencia esta asociación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta