Xunta e Fegamp buscan "coordinar" a reprogramación de eventos culturais

O Executivo pediu ao Goberno central unhas datas "orientativas" de como se realizará o desconfinamento paulatino.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2020 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordaron colaborar para "coordinar" a reprogramación dos eventos culturais que foron suspendidos ante a crise sanitaria provocada pola Covid-19, para o que compartirán unha plataforma.

Esta vontade de colaboración foi pactada este mércores polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, nun encontro que ambos mantiveron a través de videoconferencia.

Durante a reunión, o titular de Cultura subliñou a "necesidade" de traballar "man a man" coas entidades locais e as distintas administracións. Todo iso co obxectivo de "reactivar o tecido cultura e turístico galego, unha vez que finalice a actual crise sanitaria".

Así, avanzou que porá "a disposición da Fegamp" a plataforma en liña encargada de recoller e promocionar os distintos eventos culturais de Galicia, para facilitar a reprogramación das actividades, "de forma coordinada e evitando solapamentos".

Para Román Rodríguez, as administracións locais "xogan un papel fundamental no apoio ás industrias culturais" da autonomía, dado o peso que este sector ocupa na estrutura do seu gasto público e ao ser titulares de dotacións e equipamentos que permiten achegar todo tipo de creacións á cidadanía.

Así mesmo, o conselleiro de Cultura e Turismo incidiu na necesidade de traballar de forma conxunta no deseño de protocolos para a celebración de diferentes eventos culturais e turísticos, realizados nos concellos galegos para "garantir a máxima seguridade dos participantes".

Pola súa banda, o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, garantiu que o sector cultural "pode contar co esforzo da municipalidade", porque é "importantísimo, non só como tecido económico, senón porque achegan unha materia prima fundamental para a identidade e a construción da sociedade".

Varela propuxo a celebración dunha reunión conxunta cos axentes do sector de organización de eventos e actos culturais que leven a reunión de persoas. Unha cita na que o presidente da Fegamp considera "imprescindible" a participación das deputacións provinciais que "xa están a arrimar o ombreiro con diversas iniciativas".

CALENDARIO ORIENTATIVO

Doutra banda, para poder avanzar na folla de ruta, a Xunta lembra que é preciso ter o calendario de desescalada, que aínda non se coñece. Neste sentido, dixo que se pediu ao Goberno central unhas datas "orientativas" de como se realizará o desconfinamento paulatino.

"Son industrias (a cultura e o turismo) vitais en Galicia pola súa capacidade de creación de emprego e, moi especialmente, nalgúns concellos cunha elevada dependencia destes sectores", puntualizou. Nos próximos días haberá unha nova reunión cos axentes culturais implicados.

SECTOR TURÍSTICO

No encontro tamén participou tamén a directora de Administración local, Marta Fernández Tapias; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

Román Rodríguez destacou a cooperación á hora de avanzar nalgunhas das accións impulsadas polo Goberno galego no ámbito cultural e turístico, como a elaboración dun plan de seguridade sanitaria para o turismo da Comunidade, que permita "recuperar a confianza dun sector fundamental na economía de moitos concellos".

No marco desta folla de ruta, a Xunta aposta por medidas "específicas" nos municipios turísticos e polos que transcorre o Camiño de Santiago, "co fin de favorecer a reactivación desta actividade e da Ruta Xacobea".

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nunha videoconferencia co presidente da Fegamp, Alberto Varela.. XUNTA
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nunha videoconferencia co presidente da Fegamp, Alberto Varela.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta