Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 23/04/2020 | Actualizada ás 22:00
As autoridades sanitarias bateron de fronte e de maneira moi violenta co coronavirus dentro das residencias de maiores. Había estudos chineses que apuntaban un número maior de mortandade entre persoas maiores con patoloxías previas. Aínda así, as diferentes administracións non actuaron todo o rápido que deberan, segundo algúns expertos, familiares, oposición e sindicatos.
En Galicia, a Xunta decidiu a finais de marzo concentrar os casos máis graves en dúas residencias que se denominaron integradas porque pasaron a estar medicalizadas. O obxectivo era tratar dentro delas os casos de persoas contaxiadas. Para iso habilitáronse espazos específicos con profesionais vidos de diversas partes de Galicia así como de diferentes organismos dependentes da administración galega.
POR QUE ESTE MODELO?
Miguel Ángel Vázquez, xerontólogo e ata o mércores 22 de abril director da residencia de Baños de Molgas, en conversa con Galicia Confidencial, lembrou que recomendara facer diagnósticos precoces en residencias de maiores e separar as persoas enfermas das que non o estaban.
O propio Vázquez sinalaba lentitude por parte das autoridades para dar resposta ao que podería suceder e sucedeu nas residencias de maiores, por iso “insistimos en separalos, porque quen contaxiaba eran persoas que tiñan multiples patoloxías”. En vista de que as residencias, sobre todo privadas, non tiñan espazos acaídos para os enfermos, ou fixeron tarde e mal a separación de enfermos, Política Social decide intervir.
“Chamounos Fabiola García e nós comentámoslle a necesidade de residencias ou centros intermedios para as persoas contaxiadas e logo facer analíticas a quen quedaba nas residencias” describe Miguel Ángel Vázquez. Por outra parte, a incidencia da COVID-19 en residencias privadas en Galicia foi superior ás públicas “por unha cuestión aritmética”, sinala Vázquez. Aproximadamente só o 20% das residencias son públicas e o resto privadas, algunhas con prazas concertadas.
As residencias privadas non tiñan o persoal abondo nin a preparación necesaria para afrontar o que viña encima. “Moitas residencias non teñen enfermeiras porque non teñen obriga legal de telas, porque non son centros sanitarios. Non hai ningunha residencia en España con médico as 24h” di Vázquez.
DESEÑAR UN MODELO DESDE CERO
As residencias integradas dependen da área sanitaria onde están implantadas, Santiago e Ourense neste caso. A Consellería de Política Social pon o persoal e a atención está baixo a supervisión do SERGAS. Non obstante, chegar a desenvolver un proxecto onde as diferentes competencias poderían delimitar o traballo dos profesionais, non foi un camiño fácil e mesmo poderían aparecer fallos.
Pero son unha boa solución? “Quero crer que teñen que ser positivas e con algún fin positivo, porque o seguinte paso é derivar aos hospitais, por tanto a medicalización de residencias ten que dar froitos” di Javier Lareu de CCOO. “Converter residencias en hospitais é imposible, de aí que se usase o eufemismo de medicalizar as residencias” indica Lareu.
O uso destas integradas por parte de centros privados, responde a que a atención que reciben as persoas derivadas é por parte de “persoal do SERGAS e Política Social” di Xan Carlos Ansia da CIG. Para Ansia a Consellería de Política Social “está soportando a carga das residencias privadas que non souberon inspeccionar e controlar”.
O caso é que por exemplo, en Baños de Molgas, unhas instalacións recén acabadas, houbo que mellorar a traída de auga, a toma de electricidade ou mesmo resolver problemas de cátering. As quendas organizáronse para que se traballasen sete días e logo catorce de libranza. “Os catorce días era o tempo que estimabamos prudente para saber se unha persoa estaba contaxiada ou non”. E con todo, houbo fallos.
A esta residencia chegaran máscaras defectuosas das entregadas polo Estado e logo repartidas pola Xunta. “As compañeiras informaron por whatsapp que desde a dirección informan que o SERGAS comunica que o lote de FPP2 que entregaron ao equipo 2 son defectuosas” di Lino Díaz de UGT. Só afecta a un equipo. O propio Miguel Ángel Vázquez, en conversa con Galicia Confidencial confirmaba un positivo no equipo 2, o que recibira as máscaras defectuosas. O pasado día 22 de abril fixéronse probas das que aínda non se coñecen os resultados.
ÁS CEGAS?
“Cremos que isto se fixo con moita présa, é certo que había que separar persoas contaxiadas das que non o estaban, cousa que se está facendo agora das residencias de maneira habitual” di Javier Lareu, que insiste en que “a maioría dos casos son desviados a estas residencias integradas”.
Outra cuestión era de onde sacar persoal suficiente para atender estas novas instalacións. Unha solución foi enviar traballadores e traballadoras do Consorcio Galego de Benestar, que “son o servizo low cost do persoal que teñen” di unha traballadora do Consorcio. Este persoal non forma parte de momento, do persoal laboral da Xunta de Galicia.
“Esta xente fai todo tipo de traballos” di Xan Carlos Ansia. Persoal de Política Social dentro de residencias privadas baixo a supervisión do SERGAS. Todo isto podería levar á descoordinación do persoal. “Claro que é descoordinación e falta de criterio, porque cando traballas a golpe de improvisación, actúan en cada lugar de maneira distinta e caótica”.
Traballouse ás cegas? Miguel Ángel Vázquez di que si. “Nun estado de alarma pode saír todo mal porque non hai precedente, non hai sitio onde se teña montado nun mes un centro destas características”. Con todo, Vázquez está convencido de que o tempo e o sentido das cousas “nos dará a razón”.
As residencias integradas foron froito da improvisación. A resposta a isto é que había e hai, un estado de cousas totalmente descoñecido para o que non había sistema preventivo. As residencias privadas usan estas integradas por falta de medios, por iso foi o sistema público quen puxo persoal e medios, e aínda con iso, o presidente Feijóo segue a defender modelos privados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.