A primeira saída dos nenos en Galicia desenvólvese sen incidentes nin denuncias por incumprimentos

A relaxación do confnamento permite que case 300.000 menores de 14 anos poidan saír das súas vivendas en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/04/2020 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

A primeira saída dos nenos (menores de 14 anos) galegos desde que se decretou o estado de alarma e o confinamento obrigatorio produciuse sen incidentes nin apenas denuncias por incumprir as normas e condicións desa medida 'de alivio', segundo trasladaron fontes da Delegación do Goberno e das policías locais das principais cidades.

Primeiro día de saída de menores de 14 anos en Galicia polo estado de alarma polo coronavirus
Primeiro día de saída de menores de 14 anos en Galicia polo estado de alarma polo coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Case 300.000 nenos de Galicia podían saír á rúa este domingo, por primeira vez nun mes e medio e, segundo os datos da Delegación, as saídas producíronse sen problemas, e respectando de forma maioritaria as condicións: un só adulto para acompañar ata a 3 nenos; mantendo o distanciamento social; paseos dun máximo dunha hora (entre as 9 e as 21 horas); e a un quilómetro do domicilio.

Tan só no Concello de Ourense a Policía Local tramitou unha proposta de sanción por saltarse esas normas. Nese caso, debeuse a que dous adultos saíron cun menor, segundo fontes municipais.

No caso de Vigo, o alcalde, Abel Caballero, confirmou que non se tramitou "nin unha denuncia" contra pais por incumprir as normas nesta primeira saída con menores. Tampouco se notificaron propostas de sanción en Pontevedra, nin na Coruña, Lugo, Ferrol ou Santiago, aínda que as policías locais fixeron "requirimentos" cando, como no caso da capital compostelá, se produciron "aglomeracións puntuais".

Con respecto á previsión de que a partir do 2 de maio poida haber saídas para facer deporte de forma individual ou paseos en familia (de membros que convivan no mesmo domicilio), a Delegación do Goberno en Galicia lembrou que, de momento, non se estableceron medidas concretas para evitar aglomeracións, máis aló dos labores de control e vixilancia que os corpos e forzas de seguridade están a levar a cabo desde que se decretou o estado de alarma

A ese respecto, fontes da Delegación lembraron que, en todo caso, queda por coñecer as condicións concretas nas que se poderán realizar esas saídas e que, en todo caso, actuarase segundo as recomendacións das autoridades sanitarias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta