A Deputación de Pontevedra pide á Xunta un plan para a desinfección de municipios

López Font di que as desinfeccións do Consorcio Anti Incendios se realizan "para dar cumprimento" ao ditado polo Goberno galego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2020 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra instou este martes á Xunta a elaborar "un plan de continxencia" para que, cando termine o estado de alarma, proceda "á obrigada desinfección de todos os espazos públicos de todos os concellos da provincia", xa que é "a única administración competente".

Así o asegurou este martes o deputado provincial responsable de Réxime Interior, Carlos López Font, quen engadiu que "sería a primeira medida" do Goberno galego. "Porque ata agora non tomou ningunha", afeou.

Así mesmo, o deputado respondeu ao PP, que criticou a planificación das limpezas realizadas polo Consorcio Provincial Anti Incendios, que esta é "a única" desinfección que realiza o goberno de Carmela Silva e que "o fai para dar cumprimento á orde ditada pola Xunta".

Neste sentido, explicou López Font, a Deputación "aínda non ten ningunha competencia neste labor de saúde pública", polo que se ve "obrigada a facelo como ditou a Xunta". "Repito: o que estamos a facer é cumprir unha orde da Xunta", insistiu.

O CALENDARIO, "ORDENADO POLA XUNTA"

O deputado socialista tamén detallou que a lista de concellos e o calendario onde se realizan as desinfeccións "tamén é ordenada pola Xunta". Por iso, "é a Administración autonómica a que tiña que poñelo en coñecemento dos concellos porque é a súa decisión e os seus calendarios".

"Sorpréndenos que a Dirección Xeral de Emerxencias non estea a funcionar de forma coordinada, tampouco os responsables do mando único, neste caso o de Pontevedra, que foi quen se dirixiu á Deputación ordenando estas actuacións", esgrimiu López Font.

Desinfección dos coches policiais ©  Miguel Núñez
Desinfección dos coches policiais © Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta