O SLG critica as "absurdas restricións" á viticultura de autoconsumo e pide medidas de apoio para o sector

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2020 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego expresou a súa "desconformidade" ante as "absurdas restricións" que "impiden o coidado das viñas de autoconsumo" ou esta actividade a un nivel non profesional, á vez que reclamou medidas de apoio para o sector do viño durante a crise do coronavirus.

Na actualidade, explicaron a través dun comunicado, limítase o acceso só a viñas que están no mesmo termo municipal que a persoa titular ou a cinco quilómetros como máximo, se están noutro concello.

Isto, apuntan, "denota un profundo descoñecemento da realidade galega", xa que "a especial situación xeográfica dos cultivos de vide e a estacionalidade dos seus traballos e coidados favorecen o feito de que moitas persoas teñan viñas a distancias moi superiores ás establecidas na orde da Consellería de Medio Rural".

Así, o SLG avoga por que "se permita ás persoas que teñan viñas poder coidalos e traballalos con independencia da distancia a que se atopen". No relativo ás persoas que se dedican profesionalmente á viticultura, "un dos sectores máis castigados polo impacto da crise" da COVID-19, o sindicato reclama axudas e medidas de apoio para un ámbito "colapsado polo peche da hostalaría" e que pode "empeorar" nas próximas semanas.

PLAN DE COMERCIALIZACIÓN EN LIÑA

Dentro do mesmo sector, as adegas inscritas no Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro contarán nos próximos días con ferramentas que lles permitan potenciar a comercialización en liña dos seus produtos.

Así o anunciou o seu presidente, Juan M. Casares, que avanzou a posta en marcha dun Plan de Acción da denominación nos medios dixitais, con orzamento propio, para "promocionar e potenciar as vendas" e axudar ás adegas a superar a actual situación de crise.

Esta acción deriva en orixe das conclusións do 'Estudo socioeconómico e Estratéxico do CRDO Ribeiro', presentado na Arnoia o pasado 8 de febreiro e financiado pola Deputación Provincial de Ourense. Nese documento establecíase como unha das debilidades da Denominación de Orixe, o uso das canles de comercialización en liña das adegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta