PSdeG, Galicia En Común e BNG critican a Feijóo por xogar coa data das eleccións galegas

Caballero critica ao presidente galego por estar en "modo electoral" e o BNG insiste en que as galegas teñen que celebrarse cando haxa seguridade sanitaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2020 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

Socialistas e nacionalistas criticaron duramente a Feijóo por xogar coa data das eleccións galegas e non ser contundente para descartar a súa convocatoria en xullo. Así, O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que Feijóo ten unha estratexia "en clave electoral" e a líder do BNG, Ana Pontón, dixo que as eleccións non as pode poñer o lehendakari vasco.

Votacións. Eleccións municipais e europeas do 26 de maio de 2019. Papeletas. Colexio CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo
Votacións. Eleccións municipais e europeas do 26 de maio de 2019. Papeletas. Colexio CEIP Cruceiro de Canido de Ferrol (A Coruña). EUROPA PRESS - Arquivo

"Os galegos que coñecemos a Feijóo sabemos que detrás das súas roldas de prensa hai sempre un interese electoral e que el está a pensar en como salvar o seu escenario cando haxa eleccións en Galicia", manifestou o xefe de filas dos socialistas galegos. Nunha rolda de prensa celebrada este xoves de forma telemática, Gonzalo Caballero, considerou que o presidente da Xunta, ao que lle lembrou a súa condición de "interinidade" tras o acordo alcanzado polos principais partidos para suspender os comicios fixados para o 5 de abril, "débelle a Galicia unha clarificación" do que fala co lehendakari vasco, Íñigo Urkullu.

"A súa estratexia oculta ten que compartila co conxunto do país, das forzas políticas que acordamos o adiamento electoral", sostivo Gonzalo Caballero. "Estamos nun escenario de pandemia no que aínda o ritmo do país non está colleito e no que hai distintos elementos que mostran que pode haber brotes ou non e no que a incerteza é difícil de controlar", engadiu. Neste sentido, incidiu en que, nestes momentos, o país está "centrado" en recuperar certa normalidade e na saída do confinamento.

GALICIA EN COMÚN

Pola súa banda, o portavoz de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, insistiu en que "non é momento para falar" das eleccións galegas pois considera que o "esforzo" dos responsables políticos debe concentrarse en "axudar a conter a epidemia e a crise económica" que provocou.

Así, a candidatura de coalición entre Podemos, Esquerda Unida e Anova discrepa da posibilidade de que as eleccións galegas suspendidas en marzo se celebren para o mes de xullo, un escenario que, segundo Gómez-Reino, descarta Galicia en Común.

"Todo o esforzo dos responsables políticos, os traballadores e a militancia dos partidos que conforman Galicia en Común, como activistas políticos pero tamén como cidadáns, está centrado en axudar a conter a epidemia e a crise económica á que nos abocou", incidiu.

BNG

No mesmo sentido se expresou Ana Pontón, que insistiu en que as eleccións deben celebrarse "cando se dean as condicións de seguridade sanitaria para os galegos". "Nin un minuto antes, nin un minuto despois", aseverou. Así, manifestou que o BNG "foi a primeira forza en pedir aprazar as eleccións" porque, insistiu, "a prioridade é a saúde das persoas". "Mantemos o mesmo criterio, as eleccións deben celebrarse en condicións de seguridade sanitaria para os galegos, nin un minuto antes, nin un minuto despois", remarcou.

dito isto, Pontón confiou en que a data das eleccións galegas "se fixe" na Comunidade e "non a marque" o lehendakari Urkullu, en referencia a que a cita cancelada do 5 de abril convocouse en Galicia despois de que o dirixente vasco anunciase os comicios nesta autonomía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta